Alega uso electoralista das obras
O sindicato UGT-Lemos denunciou o uso que fai a Xunta de Galicia das actuacións no corredor Sarria-Monforte. “Lamentamos que para abrir o tramo Sarria-Ourela obrigaran ás subcontratas e aos seus empregados a traballar sábados, domingos e festivos, en xornadas de doce horas diarias”, explica o secretario xeral do sindicato, Mario Docasar.
Asimesmo, Docasar denunciou que “grupos de traballadores do tramo Oural-Noceda-Áspera recibiron comunicación por parte da empresa de que, unha vez aberto o tramo de Sarria a Magnesitas, foran disfrutando das vacacións para a continuación ir a engrosar as listas do paro”. “Estamos convencidos de que non hai partida presupuestaria para continuar ata Ribas Pequenas e Monforte, e que só van quedar catro traballadores para mantemento da maquinaria”, denuncia Docasar.
“TOMADURA DE PELO DO PARTIDO POPULAR”
O secretario xeral de UGT-Lemos considera este feito “unha tomadura de pelo do Partido Popular, xa que parar as obras unha vez acabada a campaña electoral supón unha burla aos cidadáns”. Asimesmo, o responsable desta formación sindical anunciou que van poñer en coñecemento da autoridade laboral “estas xornadas abusivas para vender fume coa apertura dun tramo de cinco quilómetros”.
Dende o sindicato consideran “un engano permanente e masivo paralizar as obras pendentes, o que significa preto de dous anos máis de retraso”. O responsable de UGT-Lemos insta á candidata do Partido Popular ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Raquel Arias, “a traballar pola comarca, así como a impulsar unhas obras que activan en época de eleccións e, unha vez pasada a campaña, paralízanas de novo, co conseguinte problema para deceas e centenares de traballadores que voltan a engrosar as cifras do paro”. Finalmente, Mario Docasar animou á cidadanía “a tomar boa nota contra estas políticas manipuladoras”.
Por outra banda, o secretario xeral de UGT-Lemos animou á portavoz municipal do PP, Julia Rodríguez, “a preocuparse polos 1.616 parados de Monforte e deixar de criticar o cubeo, que xera emprego no sector servizos, o máis castigado polo paro en Monforte”. Docasar animou a “políticos, portavoces e senadores a traballar polos veciños, e traer algunha empresa para a zona sur”. Asimesmo, valorou “moi positivamente” o cubeo, “así como o fan a maioría dos cidadáns”. Dende o sindicato consideran “que os monfortinos son suficientemente intelixentes para non deixarse manipular”, e ao mesmo tempo animan á cidadanía “a pedir máis cubos en casos puntuais”.