Ciencias Ambientais, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Turismo, Enxeñería Informática, Socioloxía ou Historia da Arte son, entre outros, algúns dos Graos universitarios oficiais que poden cursarse a distancia dende a Aula que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) ten aberta en Monforte de Lemos, ademais de realizar de xeito presencial os Estudios de Acceso á Universidade para maiores de 25 anos, e o Grao en Educación Social. Para dar a coñecer as novas instalacións, equipamento e programación académica á cidadanía, dende a dirección da UNED en Lugo e o Concello de Monforte organizaron unha xornada de portas abertas coincidindo coa apertura do curso académico 2012-2013 o pasado 18 de outubro.
VANTAXES DA UNIVERSIDADE A DISTANCIA
Durante esta xornada, un grupo de docentes e directores dos centros educativos da comarca desenvolveron unha visita guiada polas instalacións, situadas nas dependencias da Casa da Cultura de Monforte, onde o alcalde, Severino Rodríguez, e o director da UNED en Lugo, José Luis Prieto Arroyo, explicaron as innovacións metodolóxicas e tecnolóxicas que incorpora esta modalidade formativa para que poidan transmitir as vantaxes deste sistema aos seus alumnos. Prieto Arroyo comentou aos docentes que a UNED está rexistrando un gran incremento de matrículas, especialmente de xente moza, e que a idade media do seu alumnado atópase arredor dos 37 anos. O director da UNED en Lugo salientou a enorme facilidade de cursar unha carreira universitaria dende a casa, cun ordenador e unha web, así como as múltiples posibilidades formativas que ofertará a UNED Aberta en forma de cursos, simposios e congresos que se poden seguir dende a casa de xeito gratuíto.
OS EMPRESARIOS LOCAIS AMOSAN O SEU INTERÉS
Esta xornada de portas abertas adicou un espazo ao empresariado local. Un grupo de empresarios monfortinos visitaron as aulas e asistiron a unha videoconferencia co director do INTECCA e doutor en Economía Jorge Vega Núñez, quen lles falou sobre as “Aportacións da tecnoloxía ó desenvolvemento empresarial”. Asimesmo, o alcalde de Monforte puxo a disposición do empresariado local as instalacións e os medios tecnolóxicos da UNED de Monforte. Trala visita, os empresarios amosaron o seu interés pola oferta de cursos específicos da UNED para o mundo empresarial, así como pola posible colaboración coa Universidade que redunde en beneficio dos seus negocios.