COSME ELADIO POMBO RODRÍGUEZ, nº 1 do Bloque Nacionalista Galego por Lugo:“Estamos radicalmente en contra de volver ás políticas de hai 40 anos”

•Encabeza a lista do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Lugo. Fáganos unha diagnose, aínda que breve, da saúde socioeconómica desta provincia.

A provincia de Lugo, aínda que ten unha potencialidade económica extraordinaria, atópase hoxe nunha delicada situación de saúde socioeconómica pola mala política do PP ao longo dos 3 anos e pico de goberno. Pasamos de ter 17.000 parados a 25.000, co agravante de que está a influir dun xeito moi especial sobre o colectivo de mozos e mulleres. O potencial industrial con Alcoa á cabeza (35% do PIB provincial) nunha situación de incerteza porque o Goberno Galego non é quen de garantir unha tarifa eléctrica Galega para asegurar a súa continuidade. O potencial do sector enerxético Lucense, sendo os primeiros de Galiza, non pode ser utilizado para crear emprego porque o Goberno Galego está máis preocupado por insultar a Cataluña que por defender os nosos intereses. Os autónomos e pequena e mediana empresa pechando negocios continuamente porque o Goberno Galego non é quen de facilitarlle financiación nin inversións públicas que xeren emprego e, a maiores, o Goberno de Rajoy sube o IVE, recorta salarios aos empregados públicos, reduce ingresos aos pensionistas… co cal @s cidadáns non consumen. O sector agrario ao borde da creba porque non atopan defensa nun Goberno que seica se chama Galego; o sector leiteiro abandonado e cos precios máis baixos que se recorda. Na pesca tampouco somos quen de avanzar porque o Goberno Galego non defende nin reclama as competencias. O turismo tampouco vai ben porque os cidadáns non dispoñen de cartos e pola mesma non gastan… En resumen: a saúde socioeconómica da provincia atópase nun estado moi preocupante, necesitado dun goberno galego que crea de verdade e queira gobernar a nosa terra.

Cosme Pombo, nº1 pola provincia de Lugo do Bloque Nacionalista Galego. Foto cedida.

Nesta situación que describe, hai que falar dos sectores produtivos nun contexto de crise económica. Dende o sector agrogandeiro, están a reclamar á Administración unha resposta á crise que atravesan. Qué lle propón o Bloque Nacionalista Galego?

O BNG entende que o Goberno Galego debe participar en todas as instancias onde se tomen decisións que afecten ao noso agro (Estado, Europa) e debe defender o dereito a producir productos alimentarios de calidade. O Goberno Galego debe definir unha política agraria orientada á produción de calidade e recuperar o Banco de Terras para abaratar costes de producción e aumentar superficie útil. A concentración parcelaria debe ir orientada cara o mesmo camiño así como a inversión e axuda a xente moza que queira vivir do agro. Os contratos homologados deben garantizar prezos dignos que deben estar controlados por unha interprofesional na que a Administración esté presente. Compre tamén un impulso á transformación e comercializacion dos productos agrarios así como o impulso definitivo a un Grupo Lácteo Galego para estructurar o sector. O sector forestal, con grandes potencialidades, precisa dunha nova política e dun impulso importante orientada a unha produción de madeira diversificada e de calidade para evitar o abandono do monte.

Poden os emprendedores confiar en que Lugo é unha terra de oportunidades? Canto pesan os emprendedores na proposta do Bloque Nacionalista Galego?

Lugo é unha terra de oportunidades e os emprendedores poden confiar en Lugo para axudar a crear riqueza e postos de traballo, pero para elo precisamos un Goberno Galego que crea e confíe no potencial da nosa provincia. Necesitamos un Goberno Galego que poña en marcha ferramentas de apoio económico como a Banca Pública Galega para axudar aos emprendedores, que poña en marcha e apoie liñas de investigación, en colaboración coa universidade, para aplicar a investigación á nosa provincia, que acredite na xuventude mellor preparada que nunca tivemos para aplicar a súa forza, ilusión e formación en beneficio dos novos emprendedores.

Servizos sociais e educación centraron polémicas sociais e políticas no último ano. O Bloque Nacionalista Galego terá unha mensaxe que darlles aos nosos maiores en canto á atención sociosanitaria, e aos pais e nais do alumnado dos centros públicos, en canto a garantías de calidade e atención educativas.

O BNG ten como un dos eixes principais do seu programa a defensa dos servizos públicos (Sanidade, educación e servizos sociais) por entender que a politica do Goberno Galego debe estar pensada para defender ás maiorías da poboación. A sanidade, educación e atención aos maiores é un dereito de todos os cidadáns galegos e a única maneira de que poidan seguir estudando os fillos e as fillas dos traballadores/as, de que poidamos ter atención médica todos e de que os nosos maiores poidan ter amparo público. Estes servizos ademais de públicos teñen que ser gratuítos… Coa política do Partido Popular os nosos fillos vivirán moito peor ca nós. Coa política do PP só estudiará, terá atención sanitaria e atención a dependencia quen teña diñeiro suficiente. O PP quere levarnos a vivir como hai corenta anos. As propostas do BNG xa as practicou cando tivo responsabilidades de Goberno na Xunta: daquelas non había que pagar os libros, non había que pagar polos medicamentos e a atención ás persoas maiores foi cando tivo un impulso máis grande.

Son tempos complicados para todos, con cifras inauditas de paro e un crecente desalento na cidadanía, que reclama dos xestores públicos unha mensaxe clara. Díganos cal é a mensaxe do Bloque Nacionalista Galego para os lucenses.

O BNG quere poñer a producir a Galiza e quere gobernar para as maiorías. Gobernar para @s traballadores/as, para os empregados públicos, para a xuventude, para os maiores, para a pequena e mediana empresa. O BNG está radicalmente en contra das políticas do PP que o único que fan é defender aos Banqueiros, por eso queremos facerlle frente e estaremos en contra do roubo das preferentes e subordinadas, en contra dos recortes aos empregados públicos, en contra da perda de dereitos laborais dos traballadores/as, en contra de mandar á emigración á xuventude, en contra de volver ás políticas de hai 40 anos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

CONCEPCIÓN BURGO LÓPEZ, nº 1 do Partido Socialista pola provincia de Lugo:“Os lucenses non deben resignarse porque “isto é o que hai”: as cousas poden facerse doutro xeito”

Seguinte Nova

IVÁN MARRUBE RODRÍGUEZ, nº 1 de Compromiso por Galicia pola provincia de Lugo:“Compromiso por Galicia é unha ferramenta para que a xente poida implicarse na xestión do interés público”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: