Monforte afonda no legado cultural do VII Conde de Lemos

Durante as xornadas, analizouse a figura do eminente Virrei de Nápoles e a súa impronta en Galicia e na España do século XVII

A presentación do curso da UIMP celebrado no Parador de Monforte contou coa presencia do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas; o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez Díaz; e a directora do curso, a investigadora monfortina Manuela Sáez González. GPD.

Nacido en pleno reinado de Felipe II, Pedro Fernández de Castro deixou en Monforte a pegada da alta cultura renacentista italiana e foi, sen dúbida, un persoeiro fundamental na faciana cultural que máis singulariza as letras españolas, o Siglo de Oro. O que fora VII Conde de Lemos e Virrei de Nápoles atísbase como unha das figuras máis senlleiras do panorama político, cultural e económico do século XVII en España e Italia, tan prolífico que, como sinalaba o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, “nunca se afondará suficiente na súa figura”. Proba desta herdanza profunda e intensa de don Pedro Fernández de Castro foi o novo encontro cultural que, financiado pola Deputación de Lugo e incluido dentro da programación da Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Galicia, volveu reunir en Monforte a expertos nacionais e internacionais na súa figura e no seu tempo. No marco monumental do Parador monfortino, a trintena de participantes no curso “Política y Sociedad. El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte” escoitaron as conferencias de preto dunha decena de estudiosos do século XVII, que disertaron sobre música, arte, cultura, edición, náutica, política e costumes. Un concerto de música barroca ibérica y napolitana a cargo da concertista italiana Maria Maddalena Erman, así como un obradoiro de arquivos impartido pola doctora en Historia da Arte Manuela Sáez e o profesor de Historia da Arte Moderna Joan Bosch no convento das Clarisas dinamizaron as sesións académicas que se desenvolveron do 12 ao 14 de setembro.

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, destacou que eventos como o curso da UIMP axudan a poñer en valor monumentos como o Museo das Clarisas, pola súa vinculación coa xestión cultural e patrimonial da Casa de Lemos. EC.

“GALEGUISMO INTEGRADOR” DESTE “GALEGO UNIVERSAL”

Monforte rendeu así tributo a un “galego universal, estadista, diplomático, intelectual e mecenas” que, según apuntou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, durante a xornada inaugural deste curso, “deixou unha notable pegada de entrega á política activa e á cultura, no eixo xeográfico que vai de Nápoles a Monforte, pasando por Madrid”. Besteiro suliñou que a figura do VII Conde de Lemos xa mereceu o recoñecemento de historiadores como Manuel Murguía, “quen deixou un retrato clave de quen puxo a súa pluma, a súa influencia, e as súas riquezas ó servizo do país galego e de quen sentiu as desgrazas de Galicia coma ningún outro”. Proba da súa teima por esta terra é a obra que el mesmo escribiu baixo o título “El Búho gallego haciendo cortes con las demás aves de España”, na que, según lembrou o mandatario provincial, fai un apaixonado alegato en defensa dos dereitos de Galicia para que lograra ter voz e voto en Cortes”. Este “galeguismo integrador está de máxima actualidade”, destacou Gómez Besteiro, “a pesares do tempo que nos separa de don Pedro Fernández de Castro”.

A monfortina Manuela Sáez González, doctora en Historia da Arte e experta investigadora en patrimonio cultural galego, dirixiu o curso da UIMP sobre “Política y sociedad. El VII Conde de Lemos entre Nápoles y Monforte”. EC.

REDESCUBRIMENTO DUN PERSOEIRO FUNDAMENTAL

Fomentar o coñecemento deste persoeiro oriundo de Monforte por linaxe e residencia, é unha tarefa que non só repercute na cidadanía, “senón tamén na promoción turística e cultural da nosa cidade”, destacou o rexedor local, Severino Rodríguez, na súa intervención na apertura do curso. Tales eran os poderosos vínculos de don Pedro Fernández de Castro coa vila do Cabe, “unha das catro novas Cortes” que a alta nobreza deseñou en España á imaxe e semellanza da Corte de Felipe II, según lembrou Xosé Luis Barreiro Rivas, director da UIMP en Galicia, que a súa pegada marcou fondamente non só a fisonomía de Monforte, senón tamén a súa proxección na Historia. Barreiro Rivas destacou a importancia que os historiadores adican á selección de persoeiros según o debuxo de país que se queira obter; no debuxo historiográfico que se ten feito de Galicia, a figura de don Pedro, “malia súa trascendencia internacional e o seu peso na construción dun Estado moderno”, non tivo “moito predicamento polo peso do centralismo na época do VII Conde de Lemos”. Precisamente dentro do proceso de construcción do Estado moderno é onde hai que interpretar, según explicou Barreiro Rivas, a importancia de don Pedro Fernández de Castro. Este home de Estado, culto e intelixente, coñeceu ben pronto (foi Virrei de Nápoles con 32 anos) a riquísima cultura italiana, co seu enorme desenvolvemento artístico, científico, educativo e social, e quixo traer ese espíritu a España e, tamén, á súa vila de orixe, Monforte de Lemos. Legado de gran importancia o que deixou na vila do Cabe, “e que podería constituir un gran instrumento para coñecer o Renacemento en Galicia”, e que está sendo sacado á luz e divulgado “grazas ao gran traballo da investigadora Manuela Sáez”, a quen Barreiro Rivas destacou como “un extraordinario exemplo de investigación científica”.

Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, según un grabado reproducido na exposición permanente sobre a súa figura no Concello de Monforte. EC

APROXIMACIÓN Á ESFERA PRIVADA DO VII CONDE DE LEMOS

A doctora en Historia da Arte Manuela Sáez foi a encargada de abrir as sesións técnicas deste curso cunha conferencia sobre as singularidades da vida doméstica de don Pedro Fernández de Castro, un destacado nobre da Casa de Lemos que naceu en 1576 e xa dende novo manifestou “gran paixón polas letras”, según apuntou Sáez. Como experta en patrimonio cultural galego, a investigadora monfortina ofreceu unha detallada visión do entorno decorativo, utilitario e artístico do que se rodeou o VII Conde de Lemos, e da súa repercusión nas artes menores en Galicia e Monforte (mobiliario e tapicería, sobre todo). A investigación de Manuela Sáez está baseada no estudo de tres fontes de principal importancia: a correspondencia de don Pedro coa súa nai, o libro da Almoneda, que sería o equivalente a un inventario ou control de almacén, e o libro de gastos, unha sorte de contabilidade doméstica que permite comprobar como todas as obras de arte e de valor que merca don Pedro son pagadas do seu peto, e que o sitúan como un exemplo de administrador honrado e prudente, tanto na esfera privada como na pública. Activista cultural; mecenas de Lope de Vega, Góngora, Quevedo e Cervantes, entre outros grandes das letras españolas do Siglo de Oro; e amante do teatro e da lectura (foi dono dunha importantísima biblioteca), don Pedro Fernández de Castro gustaba da sofisticación, como proban os seus investimentos en mobles e, sobre todo, en tapices, auténtico luxo daqueles tempos, e que o VII Conde de Lemos disfrutaba coleccionando. Adquiría os mellores traballos dos obradoiros de Flandres, os máis cotizados daquela época, a través de mercaderes napolitanos, e ao gusto estético sumábase o prestixio social que aportaba a posesión de tan preciados tesouros.

Os praceres gastronómicos non lle foron alleos a este persoeiro, según o retrato aportado polas investigacións de Manuela Sáez. Introductor, xunto co seu sogro, o duque de Lerma, do uso do tenedor na mesa, sabía apreciar o bo viño grego (da zona do Vesubio, no sur de Italia), producido nas difíciles laderas deste volcán consagrado ao dios Baco. Unha analoxía coas zonas sagradas da Ribeira Sacra, onde o viño da viticultura heroica quizais lembrara polo seu sabor a aquel caldo vesubiano.

Sáez debuxou a un persoeiro xeneroso para si e para os seus contemporáneos, que levou unha vida breve pero intensa (morreu con 46 anos), e cuxo perfil inmenso, aínda por descubrir, explica unha parte sustancial da identidade de Monforte de Lemos.

O Edificio Multiusos de Monforte mantén unha exposición permanente sobre a figura de don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, e a súa época. A exposición permite achegarse ao Monforte do século XVII, e aos avances culturais, económicos e sociais que supuxo para España o contacto coa Italia renacentista a través da xestión política e da actividade cultural deste singular persoeiro. Con esta iniciativa, o Concello de Monforte lembrou o IV Centenario do Vicerreinato de Nápoles, celebrado no 2010. EC.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Xeoloxía e natureza para impulsar Quiroga

Seguinte Nova

Aposta provincial polo enoturismo en Monforte

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: