O balance das Eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 21 de outubro outorgou a victoria ao Partido Popular en todos os municipios do sur de Lugo.
O PARTIDO POPULAR FOI A FORZA MÁIS VOTADA EN TODOS OS CONCELLOS DO SUR LUCENSE
A marxe de votos do PP máis alta localizouse en Paradela, cun 70,43% dos escrutinios, seguida de Quiroga, cun 67,59%, Carballedo, cun 66,13% e Sober, cun 66,06%. O Partido Popular superou o 60% dos votos en O Saviñao (61,51%) e en Pantón (63,35%). As porcentaxes máis baixas obtidas polo Partido Popular nos concellos do sur lucense corresponden a A Pobra do Brollón, onde acadaron o resultado máis axustado (41,37% dos votos), e Monforte de Lemos (cun 43,74% dos escrutinios). O PP quedou por debaixo do 50% dos votos tamén en Samos (47,41%) e en Ribas do Sil (47,80%). Malia a victoria do Partido Popular nas tres principais vilas do sur de Lugo, en Monforte de Lemos o PP perde 761 votos con respecto aos comicios autonómicos de 2009, e en Chantada contabiliza 148 menos. Pola súa parte, son 148 votos máis os que sube o PP de Sarria respecto das autonómicas do 2009.
O PARTIDO SOCIALISTA MANTENSE COMO SEGUNDA FORZA MÁIS VOTADA EXCEPTO EN CHANTADA
O PSdeG-PSOE mantén as mellores porcentaxes en Ribas do Sil (43,47% dos votos rexistrados) e en Samos (40,12%), e mantense como segunda forza máis votada en todos os concellos excepto en Chantada, onde foi desbancado deste posto (unha diferencia dun punto porcentual ) por Alternativa Galega de Esquerda (AGE). A perda de votos rexistrada polo PSdeG-PSOE nas cabeceiras chega aos 1.200 votos en Sarria, mentres que en Monforte de Lemos a baixada é de 761 votos, e en Chantada de 725 con respecto aos comicios autonómicos de 2009.
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, TERCEIRA FORZA MÁIS VOTADA EN 12 DOS 19 CONCELLOS DO SUR
O Bloque Nacionalista Galego segue como terceira forza máis votada en 12 dos 19 concellos do sur de Lugo, rexistrando as porcentaxes de voto máis elevadas en A Pobra do Brollón (20,38%), seguido de Monforte de Lemos (11,72%) e de O Incio (10,92%). Hai que destacar que na vila do Cabe, esta prioridade estivo moi disputada por Alternativa Galega de Esquerda, que chegou ao 11,11% dos votos. As principais vilas do sur de Lugo acusaron perda de votos do BNG: en Monforte de Lemos contabilizaron 1.072 votos menos, en Chantada a caída foi de 875 e en Sarria de 410.
ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA DÁ A SORPRESA
A irrupción de Alternativa Galega de Esquerdas destacou especialmente en Chantada, onde se situou como segunda forza máis votada (18,02%, o seu mellor resultado, con diferencia, en todo o sur lucense) por diante do PSdeG-PSOE e o BNG. Asimesmo, AGE acadou o terceiro posto en votos en sete concellos do sur provincial: Sober, Ribas do Sil, Folgoso do Courel, Láncara, O Páramo, Samos e Triacastela, e cunha escasa diferencia co terceiro partido en Monforte de Lemos, Bóveda, Samos, Paradela e Sarria. Nas principais ciudades do sur lucense AGE amosa un crecemento moi significativo con respecto aos resultados que Esquerda Unida, integrante desta coalición, acadara nas autonómicas de 2009. Así, recolle en Monforte 1.032 votos máis, en Sarria 592 e en Chantada 864, cifras que se aproximan ás baixas rexistradas nesta volta nos votos do BNG nas capitais comarcais.
A ABSTENCIÓN MEDROU EN TODOS OS MUNICIPIOS RESPECTO ÁS AUTONÓMICAS DE 2009
A subida da abstención con respecto á participación nas autonómicas de 2009 foi unha constante no 21-O en todos os concellos do sur provincial, que oscilaron entre os catro puntos máis de Paradela e O Incio, os cinco puntos de Bóveda e os seis de Quiroga, ata os 8 puntos de aumento da abstención en Ribas do Sil e Folgoso, e os 12 puntos de Láncara e A Pobra do Brollón.
Datos do 21-O por comarcas e concellos: número de votos, comparativa co 2009 e participación
COMARCA DE TERRA DE LEMOS
PP: 9.215 votos (51,06%); en 2009: 10.729 votos (50,37%).
PSdeG-PSOE: 4.016 votos (22,25%); en 2009: 6.057 votos (28,43%).
BNG: 1.932 votos (10,70%); en 2009: 3.780 votos (17,74%).
AGE(EU-ANOVA):1.635votos (9,06%); en 2009(Esquerda Unida):78 votos (0,37%).
En Bóveda, o Partido Popular acadou o 59,94% dos votos rexistrados, por riba do PSdeG-PSOE, cun 22,30%. O Bloque Nacionalista Galego obtivo o 7,32% dos escrutinios, en resultado moi reñido con AGE, que acadou o 7,24% dos votos. A participación foi do 77,07%, cunha abstención que subiu case 5 puntos (22,93%) con respecto aos comicios do 2009. En Monforte de Lemos, o Partido Popular recolleu o 43,74% dos escrutinios, mentres que o PSdeG-PSOE acadou o 23,99%. O BNG foi a terceira forza máis votada, cun 11,72% dos votos, e a coalición AGE levou o 11,11%. A participación foi do 63,20%, cunha abstención do 36,80% (case nove puntos respecto ao 2009). En Pantón, o Partido Popular acadou un o 63,35% dos votos, o PSdeG-PSOE o 18,66% e a distancia situáronse o BNG, co 8,45%, e AGE, co 5,84%. A participación foi do 70,22%, cunha abstención do 29,78% (medrou case seis puntos respecto ao 2009). En A Pobra do Brollón, o Partido Popular conseguiu o 41,37% dos escrutinios, seguido polo PSdeG-PSOE co 26,19%, moi preto sigue o BNG co 20,38%, e a distancia sitúase AGE co 6,41%. A participación foi do 65,98%, cunha abstención do 34,02% (doce puntos máis alta que no 2009). En O Saviñao, o Partido Popular acadou o 61,51% dos escrutinios, seguido do PSdeG-PSOE, cun 21,12%. O BNG acada o 8,06%, e a coalición AGE o 5,58%.A participación foi do 69,27%, cunha abstención do 30,73% (oito puntos máis alta que en 2009). En Sober, o Partido Popular conseguiu o 66,06% dos votos, mentres que o PSdeG-PSOE acadou o 14,80%. AGE sitúase no 8,78% dos escrutinios, e o BNG acada o 6,49%.A participación foi do 73,81%, cunha abstención do 26,19% (seis puntos máis alta que en 2009).
COMARCA DE SARRIA
PP: 7.413 votos (53,96%); en 2009: 7.420 votos (46,29%).
PSdeG-PSOE: 3.375 votos (24,57%); en 2009: 5.579 votos (34,80%).
BNG: 1.110 votos (8,08%); en 2009: 2.063 votos (12,87%).
AGE(EU-ANOVA):1.098votos (7,99%); en 2009(Esquerda Unida):75 votos(0,47%).
En Sarria, o Partido Popular conseguiu un 51,99% dos escrutinios, e o PSdeG-PSOE o 23,33%. Pola súa parte, o BNG acadou un 9,16%, e a coalición AGE o 9,05%. A participación foi do 66,35%, cunha abstención do 33,65% (máis de seis puntos sobre o 2009). En O Incio, o Partido Popular acadou o 52,90% dos votos, o PSdeG-PSOE o 28,22%, seguida do BNG cun 10,92% e AGE cun 6,28%.A participación foi do76,66%, cunha abstención do 23,34% (catro puntos máis que en 2009). En Láncara, o Partido Popular logrou o 51,63% dos votos, seguido polo PSdeG-PSOE con 24,40%, e a boa distancia a coalición AGE con 8,97% e o BNG con 7,35%. A participación foi do 63,81%, cunha abstención do 36,19% (case 12 puntos máis que no 2009). En Paradela, o Partido Popular acadou o 70,43% dos votos, seguido a gran distancia do PSdeG-PSOE co 16,54%, o BNG co 5,46% e AGE co 5,01%. A participación foi do 74,54%, cunha abstención do 25,46% (catro puntos máis que en 2009). En O Páramo, o Partido Popular logrou o 55,26% dos votos, seguido do PSdeG-PSOE co 24,40%, AGE co 8,61% e o BNG co 7,05%. En canto á participación, foi do 61,49%, cunha abstención do 38,51% (dez puntos máis que en 2009). En Samos, o PP logrou o 47,41% dos votos, seguido do PSdeG-PSOE co 40,12%, e a boa distancia AGE acadou o 4,45% e o BNG o 4,35%. En participación, votou o 70,53% do electorado, cunha abstención do 29,47% (seis puntos máis que en 2009). En Triacastela, o PP tivo o 59,21% dos votos, seguido do PSdeG-PSOE co 24,70%, o 7,84% de AGE e o 2,94% do PT. A participación foi do 76,45%, cunha abstención do 23,55% (seis puntos máis que en 2009).
COMARCA DE CHANTADA
PP: 4.653 votos (55,78%); en 2009: 5.028 votos (50,78%).
PSdeG-PSOE: 1.443 votos (17,30%); en 2009: 2.564 votos (25,89%).
AGE (EU-ANOVA): 1.175 votos (14,08%); en 2009(Esquerda Unida):25 votos(0,25%).
BNG: 573 votos (6,86%); en 2009: 1.931 votos (19,50%).
En Chantada, o Partido Popular acada un 51,45% dos votos, seguido a distancia pola coalición AGE, co 18,02%. Pola súa parte, o PSdeG-PSOE sitúase en terceira posición cun 17,06% dos votos, mentres que o BNG recibe o 6,52% como cuarta forza máis votada. Compromiso por Galicia acada un 0,51%. A participación foi do 67,26%, e a abstención medrou máis de sete puntos (32,74%) con respecto ao 2009. En Carballedo, o Partido Popular conseguiu o 66,13% dos votos, o PSdeG-PSOE o 16,99%, a coalición AGE o 7,02% e o BNG o 5,92%. A participación foi do 72,35%, cunha abstención do 27,35% (oito puntos máis que nas eleccións do 2009). En Taboada, o Partido Popular conseguiu o 58,11% dos votos escrutados, o PSdeG-PSOE acadou o 18,21%, a coalición AGE o 9,85% e o BNG o 8,64%. En canto á participación, foi dun 64,07%, cunha abstención do 35,93% (oito puntos máis que en 2009).
COMARCA DE QUIROGA
PP: 2.227 votos (61,89%); en 2009: 2.420 votos (55,89%).
PSdeG-PSOE: 878 votos (24,40%); en 2009: 1.459 votos (33,70%).
BNG: 217 votos (6,03%); en 2009: 380 votos (8,78%).
AGE (EU-ANOVA): 168 votos (4,66%); en 2009 (Esquerda Unida): 2 votos (0,05%).
En Quiroga, o Partido Popular rexistrou o 67,59% dos votos, seguido a boa distancia polo PSdeG-PSOE, cun 17,72%. Pola súa parte, o BNG acada o 7,50% dos votos, e AGE o 3,95%. A participación foi do 71,78%, cunha abstención do 28,22% (seis puntos de aumento sobre os datos de 2009). En Ribas do Sil, o Partido Popular acadou o 47,00%, moi pelexado polo 43,47% do PSdeG-PSOE, ambos a gran distancia dos resultados de AGE e BNG, con 3,84% e 2,76%, respectivamente. A participación foi do 70,41%, cunha abstención do 29,59% (oito puntos máis que no 2009). En Folgoso do Courel, o PP acadou o 58,09% dos votos, seguido do PSdeG-PSOE co 27,44%, AGE co 7,49% e o BNG co 4,55%. A participación foi do 69,12%, cunha abstención do 30,88% (oito puntos máis que en 2009).
Valoracións dos resultados electorais nas principais formacións políticas na provincia de Lugo
PARTIDO POPULAR
RAQUEL ARIAS: “O goberno de Núñez Feijóo foi o que máis representou as necesidades e intereses das veciñas e vecinos de Lugo. Neste sentido, quero agradecer a todas as persoas que votaron ao Partido Popular, pero quero dicir tamén que o goberno de Alberto Núñez Feijóo, como o foi na pasada lexislatura, será o goberno de absolutamente todos os lucenses, de todos os galegos, daqueles que votaron ao Partido Popular pero tamén daqueles que votaron a outras opcións políticas, ou mesmo aqueles que nesta ocasión decidiron non ir votar. Será un goberno que empezará a traballar xa mesmos cun único obxectivo, o de que Galicia sexa tamén a líder en saír da crise e iniciar a senda do crecemento, igual que está sendo a líder en solvencia e a líder no establecemento do benestar. Esta é a nosa mensaxe, sobre todo agora que temos máis responsabilidade ao acadar un maior apoio nas urnas”. “Quero dar as gracias a alcaldes e todos os concelleiros, afiliados e todos os que participaron nesta campaña axudando á candidatura, facendo posible que explicáramos cal foi a labor do goberno de Alberto Núñez Feijóo na lexislatura que acaba de rematar, e tamén o traballo de cara á próxima”.
PSdeG-PSOE
CONCEPCIÓN BURGO: “En primeiro lugar, quero dar as gracias a todas as persoas que confiaron en nós para sacar Galicia adiante. Hai unha porcentaxe moi ampla de galegos e galegas que amosaron que queren un cambio e que non están conformes coa actual situación. Pero desgraciadamente non foi suficiente. Dende o PSdeG só podemos dicirlles que recibimos a súa mensaxe. Agora empeza unha etapa de reflexión profunda pero tranquila, na que temos que ser capaces de dar respostas reais aos problemas da cidadanía e demostrarles que hai outro xeito de facer as cousas. Haberá cambio, e ese cambio empezará hoxe”. JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO: “Na democracia e na sociedade na que vivimos non só é posible senón esixible ser primeiro persoa, polo tanto o primeiro de todo é felicitar ao gañador, e agradecerlle a confianza a todos os que apostaron por nós, polo Partido Socialista. Dito esto, temos que lamentar o que cremos que, vistos estes catro anos, son uns resultados que poden saír moi caros para Galicia, e o dobre de caros para a provincia de Lugo. Hoxe recibimos a mensaxe da xente, que non vos quepa a menor dúbida de que isto supón un punto de inflexión. Somos plenamente conscientes de que temos que ser capaces de dar respostas. Dende mañá mesmo o PSdeG de Lugo estará nas rúas, traballando nesas respostas reais aos problemas que nos transmita a xente. Que ninguén pense que isto é o final de nada. Hoxe comeza unha reconciliación con nós mesmos e coa sociedade galega”.
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG)
COSME POMBO: “Quero destacar en primeiro lugar o compromiso cívico dos cidadáns e cidadás que foron votar para que houbese un cambio en Galiza. O BNG seguirá petando na alma do pobo galego ata conseguir que teña un espíritu revolucionario. Traballamos nesta campaña coa ilusión de conseguir un resultado mellor, polo que non nos sentimos satisfeitos con este resultado, pero o Bloque leva 30 anos traballando por Galiza e nese tempo tivemos momentos máis alegres pero tamén momentos moito máis duros ca este, e se 1.000 veces caímos, 1.000 veces nos levantamos para defender este país. Debedes saber que o BNG síntese moi honrado dos apoios de toda a xente que nos votou, e esperamos non defraudalos na labor que nos toca no Parlamento. Eu non son de ningunha clase política, eu son da clase traballadora e agardo representar con dignidade a esa clase traballadora no Parlamento. Por outra banda, recoñecemos a victoria do Partido Popular, e felicitamos a ANOVA polos resultados desta alternativa que irrumpíu con forza no Parlamento e coa que agardamos encontrarnos no traballo por Galiza. Pola miña parte, estou á disposición do que decida a organización nacionalista, que será quen deba facer as análises correspondentes destes resultados, aínda que estou convencido de que o BNG ten 30 anos de historia pero tamén ten futuro”.
ANOVA (integrada na coalición AGE):
PAULA VERAO: “Cremos que os bos resultados xerais de AGE baséanse na implicación da xente moza á hora de votar. Estamos satisfeitos cos resultados, porque aínda que gañou o PP está derrotado socialmente, xa que perden 180.000 votos. Asimesmo, a gran abstención demostrou a desafección cara ós políticos de sempre. Por último, esta non vai ser unha lexislatura tranquila, temos unha gran responsabilidade coa xente que nos votou. Asimesmo, traballaremos para reforzar a política asamblearia, porque entendemos que na comarca de Lemos queda moito por facer, e queremos implicar á xente”. EMMA RODRÍGUEZ: “Os resultados son moi satisfactorios en Monforte, cun resultado que non se esperaba, e onde se notou moito o impacto do mitin de Beiras. Pero todo isto foi posible gracias ó traballo da xente de ANOVA”. ILDEFONSO PIÑEIRO: “Gracias á xente que confiou en nós, fomos a segunda forza máis votada en todas as mesas da vila de Chantada e en catro mesas do rural.Personalmente, a sensación é agridulce, xa que non se conseguiu o desaloxo da “brigada de demolición” que está a ser o PP na Xunta. Pola nosa parte, imos seguir traballando facendo asambleas que estarán abertas a toda a xente, non só aos militantes, senón a todos aqueles que se sintan desencantados. Deben saber que teñen un sitio nestas asambleas onde verquer as súas inquedanzas, para facer política.”