RAMÓN VÁZQUEZ DÍAZ, nº 1 de Alternativa Galega de Esquerda (EU) por Lugo, e MARÍA CASAR DÍEZ, nº 2 de Alternativa Galega de Esquerda (ANOVA) por Lugo:“Propoñémonos facer de cortalumes desta política de terra queimada que está acabando con todo”

• Encabeza a lista de Alternativa Galega de Esquerda pola provincia de Lugo. Fáganos unha diagnose, aínda que breve, da saúde socioeconómica desta provincia.

RAMÓN VÁZQUEZ (EU): A situación que temos agora en Galicia é de clara emerxencia social, debido a que nestes anos de goberno do PP Galicia non fixo outra cousa que empeorar, e así mo recoñece calqueira galego de a pé cando llo pregunto. Este goberno non resolveu ningún dos problemas fundamentais, sobre todo o paro, con cifras insostibles. En outubro de 2008 había na comarca de Lemos 1.799 parados, e agora chegan a 2.441, cifras realmente obscenas. Estes catro anos pecharon en Galicia 4.000 explotacións gandeiras, e cada día pechan pequenos negocios e empresas. Na provincia de Lugo prodúcense seis deshaucios ao día, o sector público está sendo desmantelado, cos recortes brutais en profesorado e con 36 unidades de primaria pechadas só neste ano na provincia. No eido sanitario os recortes e privatizacións están sendo salvaxes. Ése é o contexto, e tamén o desafío ao que nos temos que enfrontar. O primeiro reto é deter esa sangría, por iso dende Alternativa nos propoñemos facer de cortalumes a esta política de terra queimada que está acabando con todo e iniciar outra maneira de facer as cousas.

Ramón Vázquez (EU) e María Casar (ANOVA), nº1 e nº2 pola provincia de Lugo na coalición Alternativa Galega de Esquerda. EC

Nesta situación que describe, hai que falar dos sectores produtivos nun contexto de crise económica. Dende o sector agrogandeiro, están a reclamar á Administración unha resposta á crise que atravesan. Qué lle propón Alternativa Galega de Esquerda?

RAMÓN VÁZQUEZ (EU): Hai que deixar de entender o sector agrogandeiro en termos puramente macroeconómicos. Este sector en Galicia ten un carácter social e vertebrador para o desenvolvemento da comunidade. Se olvidamos isto estamos levando ó país á ruina económica e moral. O sector agrogandeiro está asfixiado polo PAC e temos que ter capacidade de incidir nas decisións que se están a tomar. Non se entende que un dos maiores produtores de leite de Europa como é Galicia non se lle trate cunha consideración especial. Hai que tomar medidas urxentes, hai marxe de maniobra. En primer lugar, hai que crear unha lei integral de agricultura e soberanía alimentaria, para garantir os costes de produción regulando as marcas brancas por exemplo, que empregan práticas de explotación e abuso. Potenciaremos a agricultura ecolóxica e urbana, dous sectores de clara puxanza económica. É urxente crear un banco de crédito agrícola, pois gandeiros e agricultores precisan dunha financiación que só pode ser pública porque é un sector que afronta uns desafíos en innovación e novas tecnoloxías que só se poden conseguir deste xeito. Tamén hai que crear un plan forestal galego para a mellora e aproveitamento sostible dos nosos montes. Crearemos un imposto para as grandes superficies comerciais como xeito de financiamento do sector agrogandeiro, xa que parece que é a única liña comercial pola que se está apostando, e que ten un impacto moi profundo sobre os produtores locais, xa que imponen unha dictadura de prezos que non se pode soster.

Poden os emprendedores confiar en que Lugo é unha terra de oportunidades? Canto pesan os emprendedores na proposta de Alternativa Galega de Esquerda?

RAMÓN VÁZQUEZ (EU): Os emprendedores son cuestión básica para o tecido económico de Galicia, xa que un 90% dos empregos proceden das PYMES, formadas por xente que nalgún momento decidiron apostar pola súa vila para crear un pequeño negocio, e que pouco a pouco creou unha rede de emprego aos contratar a máis xente. Defendemos un plan de apoio á contratación nas pequeñas empresas con incentivos fiscais e favorecendo a contratación de xóvenes e de persoas de máis de 40 e 50 anos. A marxe de maniobra da que antes falabamos tamén se pode aplicar ao caso dos emprendedores. Galicia ten moitas posibilidades laborais no sector agrogandeiro, pero na transformación non se actuou suficientemente. Dentro da lei de soberanía alimentaria hai que contemplar a industria agrogandeira, non só a produción. O mesmo na industria forestal co tema da biomasa, traballando cos montes comunais, e tamén polas enerxías renovables. A bolsa de parados da construcción hai que reconducila cun plan de restauración de vivendas en cascos urbanos históricos e no rural, así como un plan de renovación enerxética en todas as vivendas. No eido cultural, Galicia pode ser unha potencia audiovisual, e precisa canles de distribución e axudas. Pero para todo isto se precisa financiación, polo que a principal aposta programática é a creación dunha Banca Pública para que as entidades galegas intervidas, que xa son públicas, teñan ese carácter público e galego de xeito oficial e faciliten o crédito aos emprendedores.

Servizos sociais e educación centraron polémicas sociais e políticas no último ano. Alternativa Galega de Esquerda terá unha mensaxe que darlles aos nosos maiores en canto á atención sociosanitaria, e aos pais e nais do alumnado dos centros públicos, en canto a garantías de calidade e atención educativas.

MARÍA CASAR (ANOVA): Somos unha candidatura integrada por xentes do común, sufrimos e padecemos a mesma problemática que a xente á que imos representar. Pensamos que a sanidade hai que defendela por riba de todo. No caso da comarca de Lemos, é fundamental o mantemento do Hospital de Monforte e da Área de Xestión Integrada, non se pode permitir a regresión na sanidade, e hai que controlar a eliminación de consultas de atención primaria que se está a facer en O Saviñao e Brollón, por exemplo. Nunha provincia fundamentalmente rural, debemos estar en pé de loita para evitar o desmantelamento dos servizos públicos.
Ensino público, sanidade pública, dereitos laborais e sindicais son o eixo programático básico para Alternativa Galega de Esquerda. Nos colexios públicos estanse a suprimir profesorado e comedores, nunha poboación rural iso é inaceptable. É primordial manter o acceso á cultura para todos os cidadáns, e protexer o patrimonio cultural, histórico, artístico e etnográfico nas nosas comarcas. Se empezamos a traballar polo máis pequeño crearemos unha nación que confíe na súa identidade e se defenda das agresións contra a nosa lingua e cultura que se están a facer dende o goberno do Partido Popular. Hai outra maneira de facer política, non mallar sempre nas xentes de abaixo.

Son tempos complicados para todos, con cifras inauditas de paro e un crecente desalento na cidadanía, que reclama dos xestores públicos unha mensaxe clara. Díganos cal é a mensaxe de Alternativa Galega de Esquerda para os lucenses.

MARÍA CASAR (ANOVA): Transparencia, levar a ética ao ámbito da política, democracia participativa para que a cidadanía saibamos en todo momento que as nosas inquedanzas e necesidades están a ser trasladadas ás institucións, e un marco galego de relación laborais que permita o desenvolvemento da nosa patria. Traballando neses eixos conseguiremos a derogación das reformas laborais que se fixeron en contra dos nosos traballadores, traballar a favor de políticas efectivas de igualdade, e ser unha canle de comunicación entre a sociedade e a política. Ser a voz do noso pobo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

IVÁN MARRUBE RODRÍGUEZ, nº 1 de Compromiso por Galicia pola provincia de Lugo:“Compromiso por Galicia é unha ferramenta para que a xente poida implicarse na xestión do interés público”

Seguinte Nova

EN BREVE PROCEDEREMOS A LA ACTUALIZACIÓN DE LA VERSIÓN WEB DE ENCOMUN

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: