Xeoloxía e natureza para impulsar Quiroga

Preto dun centenar de persoas inscribíronse nas I Xornadas de Xeoloxía na Ribeira Sacra, organizadas polo GDR Ribeira Sacra en Quiroga. EC

Quiroga está a apostar forte por definir a singularidade do seu entorno, e convertir así o seu potencial paisaxístico e natural nunha seña de identidade e nun recurso dinamizador a nivel económico e social. Con este obxectivo, tanto o Concello como o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra están a traballar para potenciar a riqueza xeolóxica que contén a comarca de Quiroga, única en España e Europa polas súas características.

ESPECIALISTAS EN XEOLOXÍA, ARQUEOLOXÍA E PALEONTOLOXÍA

Unha das máis recentes iniciativas neste sentido é a celebración das primeiras Xornadas de Xeoloxía na Ribeira Sacra, que entre o 21 e o 22 de setembro congregaron na Casa da Cultura de Quiroga a destacados expertos en xeoloxía, xeografía, paleontoloxía e arqueoloxía, para analizar as características da morfoloxía e configuración das terras desta zona.

A PAISAXE XEOLÓXICA DO MIÑO E O SIL, E A SÚA PEGADA NO TEMPO

As particularidades xeolóxicas das concas do Miño e o Sil e as súas condicións de habitabilidade para os primeiros poboadores da zona; a historia do descubrimento e investigación do pregamento de Campodola, único en Europa polas súas características; climatoloxía, fauna e flora no Cuaternario, época á que remiten os achádegos neste pregamento do Courel; a explotación da minería aurífera na Ribeira Sacra, e o aproveitamento didáctico, turístico e económico deste conxunto xeolóxico son as cuestións sobre as que disertaron os investigadores invitados a estas xornadas, financiadas polo GDR e de carácter gratuito para o medio centenar de alumnado matriculado. Como colofón, organizouse un paquete de visitas de campo ao Miradoiro de Campodola e aos vales glaciares de A Seara e Vieiros, guiada polo profesor Vidal Romaní. Os participantes puideron achegarse in situ aos lugares de máximo interés xeolóxico da zona entre Quiroga e Folgoso, nunha ruta mixta en autobús, todoterreos por pistas forestais, e sendeirismo.

Julio Álvarez, alcalde de Quiroga e presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra, na apertura das I Xornadas de Xeoloxía. EC

“SABER VENDER FÓRA ESTES RECURSOS XEOLÓXICOS DE LUXO”

Según explicou Julio Álvarez, alcalde de Quiroga e presidente do GDR Ribeira Sacra, esta iniciativa xurdiu pola participación do Concello de Quiroga nun proxecto de carácter europeo para desenvolver unha ruta xeolóxica, “de xeito que estas Xornadas serviran como preámbulo deste traballo”. O rexedor local suliñou que os obxectivos destas Xornadas de Xeoloxía “buscan singularizar a Ribeira Sacra, xa que temos uns recursos xeolóxicos de luxo, e hai que empezar a falar de eles e saber vendelos fóra”.

TURISMO ESPECIALIZADO EN XEOLOXÍA E NATUREZA

A “oportunidade de desenvolvemento económico para a zona derivada dun turismo especializado en xeoloxía, natureza e medio ambiente” é a pretensión que dende o GDR e o Concello de Quiroga estase a desenvolver, “xa que teríamos un éxito dudoso se tratáramos de competir co turismo xeneralista”.

TERRAS DE LEMOS, PUNTO DE ARRANQUE DO POBOAMENTO NO NOROESTE PENINSULAR

A depresión de Monforte de Lemos é o resultado da acción sedimentaria que o río Cabe, no seu antigo cauce, veu desenvolvendo ao longo do tempo, ata deixar unha importantísima pegada da memoria evolutiva da fauna, flora e, tamén, do movemento poboacional dos primeiros moradores destas terras. Así, a nosa zona é rica en evidencias dos pobos do Paleolítico, según os achádegos que se están a realizar nos últimos anos nos diversos xacementos do sur de Lugo. Según explicou Arturo de Lombera Hermida, investigador do IPHES e da Universidade de Santiago, e membro do equipo de investigación que traballa en Cova Eirós (Triacastela), as evidencias acumuladas neste territorio falan claramente de que o poboamento do Noroeste peninsular por cazadores-recolectores do Paleolítico tivo como punto de partida a depresión de Monforte, onde terían desembocado as correntes poboadoras procedentes ben da Meseta, pola vía natural que durante as épocas de maior rigor climatolóxico foi o percorrido do Sil, ben dende Portugal polo suroeste. Asimesmo, de Lombera destacou a importancia dos traballos que se están a desenvolver no xacemento de Cova Eirós, en Triacastela, onde recentemente apareceron os primeiros gravados e pinturas rupestres atopados en Galicia, e que están a reconfigurar un eixo descoñecido ata agora entre o Paleolítico en Galicia e as evidencias achadas nas covas de Altamira e Tito Bustillo, en Cantabria.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Formación e deporte, actividades para este curso en Quiroga

Seguinte Nova

Monforte afonda no legado cultural do VII Conde de Lemos

Últimas noticias sobre CULTURA

PROGRAMA LUGOTERMAL 2024_2025

A Deputación abrirá o prazo de inscrición ás 09:00 horas do luns 02.12.2024 da nova edición do LugoTermal, con máis de 1.700 prazas. 
Ir aInicio

Don't Miss