Crítica á redución dun 34% nas partidas da Xunta e do Goberno central para políticas activas de emprego

O vicepresidente da Deputación e responsable de Benestar, Antonio Veiga, acusa á Xunta de cargar a concellos e deputacións os custes do fomento de emprego

O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado provincial de Benestar Social, Antonio Veiga, acusou ao Goberno central e autonómico de “desmantelar os servizos de emprego” ao reducir en máis dun 34% o orzamento para 2013 destinado ás políticas activas de emprego “a pesar de que se están a rexistrar as taxas de parados máis altas”.

NECESIDADE DAS POLÍTICAS DE EMPREGO PARA A RECICLAXE PROFESIONAL

Según o delegado provincial de Benestar Social, “o principal reto debe ser a reinserción dos desempregados”, o que esixe investir en políticas activas de emprego que teñen que basearse, explica Veiga, “na reciclaxe profesional e a posta en marcha de programas específicos de orientación e formación”. Antonio Veiga lembrou que no mes de outubro o desemprego medrou un 4,8% na provincia de Lugo, o que supón máis de 1.000 novos desempregados.

“DESPREZO” DA XUNTA POLAS POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO

O titular provincial suliñou que “este desprezo do Goberno galego polas políticas activas de emprego non é unha novidade”, e citou as declaracións da conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, “cando dixo na última campaña electoral que estas políticas non serven para nada”. Neste sentido, Antonio Veiga considerou “inadmisible” que tanto a Xunta como o Goberno central “presuman de controlar o déficit público mentres aproban todo tipo de medidas cuxa única consecuencia é a destrución de máis postos de traballo”.

APOSTA PROVINCIAL POLOS TALLERES DE EMPREGO

O vicepresidente da Deputación de Lugo insistiu en que o equipo de goberno provincial “seguirá apostando pola formación” a través de talleres de emprego dirixidos “aos colectivos máis vulnerables, como o das mulleres”. Veiga garantiu tamén o apoio a contratación de axentes de orientación laboral “por parte de asociacións de persoas con capacidades diferentes, como vimos facendo nos últimos anos”.

OS PEQUENOS CONCELLOS, OS MÁIS DESFAVORECIDOS

O responsable de Benestar Social na Deputación de Lugo lembrou que os máis afectados “polos recortes do Partido Popular son os pequenos municipios, xa que os fondos para proxectos de desenvolvemento local reducíronse un 96%, colapsando os plans de cooperación municipal, eixo básico para a prestación de servizos públicos. “O protocolo de colaboración que a Xunta plantexou asinar coas catro deputacións para eliminar duplicidades, fortalecer a xestión conxunta e optimizar a prestación dos servizos públicos era un engano semellante ao do Servizo de Axuda no Fogar básico”, explica Veiga, “co que deixou sen servizo a todos os concellos menores de 20.000 habitantes ao retirar toda a partida orzamentaria e cargando co custe do servizo a usuarios, concellos e deputacións”. Veiga asegura que “que o Goberno galego pretendía a mesma xogada en materia de emprego”.

“PREOCUPACIÓN” POLA SUPRESIÓN DA TELEASISTENCIA DOMICILIARIA

En materia de benestar social, Antonio Veiga amosou o seu rexeitamento á decisión do Goberno central de suprimir dos orzamentos xerais do Estado para 2013 a partida destinada ao servizo de teleasistencia domiciliaria. Veiga expresou a súa preocupación polas “nefastas consecuencias” que esta medida terá para as persoas maiores, sobre todo do rural galego. Segundo os datos que manexa a Vicepresidencia da Deputación, esta “decisión arbitraria” do Executivo central deixa a máis de 1.859 lucenses maiores de 65 anos “sen un servizo valorado positivamente tanto polos propios usuarios e usuarias, que ante calquera adversidade saben que serán atendidos con brevidade, como polas súas familias e os traballadores e traballadoras sociais”. Veiga explicou que o servizo de teleasistencia ten a vantaxe de que funciona nun radio de acción maior ao do fogar, favorecendo a confianza dos usuarios no servizo, así como a posibilidade de que poidan seguir mantendo certo grado de independencia a pesar da idade. O vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Benestar cualificou de “irresponsables” ao presidente Mariano Rajoy e á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, “por presentar uns orzamentos cunha medida que deixa desatendida a unha parte importante da poboación lucense, xa que son sabedores de que en comunidades como Galicia o avellentamento medra catro veces máis que a media estatal, e que provincias como Lugo e Ourense teñen, xunto con Xapón, o maior envellecemento mundial”. Por último, a Vicepresidencia da Deputación comprometeuse a seguir aportando o 35 por cento do custe do servizo, e pediu á Xunta que asuma o 65 por cento restante que até o de agora asumía o ministerio a través do INSERSO.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preto de 15 millóns de euros para a mellora das condicións de vida no rural

Seguinte Nova

Quiroga benefíciase dunha achega do Fondo de Compensación Ambiental

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: