Nos últimos días, a paisaxe do sur de Lugo abonda en protestas e cartaces denunciando o peche de empresas, a precariedade laboral ou as consecuencias dos recortes en servizos dende o Goberno central. No Oural, os traballadores de Cementos Cosmos iniciaban un calendario de mobilizacións en protesta pola presentación, por parte da empresa, dun expediente de crise diante da autoridade laboral. Representantes sindicais e traballadores, apoiados por unha nutrida presencia de veciños e polo peche dos establecementos comerciais en Sarria, concentráronse na estación de ferrocarril e diante das instalacións da empresa para manifestar a súa oposición ás medidas adoptadas pola empresa. Os representantes sindicais manifestaron que “a empresa é viable e produtiva”, e están decididos a reivindicar nas rúas a defensa dos preto de 100 postos de traballo directos e dos 500 indirectos vinculados á fábrica do Oural. Dentro do calendario de mobilizacións, está prevista unha manifestación polas rúas de Sarria para o próximo 24 de novembro pola tarde.
UN 10% MÁIS DE PARO QUE HAI UN ANO
Neste contexto, as cifras de paro referentes ao mes de outubro rexistran un aumento do desemprego do 9,91% no sur de Lugo con respecto a outubro de 2011. O sindicato UGT-Lemos fixo un chamamento “aos 4.115 parados que hai nas comarcas de Quiroga, Lemos e Chantada para rebelarse contra as políticas destructivas de emprego”, consecuencia dunha reforma laboral “demoledora contra a clase traballadora”. O secretario xeral do sindicato, Mario Docasar, lembrou asimesmo que “a metade dos parados de Monforte xa non cobran ningún tipo de prestacións”, e denunciou a situación dos 283 xóvenes menores de 25 anos que nestas comarcas “están condenados á emigración, como no seu día o foron seus avós”.
CONTRA AS TAXAS XUDICIAIS
O exterior do Xulgado de Monforte acolleu unha concentración convocada polo Consello da Avogacía Galega en protesta pola restauración das taxas xudiciais, abolidas en 1986 e que significan un “desprezo do principio constitucional de tutela xudicial efectiva”. “Con esta medida do Goberno, acabouse o acceso á xustiza”, explicou a delegada do Colexio en Monforte, Mª Isabel Rodríguez, “xa que, por exemplo recurrir unha multa de 100 euros custará 200, e unha apelación 800”.
FOLGA XERAL O 14-N
O punto culminante das mobilizacións no sur de Lugo tivo lugar na tarde do 14 de novembro, con motivo da manifestación convocada en Monforte durante a xornada de folga xeral a nivel nacional. Según o secretario xeral do sindicato maioritario no sur provincial, Mario Docasar, consideran “cumplido”o seu obxectivo de percorrer nos días previos á convocatoria de folga as principais rúas de Monforte, para mover a comerciantes, hosteleiros e empregados de banca a participar na folga ata o mediodía. Esta medida decidiuse, según explica o responsable de UGT-Lemos, “tendo en conta que o comercio monfortino está a sufrir nestes tempos pola caída do consumo, polo que se lles transmitiu a solución de pechar só media xornada, e que á tarde cada un decidira se abría ou non”. A receptividade a esta mensaxe foi “moi boa” por parte de comerciantes, grandes superficies, entidades bancarias e hostelería do centro urbán, nunha xornada “importante” que transcurriu sen incidencias.
“A MELLOR MANIFESTACIÓN DENDE A CONVOCATORIA EN DEFENSA DO HOSPITAL”
Dende o sindicato UGT-Lemos cualifican de “moi importante” a resposta á manifestación convocada na tarde da xornada de folga en Monforte. A secretaría xeral informou de que arredor de 3.500 persoas tomaron parte nesta marcha, “a mellor e máis importante manifestación que viviu Monforte dende a convocada en defensa do Hospital”, suliñou Mario Docasar. Dende o sindicato UGT-Lemos consideran “un éxito total” o desenvolvemos da xornada de folga en Monforte.