Asociacións culturais da comarca de Sarria premian ao escritor Agustín Fernández Paz

O XI Premio Ramón Piñeiro-Facer País recaeu no escritor de Vilalba fronte a 45 candidaturas

Carlos López Sierra e Manuel Fernández Arrojo, secretario e directivo da Asociación Cultural Val de Láncara, organizadora do premio Ramón Piñeiro-Facer País, xunto con Xurxo Rodríguez Lozano, do CPI Ramón Piñeiro de A Pobra de San Xiao, comunicaron o pasado 14 de setembro a decisión do xurado de conceder este galardón, na súa undécima edición, ao escritor, pedadogo e activista cultural nado en Vilalba Agustín Fernández Paz. O fallo do xurado deuse a coñecer nun acto celebrado no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela, e a entrega do premio, que carece de dotación económica, terá lugar en Láncara a finais do mes de outubro.

VALORACIÓN DO SEU TRABALLO LITERARIO, PEDAGÓXICO E A PROL DA CULTURA GALEGA

O xurado valorou a candidatura de Fernández Paz, entre as 45 que foron consideradas nesta undécima edición do premio Ramón Piñeiro-Facer País, polo seu “decidido compromiso con Galicia e a lingua galega”. Os membros do xurado suliñaron tamén, alén da “innovadora e longa obra narrativa, traducida e recoñecida do premiado e o seu traballo a prol da renovación pedagóxica”, o feito de que a súa obra “en tempos de globalización permite a incorporación das novas xeracións ao coñecemnto dos valores propios da cultura e a lingua galegas”.

“LABOR CONSTANTE E CALADO PARA FACER PAÍS E DEIXAR EN HERDO ÁS NOVAS XERACIÓNS UNHA GALICIA ANOVADA”

Asimesmo, o xurado destacou en Fernández Paz “a súa peripecia vital e profesional no ámbito educativo e a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza”, que o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos que co seu labor constante e calado andan a facer país e ensinan a facer país ás xeracións que recibirán en herdo unha Galicia anovada”.

LÁNCARA, BERCE DO INSIGNE GALEGUISTA RAMÓN PIÑEIRO

O premio Ramón Piñeiro-Facer País, organizado pola Asociación Cultural Val de Láncara, foi creado para honrar a memoria do galeguista Ramón Piñeiro López, nado en Láncara en 1915, e que foi primeiro presidente do Consello da Cultura Galega.

PREMIO DE IMPORTANTE TRAXECTORIA NA CULTURA GALEGA

A traxectoria deste premio inclúe premiados de grande prestixio e pertencentes a diversos eidos da vida cultural, artística e social de Galicia, como Isaac Díaz Pardo, o grupo folk Milladoiro, o periódico A Nosa Terra, o político e economista Xosé Manuel Beiras, a Real Academia Galega, e escritores como Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza e Xosé Neira Vilas. Esta edición contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Láncara, Caixa Rural Galega, Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón, e o CEIP Ramón Piñeiro de A Pobra de San Xiao.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Ribas de Sil garante a axuda social e educativa grazas ao seu plan de austeridade

Seguinte Nova

Aberto o prazo de inscripción para as actividades de ximnasia en Pantón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss