Plan de Conservación de Estradas provinciais: Todo listo para o inverno

Os responsables provinciais recoñecen o «gran esforzo inversor» feito para mellorar os 4.200 quilómetros de estradas dependentes da Deputación, mentres esperan a que a Xunta «desbloquee o proceso de transferencia que mantén parado dende 2009»

Preto de cinco millóns de euros é o presuposto que a Deputación de Lugo destinará ao Plan de Conservación de Estradas no vindeiro 2013. Un «gran esforzo inversor»por parte do organismo provincial, según explicou o deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, que ten como obxectivo «garantir o bo estado da rede viaria provincial», que suma en total 4.200 quilómetros (a máis extensa de España), «e así, garantimos as condicións de seguridade das estradas e o benestar dos veciños, vertebramos o territorio e ademais creamos emprego».

Acondicionamento do firme con rebacheo ou capas de aglomerado en quente, colocación de novas sinais e sustitución das deterioradas, retirada de animais mortos, ramas ou pedras dos viais, e limpeza de neve ou aceite son os principais cometidos das empresas adxudicatarias do Plan de Conservación das Estradas provinciais. EC.

MANTEMENTO DE PRETO DE 350 POSTOS DE TRABALLO CO PLAN DE CONSERVACIÓN DE ESTRADAS PROVINCIAIS

A trascendencia económica do Plan de Conservación de Estradas provinciais reflíctese nas sete empresas que veñen desenvolvendo estes traballos os dous últimos anos, e que supoñen, según os responsables provinciais, un total de 350 postos de traballo directos «nun dos sectores máis castigados polo paro e a recesión». Na provincia de Lugo, o sector da construcción veu medrar nun 30% o desemprego nos tres últimos anos.

MÁIS EFICIENCIA E AFORRO COA NOVA DIVISIÓN DA REDE

A reestructuración do Plan de Conservación de Estradas que levou a cabo o organismo provincial no 2010 contribuiu a unha maior eficiencia no servizo. Das trece zonas nas que estaba subdividida a rede de estrada, pasouse á actual división en oito, co que «é menor o número de empresas adxudicatarias e a adxudicación sae máis barata ao encargarse unha mesma empresa de máis concellos», explicou o voceiro socialista Manuel Martínez. Asimesmo, mellorou a atención aos veciños «ao estar o servizo máis centralizado».

AS ZONAS DE MONTAÑA REXISTRAN O ÍNDICE MÁXIMO DE INCIDENCIAS DURANTE O INVERNO

As zonas sete e oito corresponden aos concellos do sur de Lugo. Triacastela, Samos, Folgoso do Courel, O Incio, Quiroga e Ribas de Sil son os municipios por onde atravesan os 313 quilómetros da rede provincial integrados na zona sete, cuxo mantemento foi adxudicado á empresa Construcciones Goñi por un importe de 459.827,46 euros. Según comentan os responsables da empresa, o inverno é a temporada con máis incidencias debido á neve acumulada nas estradas de montaña, e a desprendimentos provocados pola choiva ou o vento. Ademáis das consecuencias dos fenómenos meteorolóxicos, esta empresa leva a cabo tarefas de rebacheo e tamén de aplicación de aglomerado en quente, traballo para o que poñen en marcha a un bo número de traballadores, que supera «con creces» a media de entre catro e dez que adican ás tarefas ordinarias. O pintado da estrada LU-5602 en Samos trala aplicación do aglomerado ven de ser completado nestes días, logo de acometer a mellora dun cruce en Ribas de Sil, para adicarse nos vindeiros días á reposición de diversas sinais de tráfico que foron arrincadas en Triacastela.

DETECCIÓN DE INCIDENCIAS CON CUADRILLA PROPIA, E COMUNICACIÓNS DENDE O 112 OU A GARDA CIVIL

A sistemática de funcionamento das empresas adxudicatarias do Plan de Conservación de Estradas está baseada nos controis periódicos que realizan ao longo da zona da súa competencia «mediante unha cuadrilla permanente que se despraza en furgoneta para detectar as posibles incidencias», explican os responsables de Construcciones Rafer, empresa adxudicataria dos traballos de conservación da zona oito por un importe de 767.796.25 euros, e que abrangue os concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. Esta cuadrilla, integrada por entre cinco e seis persoas según as necesidades, traballa en coordinación coa Garda Civil, a Deputación de Lugo e o servizo 112, dos que reciben a meirande parte das comunicacións de incidencia. As actuacións de maior envergadura, como a pavimentación de tramos, poñen en marcha ata 40 traballadores desta empresa, que conta ademais cun equipo completo de maquinaria, dende cuñas quitaneves ata plantas de aglomerado, para dar resposta ás necesidades que poida requerir o estado das vías. En meses tranquilos, como foi o de outubro, as tarefas de conservación limítanse á vixilancia, aínda que en calquera momento pode xurdir unha alerta, «pois tamén ofrecemos asistencia en accidentes, como no caso de derrame de aceite ou combustible na vía», explican dende Construcciones Rafer.

A CONSERVACIÓN DE ESTRADAS, EN CIFRAS

O balance do Plan de Conservación de Estradas provinciais fala dun investimento de máis de 60 millóns de euros nos últimos anos na mellora con aglomerado en quente de 1.000 quilómetros, un plan de rebacheo que incluiu os 67 concellos da provincia, a colocación de máis de 3.400 sinais, un milleiro de paneis direccionais, máis de 400 balizas de neve, máis de 4.000 fitos quilométricos, preto de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas. Neste sentido, dende o organismo provincial critican que a Xunta non teña completado o proceso de transferencias de estradas. O Plan Director estableceu en 2011 que a Xunta pasaba á Deputación 213 quilómetros e o ente provincial transfería 142 á Xunta, e dada a desigualdade, o organismo provincial propuxo engadir outros 94 quilómetros, «sen que aínda teñamos resposta dende a Administración autonómica».

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Apoio provincial ás actividades máis representativas de Monforte

Seguinte Nova

As pequenas e medianas empresas lucenses apostan por mellorar a través das novas tecnoloxías

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: