As pequenas e medianas empresas lucenses apostan por mellorar a través das novas tecnoloxías

Venta por internet, xestión de pedidos e captación de novos clientes son algúns dos aspectos que máis interesan aos xerentes das empresas adheridas a este Plan

Galletas Daveiga, empresa chantadina vinculada ao sector da alimentación, ven sumándose ás diversas iniciativas que dende o organismo provincial tratan de apoiar a mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas lucenses. Nesta ocasión, a empresa chantadina é unha das 50 que en toda a provincia se adheriron ao Plan de Dinamización do Uso das TIC, “posto que as novas tecnolóxias e o seu aproveitamento son moi interesantes para a xestión da empresa”, apunta Xosé Lois Lamazares, xerente de Galletas Daveiga, firma que xa viña implementando procesos telemáticos de xestión interna pero que viu neste Plan unha oportunidade de recibir asesoramento técnico por parte de profesionais de xeito totalmente gratuito. “O feito de que poñan á nosa disposición un equipo de profesionais para analizar como estábamos e en que podemos mellorar é moi importante para empresas da nosa dimensión, xa que nos resultaría imposible acceder a grandes auditorías”, explica Lamazares, consciente como outros empresarios de que o aforro medio por empresa nestes servizos do Plan de Dinamización ascende aos 2.500 euros.

A empresa chantadina Galletas Daveiga acolleuse a este Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES da Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar os procedimentos de xestión interna, tendo en conta que o Plan facilita, sen apenas custe, auditoría técnica e asesoramento accesibles para un tipo de empresas que non poden custear grandes auditorías procedimentais. Foto cedida.

COMO E EN QUE MEDIDA PRECISA A MIÑA EMPRESA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

O Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES funciona nunha dobre dirección: por un lado, ofrece auditorías ás empresas para avaliar cal é o seu grao de incorporación ás novas tecnoloxías, e así determinar as melloras que máis lle conveñan, e por outro lado, o Plan ofrece aos empresarios asesoramento técnico personalizado para que poidan elixir as ferramentas tecnolóxicas de maior eficacia según as súas necesidades. Este completo diagnóstico resulta de gran valor para empresas como Caurelor, xerenciada por Verónica Núñez dende Folgoso do Courel, que valora “toda iniciativa que sirva para mellorar a empresa”, tendo en conta que o equipo de profesionais que nos asesoran teñen coñecementos que nós non temos, e isto nos permite implementar ferramentas que quizáis non seríamos quen de detectar”, apunta Núñez.

SERVIZOS PROFESIONAIS PARA EMPRESAS QUE NON DISPOÑEN DE ESPECIALISTAS EN NOVAS TECNOLOXÍAS

Dado que os pequenos e medianos empresarios, base do tecido empresarial da provincia de Lugo, están centrados en mellorar o seu produto ou servizo e tratan de optimizar os seus recursos, o máis frecuente é que non dispoñan de persoal propio especializado na xestión das novas tecnoloxías. “Somos empresas pequenas con recursos moi contados, así que todo o que veña de mellora neste sentido benvido sexa”, recoñece Verónica Núñez. “A pesar de que xa temos en marcha procesos de xestión telemática de carácter interno, non temos un departamento específico para estes temas, polo que a axudas destes servizos da Deputación nos resultan moi interesantes”, apunta Lamazares.

XESTIONAR MELLOR PARA VENDER MÁIS

“Aínda que xa temos un camiño andado neste sentido, interésanos mellorar os sistemas de atención a determinados clientes, polo volume de pedidos e porque vemos que coas novas tecnoloxías traballamos mellor con eles”, explica o xerente de Galletas Daveiga. Os procesos de xestión de pedidos, carteira de clientes, control de entregas e facturación son os procedimentos que máis interés despertan nos pequenos e medianos empresarios lucenses á hora de implantar as novas tecnoloxías. “Para o sector da alimentación no que nós traballamos, todas as melloras que poidamos introducir referidas ao uso das novas tecnoloxías son moi importantes, porque isto axuda non só a vender mellor senón a vender máis, xa que dá a coñecer mellor a nosa marca”, suliña Verónica Núñez dende Caurelor. O sector alimentario é, xunto ao hoteleiro, o que máis demandou os servizos do Plan de Dinamización das TIC nas PEMES, seguidos da restauración, o comercio e os servizos de lecer.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Plan de Conservación de Estradas provinciais: Todo listo para o inverno

Seguinte Nova

Software de última xeración para os pequenos negocios turísticos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: