Software de última xeración para os pequenos negocios turísticos

A web do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia pon a disposición dos profesionais un software gratuíto e libre para unha xestión máis operativa deste tipo de establecementos

Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos preto de 2.000 establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia ven de poñer a disposición dos profesionais do sector na súa web (www.ietgalicia.com) unha ferramenta pioneira de xestión.Según explicaron os responsables desta iniciativa, trátase dun software gratuíto e libre, deseñado polo propio Instituto de Estudos Turísticos, “que permite unha xestión profesional e máis operativa” aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián.

FERRAMENTA ÚTIL TANTO PARA O DIRECTOR DO HOTEL COMO PARA O SERVIZO DE LIMPEZA OU RECEPCIÓN

Esta ferramenta está deseñada para realizar reservas e facturas nunha base ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais ou mensuais de limpeza, e de datos de ocupación. O software abrangue a totalidade de operacións que día a día afectan á carga de traballo de toda a cadea de profesionais dos establecementos turísticos, que vai dende o empresario, xerente, recepcionista, ata o persoal de limpeza.

ESTE SOFTWARE RESOLVE UNHA DEMANDA DOS HOSTELEIROS E UN OBXECTIVO DA ADMINISTRACIÓN

Dende a Secretaría Xeral de Turismo, departamento do que depende o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, explicaron que nesta iniciativa únense dous obxectivos básicos, que son a mellora da calidade e a competitividade do sector turístico, e a mellora do sistema de información estatística que posúe o Instituto de Estudos Turísticos. Según explicaron os responsables autonómicos, estes obxectivos xurdiron para responder a unha dobre necesidade que se viña detectando. Por unha parte, o propio sector hoteleiro de Galicia manifestou as dificultades que tiña á fronte dos seus negocios para a introdución de novas tecnoloxías de xestión ante a inexistencia dunha aplicación operativa. Por outra banda, a propia Administración Turística galega recollera no seu Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías para o propio desenvolvemento.

VANTAXES OPERATIVAS PARA OS XESTORES DE ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS

Para os hostaleiros, estímase que este software de acceso libre permitiralles contar cun sistema de xestión sen realizar un desembolso económico porque non require pago de licencias e non ten restricións para a súa modificación. Establécese como un sistema de código aberto que permite ao hostaleiro adaptar o dispositivo ás necesidades específicas da súa empresa. Ademais, é un código independente do sistema operativo que posibilita a xestión de todo o ciclo de vida da reserva, e dende que o cliente chama ata a facturación final. Asimesmo, este software é sinxelo, áxil e intuitivo no uso, polo que se aprende axiña, e facilita a coordinación con diferentes entidades e organismos estatísticos. Tamén permite coñecer e poder modificar os prezos dos cuartos en función das súas características e diferenciar entre os variados axentes (quen reserva, quen paga, quen factura). Todo isto permitirá a hostaleiros e administración coñecer mellor os perfís dos viaxeiros, e poder intervir con máis grao de información nos deseños de campañas de captación de clientes e de promoción turística.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As pequenas e medianas empresas lucenses apostan por mellorar a través das novas tecnoloxías

Seguinte Nova

Resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia do 21 de outubro: Victoria do Partido Popular e sorpresa de Alternativa Galega de Esquerda

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: