Quiroga benefíciase dunha achega do Fondo de Compensación Ambiental

O importe vai destinado a proxectos de mellora do medio ambiente en vías rurais

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ven de transferir unha partida económica de preto de 105.000 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental aos concellos de Begonte, Guntín, Quiroga e O Corgo. Esta partida está destinada a sufragar distintos proxectos a desenvolver nos concellos que permitirán melloras no ámbito da conservación e a restauración do medio ambiente en vías rurais deses municipios.

COMPENSACIÓN POR ALOXAMENTO DE INSTALACIÓNS EÓLICAS

Este fondo, posto en marcha hai tres anos polo Goberno galego, procede do canon eólico e por vez primeira permite aos concellos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. Dende que se puxeron en marcha, máis de 200 concellos galegos se teñen beneficiado destas axudas. A Xunta de Galicia incorporou este plan de compensación para gratificar aos concellos que aloxan ás instalacións eólicas, arbitrando un fondo para desenvolver actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia e o uso sostible das enerxías renovables e a outras actuacións do medio e do ámbito rural.

REPARTO DAS ACHEGAS

O Concello de Quiroga recibirá 34.402,90 euros, Guntín beneficiarase de 34.998,26 euros, mentres que 28.000 euros corresponderán a O Corgo e 6.980,77 euros a Begonte. As contías distribúense en base ao número de aeroxeneradores e á lonxitude das liñas tendidas no municipio.

COMPROMISO DA XUNTA

Os responsables autonómicos suliñaron que esta iniciativa reflicte un “triplo compromiso da Xunta”, primeiro co medio ambiente, xa que sufraga actuacións “que redundan directamente na mellora do medio natural e na súa conservación”.En segundo lugar, coas facendas locais, xa que representa “un importante ingreso para os concellos, especialmente no momento actual”, e por último, co reequilibrio territorial, porque a maioría dos concellos beneficiados están en zonas do rural interior.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Crítica á redución dun 34% nas partidas da Xunta e do Goberno central para políticas activas de emprego

Seguinte Nova

O telecentro de Quiroga desenvolve un curso sobre creación multimedia e web 2.0

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: