Os sindicatos agrarios inician unha campaña en defensa do sector agrogandeiro galego

Os sindicatos agrogandeiros alertan sobre as consecuencias que a suba dos prezos do cereal e do penso e as políticas de prezos da distribución do leite terán sobre a viabilidade das granxas galegas. Arquivo EC.

O sector agrogandeiro galego está a vivir unha delicada situación derivada do incremento do prezo do cereal e do penso para alimento do gando, e do descenso do prezo que os produtores están a cobrar polos seus produtos en orixe. Tanto a Asociación Galega de Cooperativas Alimentarias (AGACA) como a Federación Rural Galega (FRUGA) denunciaron que mentres o penso encareceuse un 18%, o leite baixou un 10%, debido á situación creada tanto polos “xogos especulativos dos fondos internacionais” que non responden á lóxica da oferta e da demanda, e ao feito de que esta suba dos prezos da alimentación do gando non pode ser trasladada ao resto da cadea de consumo pola “política pactada” polos distribuidores, que non queren perder a súa marxe de beneficio, impoñendo prezos baixos aos proveedores. Ambos sindicatos demandan da Administración a aplicación de medidas “destinadas a mellorar a competitividade da gandeiría e a minimizar as debilidades do sector”.

IMPORTANCIA “DECISIVA” DO PAPEL DA ADMINISTRACIÓN

A Asociación Galega de Cooperativas Alimentarias (AGACA) lembrou que a alimentación do gando supón un 65% dos custes de produción, onde os cereais ocupan un 85% deste alimento. Alertan que dende maio deste ano, os gandeiros galegos veñen asumindo subidas de entre 30 e 50 euros por tonelada de cereal, que non está a ser asumida polo consumidor senón polo mesmo produtor, dado que o distribuidor imponlle prezos baixos e manter a súa marxe de beneficio. AGACA alerta da situación de “números roxos” en que tanto os produtores de leite como os de vacún, porcino ou aves están a sufrir, e sinalan que “a Administración ten na súa man a aplicación dunha serie de medidas”, sobre todo no caso dos sectores de porcino, aves de curral e coellos, que non reciben axudas directas, e lembran que a pesares das axudas ao leite e o vacún, estas tampouco están a sacar aos gandeiros das perdas. Así, en canto ao abastecemento de alimentación para o gando, solicitan a creación dunha “rede de seguridade” que permita dispoñer de suficiente cereal en momentos de crise ou inestabilidade de prezos, e que a PAC “garantice a seguridade de abastecementos a prezos razoables e permita unha renda razoable para os agricultores”. O colectivo agrario reclama tamén que se elimine a prohibición de uso das fariñas de carne como fonte de proteínas “para certos animais e por beneficio medioambiental”, se fomente o cultivo de cereal e proteaxinosas nos novos regadíos “para aumentar a oferta de cereal”, e se traballe na investigación e cultivo de novas variedades de cereais máis nutritivas, resistentes ás pragas e rendibles na produción.

IGUALDADE DE CONDICIÓNS COS PRODUTORES DE FÓRA

En canto ao mercado, AGACA esixe “reciprocidade” con países terceiros para competir nas mesmas condicións en canto aos sistemas de produción, unificar as esixencias de transporte de animais, revisar a normativa de benestar animal para aliviar as cargas económicas aos produtores, e apoiar a concentración de cooperativas e empresas “para concentrar demanda e ter máis capacidade de negociación a nivel internacional”.

ALERTA SOBRE A DEPENDENCIA ALIMENTARIA DO EXTERIOR

En canto á distribución, dende AGACA esixen “reducir drasticamente as importacións especulativas de produtos lácteos a baixo prezo que oprimen aos produtores españois”, impedir que as marcas brancas teñan diferentes condicións de competitividade cara o consumidor final, e eliminar da gran distribución “o uso do leite como reclamo para a captación de consumidores”. Dende o colectivo agrario destacan que a posta en marcha destas medidas “non vai supoñer maior custe para os consumidores, cousa que non podemos asegurar se acabamos dependendo dos alimentos importados, situación que pronto sucederá se non se atalla a desaparición da produción en Galicia e España”.

A XUNTA, CULPABLE DA CAÍDA DOS PREZOS DO LEITE

Pola súa banda, a Federación Rural Galega (FRUGA) culpa á actual Xunta de Galicia de que a situación da gandeiría galega “vaia a peor”. Aínda que os prezos do cereal dependan do mercado internacional, “hai outras medidas” que poderían compensar esta situación, medidas como “as que tomara a Consellería de Medio Rural durante o Goberno bipartito”, como a convocatoria regular da Mesa do Leite, o impulso do Observatorio Lácteo Galego e a implantación “real e efectiva” do contrato homologado, así como a posta en marcha de medidas que diminuíran a dependencia de insumos alleos ás explotacións, como o Banco de Terras ou o Contrato de Explotación Sustentable. Según FRUGA, o resultado destas políticas víase “en que o prezo que tiña o leite en orixe en Galicia era máis alto que a media do Estado, e incluso máis alto que en Francia”. FRUGA critica que “a chegada do PP á Xunta supuxo o desmantelamento destas medidas”, e culpan ao Executivo galego da baixada do prezo do leite, polo que “esixen responsabilidades para que se restablezan as políticas agrarias no sector do leite que tan bo resultado deron”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

140.000 euros para favorecer a afiliación á Seguridade Social de titulares e cotitulares de explotacións agrarias para persoas de ata 50 anos

Seguinte Nova

Formación e deporte, actividades para este curso en Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

   
A %d blogueros les gusta esto: