O ente provincial aprobou unha achega de 25.000 euros ao Concello de Monforte para facer posible “este proxecto vital no desenvolvemento económico da localidade”
A comezos de novembro, a Deputación de Lugo aprobou en Xunta de Goberno unha partida de 25.000 para cofinanciar as obras de ampliación da depuradora do polígono industrial do Reboredo, en Monforte de Lemos. Esta partida supón, según indicaron os responsables do ente provincial, o 20% do custe total deste proxecto, e a cantidade restante deberá ser aportada pola Xunta de Galicia.
“MÁXIMA COOPERACIÓN COS CONCELLOS”
Dende o organismo provincial, a deputada Pilar García Porto explicou que esta decisión está baseada “na aposta da Deputación pola máxima cooperación cos concellos”. No caso da depuradora de Monforte, o desenvolvemento do polígono industrial do Reboredo superou as expectativas coas que se dimensionara a capacidade da depuradora, o que provocou a presencia de residuos na rede de saneamento e que o Concello de Monforte tivera que facer fronte ás sancións por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Este problema, que dende o ente provincial califican de “urxente”, cífrase nun custe de preto de 300.000 euros para as arcas municipais en concepto de pago de ditas sancións. Pola súa parte, os empresarios do polígono do Reboredo recoñecen a importancia da mellora na capacidade da depuradora, “sobre todo para gañar en calidade medioambiental”, explica Inma González, xerente de Queserías Prado, “ao reducir os verquidos que tamén xeran gastos en multas para o Concello”. “Algunhas empresas, como é o noso caso, dispoñemos dunha depuradora propia que logo vai desembocar na xeral do polígono”, puntualizou González. “Os problemas veñen da depuradora xeral, xa que nós estamos obrigados a cumplir os parámetros marcados no Plan do polígono”. Pola súa banda, Daniel Figueroa, xerente de Lincold Ibérica, suliña que “a depuradora do Reboredo estaba mal dimensionada, a pesar de non ser moitas as empresas implantadas aquí”. “Calquera mellora que se faga nas infraestruturas de servizos, será algo moi interesante para o polígono”, destaca Figueroa.
MÁIS APOIO PROVINCIAL AO POLÍGONO DE MONFORTE
A mellora desta infraestrutura suporá, según os responsables provinciais, “un reforzo ao apoio da Deputación ao parque empresarial de Monforte de Lemos”. A deputada García Porto lembrou que os 25.000 euros desta achega destinada á depuradora veñen a sumarse aos 600.000 euros cos que o organismo provincial financiou os accesos a este complexo industrial. Asimesmo, dende o organismo provincial estiman que a mellora na depuradora favorecerá o desenvolvemento do propio polígono, xa que “a súa insuficiente capacidade está a bloquear incluso o asentamento de novas empresas nesta zona”. Neste sentido, a xerente de Queserías Prado considera que esta actuación “a largo prazo pode ser unha vantaxe para a captación de novas empresas, pero en principio, non parece determinante”. Pola súa parte, Figueroa valora a adecuación da depuradora ás novas necesidades, aínda que “o realmente decisivo para atraer empresas é máis ben a venta de parcelas, pero todo pode axudar”.