A Secretaría Xeral de Igualdade firmou un convenio coa FEGAMP neste eido
A Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) firmaron un convenio de colaboración co fin de aunar recursos e estratexias contra a violencia de xénero. Según explicaron Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e José Manuel Rey Varela, presidenta da FEGAMP, este acordo supón a creación dunha “rede de entidades locais contra a violencia de xénero que se configurará como unha plataforma que favoreza o rexeitamento social, unha maior sensibilización e, consecuentemente, un compromiso real contra esta lacra, asociado a modelos de convivencia alternativos e igualitarios”. A configuración desta rede será “progresiva, á medida que as entidades locais se vaian adherindo como resultado do proceso de información que a FEGAMP vai iniciar con este propósito”.
PRIMEIRAS MEDIDAS
A colaboración asinada preve, asemade, a creación dun espazo virtual de intercambio de información, experiencias e boas prácticas entre Igualdade e todas as entidades integrantes da rede, que suporá un punto de encontro para compartir proxectos e iniciativas. Nun primeiro momento, dende a Xunta ofrecerase á rede de entidades locais catro iniciativas para desenvolver ata decembro deste ano, que consistirán nun curso de autoprotección para vítimas, terapia ocupacional con artes plásticas para menores expostos á violencia de xénero, un espectáculo músico-pedagóxico e unha exposición gráfica sobre violencia de xénero e mocidade.