Administracións e empresarios analizaron a situación da plataforma en dúas reunións
A cidade do Cabe foi o centro do debate sobre o presente e futuro de Monforte dentro do sector loxístico en Galicia e en Europa. O Parador de Monforte acolleu o 8 de novembro unha dobre xeira de reunións entre administracións, sector privado e autoridades supramunicipais e europeas para analizar as posibilidades do porto seco monfortino, e para dar a coñecer as novidades das negociacións para a consolidación de Monforte como nodo loxístico da rede transeuropea de mercadorías por ferrocarril.
NECESIDADE DE POTENCIAR O FERROCARRIL NO EIDO LOXÍSTICO
Sector público e privado tiveron ocasión de confrontar as súas posicións neste cuestión no foro sobre “Mobilidade, Rede Transeuropea e Loxística”, organizado polo Concello de Monforte, a Confederación de Empresarios de Lugo e o Eixo Atlántico. Así, Carlo de Grandis, Coordinador de Políticas de Redes Transeuropeas da Comisión Europea, recoñeceu que dende Bruxelas están a apostar polos nodos de interconexión, sobre todo tendo en conta que “na Península Ibérica o ferrocarril ten unha marxe de mellora increíble, porque só ten un 3% mentres que pensamos que se pode acadar o 20%”. O responsable europeo suliñou a importancia de chegar a este nivel “por motivos de competitividad, o necesitamos para conseguir un transporte sostible fronte ao efecto invernadero das emisións de gas, e para conseguir unha integración económica das rexións europeas, sobre todo das que non están no centro, como a Península Ibérica”. De Grandis lembrou que dende Europa solicitaron ás rexións que identificaran unha plataforma loxística para a rede básica de ferrocarril, e Monforte foi a elixida para Galicia.
TENDENCIA Á BAIXA DO PESO LOXÍSTICO DO FERROCARRIL
Pola súa banda, o director xeral de Ferrocarriles do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, insistiu na infrautilización do ferrocarril español no transporte de mercadorías, “menos dun 4%, co que hai que plantearse como podemos cambiar esta tendencia á baixa que vimos percibindo dende o 2003”. Niño lembrou o compromiso do Ministerio de Fomento na potenciación do transporte por ferrocarril “como unha das prioridades dos últimos plans estratéxicos”.
REDUCIR CUSTES LOXÍSTICOS PARA SER COMPETITIVOS
Asimesmo, o director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Miguel Rodríguez Bugarín, suliñou que “nestes momentos, ao baixar os custes de produción nas empresas, os custes de transporte e loxística poden marcar a diferencia entre unha empresa competitiva e unha empresa non competitiva” polo que a “obriga de todos é acadar uns custes loxísticos que nos permitan competir nun mercado global”. Rodríguez Bugarín suliñou que para conseguir este obxectivo “non se trata de pasar mercadorías da estrada ao ferrocarril, senón de incorporar instalacións onde non só se realicen procesos loxísticos, senón que incorporen pequenos procesos de produción asociados, de xeito que poidamos xerar riqueza”. O director xeral destacou que a Xunta está apostando pola plataforma de Monforte ao ter en marcha a primeira fase de urbanización. Todos os portavoces institucionais recordaron que a inversión pública na plataforma monfortina debe estar apoiada pola iniciativa empresarial, a encargada de “dotar de sentido” a esta infraestrutura.
“ETERNA PROMESA” QUE DEBE SER REALIDADE
Dende o Cluster de Loxística de Galicia, o seu presidente, Aníbal Blanco, falou da “eterna promesa” do porto seco monfortino, “aínda que agora sí pode ser interesante porque están a mudar as formas de facer transporte e os modelos económicos”. Blanco exemplificou o seu argumento dicindo que “non ten lóxica que estemos enviando de cen a trescentos camións de pizarra, por exemplo, de aquí a Alemania”. Os representantes do sector privado suliñaron a necesidade de coñecer os prazos para que a plataforma se materialice, resolver a súa estrutura básica e a conexión coa N-120, reclamando que as administracións “poñan a alfombra para que interveña o sector privado”.
UGT QUERE “FEITOS, NON BOAS PALABRAS”
Dende o sindicato UGT-Lemos pronunciáronse sobre este tema, recordando que “fomos o único sindicato defensor do porto seco desde os seus inicios, apoiando ao alcalde que o promoveu, Nazario Pin, e ao conselleiro Cuíña”. O secretario xeral do sindicato, Mario Docasar, lembrou tamén a súa presencia en todos os foros convocados dende os inicios deste proxecto. “Dende UGT defendimos e defenderemos o porto seco, pero non de comparsas, á vez que esiximos á Xunta e ao presidente Feijóo que se comprometan cunha implicación seria e partida presupuestaria”. Mario Docasar criticou a actitude do Eixo Atlántico, xa que “queremos feitos e non boas palabras, porque as obras tiñan que finalizar en 2005 e hoxe non temos rematados nin o saneamento nin os accesos”.
PRAZOS E EXPECTATIVAS DOS TRABALLOS NO PORTO SECO
O segundo encontro en torno ao papel de Monforte de Lemos no mapa loxístico de Galicia versou sobre a modernización do tramo de ferrocarril Vigo-Oporto polo Miño, encontro calificado de “fructífero” polo Alcalde, Severino Rodríguez. O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, lembrou a importancia de este encontro entre representantes de España e Portugal e coa presencia dun representante da Unión Europea “para pechar compromisos sobre o ferrocarril por primeira vez en sete anos”. Hernández cualificou de “posible” a implantación do billete único en 2012, e confirmou a existencia de partidas orzamentarias con este fin nos presupostos de Portugal e España en cumprimento do mandato da Cumbre Ibérica, nos prazos previstos para a electrificación e sinalización dos tramos pendentes. Asimesmo, ambos gobernos trasladaron á Unión Europea un consenso “máximo” para que na vindeira programación de fondos comunitarios 2014-2020 financien a conclusión das obras. O conselleiro informou de que a primeira fase da urbanización do porto seco estará rematada en tres meses, e vinculou o inicio da segunda fase das obras á “evolución e expectativas da posta en marcha da primeira fase”.