O proxecto abrangue a mellora das marxes e do cauce do río dende o Parque dos Condes ata Piñeira
A Deputación de Lugo aprobou a partida de 940.000 euros que lle corresponde na cofinanciación deste proxecto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Monforte
A finais de outubro, o organismo provincial acordou desbloquear o convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Monforte para ampliar o paseo fluvial do río Cabe, e aprobou unha partida de 940.000 euros para acometer a mellora do tramo comprendido entre o Parque dos Condes e Piñeira.
“ESFORZO” PROVINCIAL PARA CUMPRIR OS TERMOS DO CONVENIO EN PLENA ELABORACIÓN DOS ORZAMENTOS
Esta achega económica supón o 20% da totalidade do orzamento estimado para esta actuación, que ronda os 4 millóns de euros. Según explicaron os responsables provinciais, esta aportación supón “un novo esforzo da Deputación ao comprometer este importe en plena elaboración dos orzamentos de 2013”, ao tempo que suliñou as “eventualidades que nos complican esta labor”, en referencia á débeda de 3,1 millóns de euros que aínda mantén a Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo pola xestión e mantementeo dos hospitais de San Xosé e San Rafael.
MÁIS LIMPEZA PARA AS MARXES DO RÍO
O proxecto de ampliación do paseo fluvial do río Cabe, en Monforte, suporá a posta en valor das marxes e da cunca do último tramo urbán deste río que atravesa o corazón da cidade. En canto á actuación medioambiental, o proxecto contempla a eliminación de especies exóticas invasoras, a repoboación forestal e a estabilización do río para evitar posibles inundacións e arrastre de materiais. A zona da presa é problemática, como sinala Juan Álvarez Álvarez, empresario hosteleiro e veciño do barrio de Cobas. “Cando sube o cauce, o río arrastra ramas, follas, plásticos e todo o que encontra, que acaba nesta beira do río”. Álvarez valora positivamente “o que esta obra pode aportar para a limpeza desta beira do río, que realmente nalgúns puntos parece un vertedoiro”.
“DARLLE VIDA AO BARRIO A TRAVÉS DA AMPLIACIÓN DO PASEO FLUVIAL”
O uso histórico desta parte do río para atender as necesidades das industrias implantadas na zona fixo que, co paso do tempo, este céntrico espazo da cidade “quedase olvidado polo mal aspecto que presenta”, comenta Juan Álvarez. “Aproveitar o tirón do Parque dos Condes como zona de paseo dos monfortinos sería moi interesante para adecentar a marxe de enfrente”, suxire o empresario monfortino”, “porque a continuación do paseo que xa está feito daría moita vida ao noso barrio”.
PASEO E DEPORTE A CARÓN DO RÍO
Levar o paseo ata a zona das piscinas e o campo de fútbol de A Pinguela “é unha idea necesaria e boa, aínda que non sei se resulta oportuna esa inversión nos tempos que corren”, opina Magín López, funcionario no IES A Pinguela. “Coñezo esta zona polo traballo aínda que son de Lugo”, explica López, “e vin como quedou a restauración que se fixo na miña terra e como disfrutamos os veciños coa mellora do río”. “Entendo que traer o paseo fluvial do Cabe ata a zona das piscinas e do estadio será positivo”, indica Magín López, “porque a xente ven facer deporte a esta zona e así aproveitará a ruta a carón do río para vir aquí”. “Insisto en que non sei se será oportuno investir agora mesmo nesta obra, pero dende logo que será positiva tanto para a limpeza do río e das marxes como para que os veciños disfruten máis do río”.