Sarria e Monforte, un pouco máis cerca: Inaugurado o novo tramo Sarria-Noceda da vía de alta capacidade

No acto de inauguración, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suliñou que se vai manter a prioridade do tramo pendiente ata Monforte “a pesar das dificultades”

O pasado 26 de outubro quedou aberto ó tráfico o novo tramo da vía de alta capacidade entre Sarria e Noceda, no concello de O Incio. O presidente en funcións da Xunta de Galicia, trasladouse ata Oural para inaugurar os sete novos quilómetros de vía destas características, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Autoridades locais e provinciais esperaban a chegada de Núñez Feijóo para percorrer en autobús os sete quilómetros ata o enlace co tramo xa vixente Sarria-Nadela, onde técnicos da Consellería explicaron aos asistentes as características desta infraestrutura.

DIFICULTADES OROGRÁFICAS E XEOLÓXICAS PARA ACOMETER AS OBRAS

O trazado que vai de Sarria a Noceda destaca, según explicaron os técnicos, pola dificultade orográfica e xeolóxica para acometer as obras que inclúen varios viaductos (como o de Albán, o máis extenso, con 540 metros de lonxitude). Foi preciso excavar en desmonte máis de catro millóns de metros cúbicos de terra, con alta presencia de esquistos metálicos na composición do terreo, que complicou os traballos de excavación. Estas dificultades xustifican, según os técnicos, os 51,12 millóns de euros investidos nestes sete quilómetros, dos que case seis contan con carril de adiantamento, o que contribúe a garantizar a seguridade vial e a fluidez de tráfico.

O presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse ata Oural para inaugurar o novo tramo Sarria-Noceda da vía de alta capacidade. Na súa visita, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, foi recibido polo alcalde de Sarria, José Antonio García, a delegada territorial en funcións da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e autoridades locais. EC.

UN MILLÓN E MEDIO DE VEHÍCULOS AO ANO

Durante a súa intervención, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, cualificou esta obra de “fito histórico en tempos de crise”, xa que esta actuación esixía un alto investimento xustificado polas “grandes dificultades” que supoñían as particularidades da paisaxe e do terreo entre Sarria e Noceda. Hernández explicou que a viaxe entre Lugo e Monforte é un 10% máis curta a partir de agora, ao quedar aberto un tramo que espera contar cun tráfico de preto de 1,5 millóns de vehículos ao ano, o que libera aos núcleos urbáns da intensidade de vehículos. Hernández lembrou que a apertura no seu día do tramo Sarria-Nadela tiña suposto unha reducción do 65% do tráfico rodado nesta vila xacobea. “Máis benestar para os veciños, máis seguridade vial e, tamén, máis beneficios medioambientais ao permitir máis condución en marchas longas” foi o resumo das vantaxes que, según o titular autonómico, traerá consigo o novo tramo Sarria-Noceda, cuxa construcción constituiu “un esforzo extra para vertebrar os territorios do interior de Galicia, en especial do sur de Lugo”.

O presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asisten á intervención do alcalde de Sarria, José Antonio García, no acto de inauguración do tramo Sarria-Noceda de alta capacidade. EC.

“PRIORIZACIÓN” COMO CLAVE PARA ACOMETER INFRAESTRUTURAS E ATENDER AS POLÍTICAS SOCIAIS

Pola súa parte, o alcalde de Sarria, José Antonio García, destacou que a apertura do tramo Sarria-Noceda supoñía “un soño feito realidade para Sarria”, coa posta en funcionamento destes novos sete quilómetros dunha infraestrututura “na que nos vai o futuro”. O rexedor local puxo de manifesto a importancia de que a Xunta de Galicia estea en condicións de acometer este tipo de actuacións ao tempo en que se está a investir tamén en políticas sociais, “como no novo centro de saúde de Sarria ou na apertura da Escola Oficial de Idiomas na nosa vila”, precisou José Antonio García. O rexedor sarrián agradeceu a aposta da Xunta por esta comarca, facendo posible o reto da “gran rúa que una Lugo con Monforte”, rememorando as palabras coas que Núñez Feijóo describira hai uns anos o proxecto do Goberno galego para vertebrar os territorios da provincia de Lugo.

“EIXO VERTEBRADOR DA PROVINCIA DE LUGO”
Pola súa parte, o presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, explicou que esta actuación viña a “outorgar características modernas a unha ruta moi antiga, a que unía o Castro Dactonio de Monforte con Lucus Augusti, seguindo o trazado romano”, complementado posteriormente “co paso do Camiño de Santiago”. Feijóo destacou o “papel vertebrador” desta vía de alta capacidade “que agora engade sete quilómetros de futuro”.

“MONFORTE TEN QUE ESTAR UNIDA A SARRIA”
Logo de enumerar as vantaxes que este eixo norte-sur lucense trae consigo en canto á seguridade vial, aforro medioambiental e económico, e aumento da competitividade das empresas, o mandatario galego lembrou o compromiso do seu Goberno co mapa de altas prestacións de Galicia, no que xa se levan investidos 100 millóns de euros. En canto ao corredor Lugo-Monforte, “a gran rúa para unir Lugo con Monforte pasando por Sarria, O Incio e Bóveda”, Núñez Feijóo precisou que serán 250 millóns de euros o presuposto global unha vez se leve este vial ata Monforte. Neste sentido, o presidente da Xunta insistiu en que “Monforte ten que estar unida a Sarria, e mentres non cheguemos a Monforte non teremos cumprida a nosa promesa”.

“PRIORIDADE” DO TREITO PENDENTE ATA MONFORTE
Unha aposta global nda que se levan construídos 100 quilómetros de vías de alta capacidade na pasada lexislatura, e na que se pretende, según explicou o mandatario galego, “que todas as vilas principais de Galicia estean a menos de dez minutos dunha vía de alta capacidade”. Neste sentido, Núñez Feijóo garantiu que “a pesar das dificultades, imos manter a prioridade do treito pendente ata Monforte, e o mantemento do que xa hai construido”.

“ÉXITO COLECTIVO DOS GALEGOS”
O presidente en funcións da Xunta rematou a súa intervención destacando que a apertura desta infraestrutura ten lugar “cando ningunha Comunidade Autónoma está abrindo novas infraestruturas de alta capacidade”. “A Xunta de Galicia, con 3.000 millóns menos, está facendo investimentos en obra nova cando outras comunidades teñen dificultades para pagar o gasto corrente, para atender as nóminas e o pago ás farmacias”, explicou o mandatario autonómico. Feijóo insistiu en que “Galicia ten capacidade para atender o gasto corrente con normalidade, non ten que pedir diñeiro ao fondo de liquidez nin aos préstamos ICO que pon a disposición o Goberno de España, senón que ten capacidade para seguir abrindo obra nova”, o que cualificou como “un éxito colectivo dos galegos”.

O SINDICATO UGT-LEMOS CRITICA O DESPIDO DE TODOS OS TRABALLADORES EVENTUAIS DESTA OBRA
Con motivo da inauguración do novo tramo do corredor entre Sarria e Noceda, a secretaría xeral da UGT-Lemos lamentou “a confirmación do que xa adiantáramos hai uns días con respecto ao despido dos traballadores das obras do corredor unha vez pasaran as eleccións galegas”.
Según explicou o secretario xeral desta formación sindical, Mario Docasar, o pasado 23 de outubro “se lles comunicou a varios grupos de traballadores de Fergo-Galicia, a subcontrata das obras, que foran á Coruña a firmar o finiquito e pasar a engrosar as listas do paro”.
Asimesmo, dende a secretaría xeral da UGT-Lemos ven “con preocupación” o futuro deste corredor, “xa que se en catro anos inauguraron só catro quilómetros, ¿cantos anos tardará o señor Conselleiro en inaugurar os 22 quilómetros ata Monforte?”.
Por outra banda, o sindicato lamenta “a explotación á que estiveron sometidos os traballadores, con xornadas de 12 horas, traballando sábados, domingos e festivos para inaugurar e cortar a cinta despois de catro anos”. Asimesmo, Docasar ve “con preocupación que por falta de partida nos Presupostos se paralicen as obras, e as empresas implicadas despidan a todos os traballadores eventuais”. Dende a UGT-Lemos instan ao presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “a non paralizar nin ralentizar as obras, pois sería un engano aos cidadáns da zona sur de Lugo”, e esperan que as obras se aceleren, e non amosen “a velocidade dun quilómetro ao ano, como se fixo nesta lexislatura”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia do 21 de outubro: Victoria do Partido Popular e sorpresa de Alternativa Galega de Esquerda

Seguinte Nova

Bóveda encheu a biblioteca de xente, e a rúa de libros

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: