Máis do 90% dos visitantes dos Museos de Quiroga son foráneos

O Museo Etnográfico mantén unha afluencia media de máis de 1.700 visitantes ó ano, e o Museo Xeolóxico está a acoller con éxito diversas iniciativas relacionadas coa ciencia e a natureza

Os museos Xeolóxico e Etnográfico do Concello de Quiroga acadaron no que vai de ano un total de 4.000 visitantes, 2.168 deles corresponderon ao Museo Etnográfico e 1.832 o Museo Xeolóxico. Os responsables municipais destacaron o feito de que algo máis do 90 % dos visitantes proceden de fóra de Quiroga.


GRAN AFLUENCIA DE VISITAS DE ESCOLARES E ASOCIACIÓNS CULTURAIS

Un 17 % dos visitantes acuden a visitar os museos quirogueses en pequenos grupos o en solitario, sen cita previa, mentres que o 83 % restante intégranse dentro de grupos de máis de 10 persoas que acordan previamente unha visita guiada. Os responsables municipais destacaron, dentro deste último grupo, a numerosa presenza de centros de ensino tanto de infantil e primaria como de secundaria, así como asociacións culturais de toda a comunidade autónoma.

O Museo Xeolóxico supón un importante atractivo turístico e cultural para o sur de Lugo. EC.

O Museo Etnográfico mantén dende a súa apertura no ano 2007 unha afluencia media que supera os 1.700 visitantes anuais. Dada a xuventude do Museo Xeolóxico (inaugurado en decembro de 2011), aínda non se pode establecer unha comparación con anos anteriores. Según explicaron dende o Concello, o Museo Etnográfico superou amplamente a media dos anos anteriores, tendo en conta ademais que aínda faltan dous meses para rematar o ano.
Estas cifras veñen apoiadas por unha serie de actividades que dinamizaron os museos. O Museo Etnográfico acolleu un primeiro obradoiro de tecido tradicional con 17 mulleres inscritas de Monforte, Ribas do Sil e Quiroga), e a instalación da exposición permanente dos decorados da película de animación galega “O Apóstolo”, ademais da colaboración anual co programa “Preescolar na Casa” e a demostración na rúa dun fiadeiro tradicional. Asimesmo ao longo deste ano incorporáronse á colección deste Museo 23 novas pezas. Pola súa banda, o Museo Xeolóxico acolleu varias xornadas de portas abertas con visitas guiadas, e durante as primeiras xornadas de Xeoloxía na Ribeira Sacra organizadas polo GDR Ribeira Sacra se realizou unha visita especial.
Está prevista a realización de novas actividades de dinamización, como un Obradoiro de Arqueoloxía no Museo Xeolóxico e a apertura no Museo Etnográfico dunha exposición permanente de fotografías antigas, na que se mostrarán aos verdadeiros protagonistas desta colección etnográfica realizando os seus traballos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Quiroga e Ribas do Sil acolleron unha sesión do programa FalaRedes para a promoción do uso do galego no lecer dos máis cativos

Seguinte Nova

Os apartamentos turísticos galegos melloraron a súa ocupación en agosto un 28,8% con respecto ao ano pasado

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: