A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, entregou os diplomas á trintena de autónomos lucenses que se beneficiaron de dous cursos de formación desenvolvidos pola Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia). Para levar a cabo esta iniciativa, dita asociación contou cunha axuda da Consellería de Traballo e Benestar, que investiu máis de 12.000 euros nos dous cursos de automecánica e reciclaxe de Office avanzado.
Según explicaron os organizadores, esta formación vai dirixida a traballadores autónomos, e ten como obxectivo mellorar a súa formación a nivel profesional. Os responsables da Consellería de Traballo suliñaron a “importancia” que para o Goberno galego ten a formación no eido laboral, e destacaron que a Xunta promove tamén cursos de formación acreditable dirixidos a persoas desempregadas. Esta modalidade formativa permite aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, ten efectos académicos no eido do sistema educativo e profesionais. Dende a Consellería, indicaron que se incrementará a formación acreditable, dirixida á obtención de certificados de profesionalidade, mediante unha orde de axudas acordada cos axentes sociais.