A conselleira de Traballo e Benestar asistiu á ceremonia organizada por AMAFER

A Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER), dentro da súa programación de actividades, organizou en Monforte un acto de homenaxe ao colectivo de ferroviarios de Galicia. A celebración contou coa presencia da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que gabou o labor que ao longo dos anos veñen desenvolvendo os profesionais ferroviarios de Galicia que, segundo indicou, contribuíron a construír “a Galicia moderna” de hoxe en día.
“FERROCARRIL, CERNE DA GALICIA MODERNA”
Mato lembrou que a historia moderna de Monforte está ligada á chegada do tren, xa que sinalou que esta liña férrea conectou por primeira vez a Comunidade autónoma coa meseta e se erixiu “na columna vertebral do progreso de Galicia”. Neste senso, resaltou que estas persoas fixeron posible que “as liñas férreas se converteran no cerne da Galicia moderna”. Por último, a conselleira agradeceu a contribución deste colectivo “ao desenvolvemento galego” recoñecendo, desta forma, a súa experiencia e exemplaridade.