80 asociacións do sur de Lugo reciben máis de 550.000 euros para a mellora do rural

Os veciños apostan polo rural a través do Plan de Comunidades Veciñais 2012

Por vez primeira na historia deste Plan, o organismo provincial financia o 100% do custe das obras, sen que os veciños teñan que facer aportacións

O acondicionamento do acceso exterior da escola de Louseiro (Sarria) facilitará o aproveitamento deste local social, fundamental na intensa actividade desenvolvida ao longo do ano pola asociación cultural Os Gorriós. EC.

O carácter eminentemente rural da provincia de Lugo esixe das Administracións unha atención específica ás demandas que propoñen os veciños, e que apenas poden ser resoltas dende os Concellos. Para responder a estas necesidades de xeito efectivo, dende a Deputación de Lugo están a poñer en marcha unha nova edición do Plan de Comunidades Veciñais, que nesta anualidade habilitou un total de 2 millóns de euros con destino ás 233 entidades asociativas dos 67 concellos da provincia, e que no sur de Lugo supoñen unha aportación de 553.383,44 euros para 80 asociacións dos 19 concellos da zona.

AUMENTO “CONSIDERABLE” DO NÚMERO DE SOLICITUDES

Según explicou o voceiro socialista Manuel Martínez trala aprobación pola Xunta de Goberno destas axudas, este ano rexistrouse un aumento “considerable” do número de solicitudes recibidas “porque por primeira vez na historia do Plan de Comunidades Veciñais, a Deputación financia o 100% do custe das obras, liberando ós veciños de pagar unha parte importante das actuacións nesta situación de dificultade económica pola que atravesan”. Asimesmo, Martínez argumentou este aumento das solicitudes no feito de que “mentres o resto de administracións recurtan orzamentos para obras desta natureza, a Deputación mantén esta liña estratéxica de cooperación”.

PEQUENAS MELLORAS DE GRAN RELEVANCIA SOCIAL

Os obxectivos desta liña de axudas do ente provincial buscan “fixar poboación no rural mellorando as condicións da vida e do traballo das súas xentes”, suliñou o responsable provincial, quen destacou que, a pesares de tratarse de obras pequenas, “teñen unha profunda relevancia social”, e que sen o apoio provincial “nin as asociacións nin as entidades locais poderían acometelas por si mesmas.”

NOVO ESPAZO DE LECER PARA NENOS E MAIORES NA AIRA DO CONCELLO EN SALCEDO

A labor de sondaxe das necesidades locais que se percibe a través destas solicitudes realizadas pola veciñanza ofrece un panorama de gran utilidade para coñecer que requiren as parroquias en cada momento, e poder aportar melloras según evolucionan as necesidades dos veciños. Tal é o caso da parroquia de Salcedo, en A Pobra do Brollón, onde a asociación de veciños detectou a necesidade de ofrecer un espazo lúdico ao crecente número de nenos e nenas que hai na aldea, “sobre todo nas fins de semana, polo que pensamos en acondicionar un espazo da Aira do Concello para habilitalo como parque infantil”, explica Javier González, presidente da Asociación de Veciños de Salcedo. A través da axuda concedida polo Plan de Comunidades Veciñais deste ano, e que ascende a 11.250 euros, tamén se habilitará outra zona deste singular espazo da parroquia para ubicar un parque biosaludable, “e aínda quedaría sitio suficiente para dispoñer a celebración da Festa da Malla”, unha das moitas actividades que desenvolve este colectivo ao longo do ano.
Espazos singulares para a dinamización social desenvolvida polas asociacións de veciños, como no caso da Aira do Concello en Salcedo (A Pobra do Brollón) están a ser acondicionados a través das axudas do Plan provincial de Comunidades Veciñais 2012. EC.

CINE, OCIO E TRADICIÓN DAN VIDA AO RURAL SARRIÁN
A dinamización cultural promovida dende o movemento veciñal supón a acción básica para a vida social nas parroquias do sur lucense. En Louseiro (Sarria), a asociación cultural Os Gorriós ven desenvolvendo un papel básico en canto ao pulo do rural neste municipio. Unha apretada axenda de actos, dende o tradicional magosto ata o xa consagrado campionato de tute veñen celebrándose con regularidade no local social da parroquia. Neste mesmo emprazamento ten lugar o festival de curtametraxes que acompaña dende o pasado ano ao Festival de San Martiño, a máis recente iniciativa de Os Gorriós, “unha cita que está a ter moito éxito”, según explica José Ángel Díaz, presidente desta asociación cultural. O campo acolle a comida e a parte musical desta festa, mentres que a exhibición das curtametraxes realízase, como boa parte das actividades deste colectivo, no chamado «colexio», nome co que os veciños coñecen a antiga escola de Louseiro, aproveitada como local social por esta asociación. «Dado o uso que facemos deste espazo, estamos acometendo dende que estaba a anterior directiva unha serie de melloras», explica Díaz Quintana, e coa axuda de 10.000 euros aprobada no Plan de Comunidades Veciñais «podemos asumir o arranxo do acceso ao colexio, as escaleiras e o muro exterior, así como abrir unha porta na parte de atrás», e recuperar un espazo indispensable para a dinamización do rural sarrián.
A necesidade dos veciños de dispoñer dun local social en condicións de uso verifícase na alta porcentaxe de solicitudes recollidas no Plan de Comunidades Veciñais da Deputación de Lugo para reformar este tipo de edificacións este ano. A asociación de veciños da parroquia monfortina de A Penela beneficiarase de 9.500 euros deste Plan para acometer a ampliación e mellora do local social de Morade Pequeno, os veciños de San Miguel de Vilademouros, en O Incio, poderán dispoñer de 5.964 euros para a captación de auga potable no local social da parroquia, e os de San Martiño de Anllo, en Sober, contarán con 3.000 euros para a segunda fase do acondicionamento do local social de Arxemil.

MANTEMENTO DOS CAMIÑOS VECIÑAIS: UNHA NECESIDADE COTIÁ PARA AS PARROQUIAS

A problemática das infraestruturas nas parroquias vai máis alá da rede de estradas, e afecta ao mantemento de camiños veciñais e pistas forestais que son de uso cotiá para os veciños tanto no acceso ás súas vivendas como aos espazos de explotación agrogandeira e forestal. Neste sentido, o Plan de Comunidades Veciñais deste ano acolle unha boa porcentaxe de solicitudes procedentes de comunidades de montes veciñais en man común e das propias asociacións de veciños. En San Cristobo de Guntín (Bóveda), os veciños recibiron 11.500 euros para acondicionar o camiño de Piñeiro, «que precisaba un limpiado das cunetas e botar unha capa de zahorra, xa que non houbo ningunha reforma dende que se fixo o camiño», explica Antonio Fernández Leizán, integrante da Asociación de desenrolo rural San Cristobo de Guntín. «O que tratamos é de canalizar ben a auga, porque neste tramo acumúlase moito, así que se vai meter un tubo e cubrir con zahorra para que quede ben asentado», explica este veciño. «Para nós é unha obra importante, porque por este camiño pasa moita xente, é de moito uso, e incluso a nosa solicitude para este traballo vai favorecer a outra parroquia que tamén utiliza este paso», puntualiza Fernández Leizán.

ABASTECEMENTOS DE AUGA E PEQUENAS REDES DE SANEAMENTO
As demandas dos veciños do sur de Lugo para a mellora do seu entorno cotiá abranguen tamén actuacións en pequenos abastecementos de auga potable e saneamentos, como no caso da asociación de veciños de Santa María da Cabeza, en A Pobra do Brollón, que destinará os 11.847 euros da axuda do Plan de Comunidades Veciñais á recuperación e mellora da captación da traída de auga do barrio da Estación, ou o da a asociación de veciños de Hospital, en Quiroga, que empregarán os 8.599 euros da axuda do Plan para a depuradora de augas residuais en A Ribeira.
Outras das actuacións solicitadas dende a veciñanza refírense a pavimentacións, iluminación pública, instalación de pequenos repetidores de televisión, arranxo de fontes, adquisición de mobiliario e equipos informáticos e similares básicos para o funcionamento dos locais socias, e o acondicionamento de espazos recreativos, deportivos e de lecer, encamiñados a aportar ao medio rural un grao de benestar suficiente para o desenvolvemento da vida cotiá.

AXUDAS DO PLAN DE COMUNIDADES VECIÑAIS 2012 POR CONCELLOS NO SUR DE LUGO
Bóveda (3 entidades veciñais): 30.916,9€. Carballedo (2 entidades veciñais): 16.000€. Chantada (2 entidades veciñais): 23.970,6€. O Courel (2 entidades veciñais): 24.000€. O Incio (4 entidades veciñais): 34.964,9€. Láncara (4 entidades veciñais): 31.100€. Monforte (5 entidades veciñais): 37.860€. Pantón (5 entidades veciñais): 21.900€. Paradela (4 entidades veciñais): 32.512€. O Páramo (9 asociacións veciñais): 22.750€. A Pobra do Brollón (3 entidades veciñais): 34.097,67€. Portomarín (3 entidades veciñais): 27.155,22€. Quiroga (3 entidades veciñais): 22.502,79€. Ribas do Sil (3 entidades veciñais): 38.730,1€. Samos (3 entidades veciñais): 24.000€. Sarria (7 entidades veciñais): 33.958,26€. O Saviñao (3 entidades veciñais): 33.500€. Sober (4 entidades veciñais): 27.600€. Taboada (3 entidades veciñais): 35.865€.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte gaña un chanzo máis para integrarse na rede europea ferroviaria de mercadorías

Seguinte Nova

ELECCIÓNS 21-O:A provincia de Lugo escolle aos seus representantes no Parlamento de Galicia

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: