CONCEPCIÓN BURGO LÓPEZ, nº 1 do Partido Socialista pola provincia de Lugo:“Os lucenses non deben resignarse porque “isto é o que hai”: as cousas poden facerse doutro xeito”

• Encabeza a lista do Partido Socialista pola provincia de Lugo. Fáganos unha diagnose, aínda que breve, da saúde socioeconómica desta provincia.

A saúde socioeconómica de Lugo está en coma polos recortes de Feijóo e Rajoy. A provincia está absolutamente abandoada e claramente non é una prioridade para o PP. Non hai unha aposta polos nosos sectores produtivos, o rural está en total desamparo cun grave problema de despoboamento, non hai solución para industrias vitais como Alcoa, somos a provincia de Galicia onde máis crece o paro e os nosos pensionistas teñen a paga máis baixa de España xunto con Ourense. Por riba, non respectan os servizos públicos básicos como a educación e a sanidade. Por non falar dos orzamentos do Estado, que recurtan aínda máis os servizos sociais e deixan no aire proxectos e infraestruturas vitais para o desenrolo da nosa provincia.

Concepción Burgo López, nº1 pola provincia de Lugo do PSdeG-PSOE. Foto cedida.

Nesta situación que describe, hai que falar dos sectores produtivos nun contexto de
crise económica. Dende o sector agrogandeiro, están a reclamar á Administración unha resposta á crise que atravesan. Qué lle propón o Partido Socialista?

O sector agrogandeiro é vital para Galicia e en concreto para Lugo. Máis de 28.000 persoas están empregadas na agricultura, o que supón o 22% da poboación ocupada de Lugo. Desde o PSdeG propoñemos recuperar o Banco de Terras para elevar a productividade das explotacións, refinanciar as débedas de ditas explotacións e impulsar un grupo lácteo forte que loite contra os prezos non competitivos. Ademais, lanzaremos un plan para mellorar a trazabilidade do etiquetado nunha marca propia de carne para darlle valor engadido, e crearemos un pacto polo monte galego, cunha lei que incentive a cooperación de cultivos forestais. Tamén poremos en marcha o centro de recría en Castro de Rei en colaboración coa Deputación, que está apostando forte por este proxecto que a Xunta ten paralizado, e que movería un negocio de tres millóns de euros anuais. Estaremos sempre do lado do sector agrogandeiro, escoitando as súas propostas e dándolles unha maior participación nos proxectos do Goberno galego.

Poden os emprendedores confiar en que Lugo é unhaterra de oportunidades? Canto pesan os emprendedores na proposta do Partido Socialista?

Por suposto que Lugo é unha terra de oportunidades e de sectores punteiros, aínda que o goberno do PP non os vexa ou non queira velos e apostar por eles. Temos unha taxa de paro entre os mozos realmente grave, e a aposta real e decidida polos emprendedores é unha das nosas prioridades. Por iso no noso programa está a creación dunha lei do emprendedor e traballador autónomo, a posta en marcha da Axencia Galega de Emprego ou a garantía do 85% da cotización durante o primeiro ano para as persoas desempregadas que se constitúan como autónomos. Estas medidas, para Lugo, poden ser un paso enorme, ademáis, para frear a crecente despoboación do rural.

Servizos sociais e educación centraron polémicas sociais e políticas no último ano. O Partido Socialista terá unhamensaxe que darlles aos nosos maiores en canto á atención sociosanitaria, e aos pais e nais do alumnado dos centros públicos, en canto a garantías de calidade e atención educativas.

Só o incrible esforzo dos profesionais da sanidade e a educación, e das familias, permite que a sanidade e a educación públicas se manteñan nestes momentos con certa dignidade, a pesar dos continuos golpes do PP. O PP recorta servizos, pecha escolas, xunta nenos de ata seis idades distintas nas mesmas aulas, retira a gratuidade dos libros de texto, e isto xúntase co repago sanitario, cos agravios aos pensionistas e problemas moi graves e concretos en Lugo, como que o noso hospital non teña servizos básicos como a radioterapia ou a hemodinámica, e que un enfermo de cancro ou un infartado teña que ser trasladado ata A Coruña en condicións inxustas. Desde o PSdeG-PSOE imos blindar os servizos sociais públicos. É un compromiso inamovible e indiscutible do noso programa. Entre outras moitas medidas, eliminaremos o repago farmacéutico, devolveremos a gratuidade aos libros de texto e suprimiremos o concerto aos centros educativos que segregan por sexo. Tamén apostaremos pola axuda aos dependentes, por eles e polas mulleres. O PP quere que as mulleres volvan á casa a coidar enfermos e a realizar tarefas que eles non queren asumir.

Son tempos complicados para todos, con cifras inauditas de paro e un crecente desalento na cidadanía, que reclama dos xestores públicos unha mensaxe clara. Díganos cal é a mensaxe do Partido Socialista para os lucenses.

A mensaxe do PSdeG-PSOE para os lucenses é que non deben deixarse embaucar polas mentiras e enganos do PP. Merecen un cambio e Galicia necesítao máis que nunca. Que non crean que deben resignarse porque “isto é o que hai”. As cousas poden facerse doutro xeito. É cuestión de prioridades, e Lugo nunca foi unha prioridade para Feijóo, que nin sequera ten nin un conselleiro de Lugo no seu Goberno. Os lucenses coñecen a xestión do PSdeG-PSOE na Deputación e nos concellos en que goberna. Pero sobre todo diríalles que o seu voto é imprescindible para cambiar de rumbo. Que non queden na casa o 21 de outubro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

RAQUEL ARIAS RODRÍGUEZ, número 1 do Partido Popular pola provincia de Lugo:“A nosa teima para a próxima lexislatura serán os emprendedores”

Seguinte Nova

COSME ELADIO POMBO RODRÍGUEZ, nº 1 do Bloque Nacionalista Galego por Lugo:“Estamos radicalmente en contra de volver ás políticas de hai 40 anos”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: