Concienciación da sociedade para eliminar a violencia contra as mulleres
Colexios, colectivos profesionais, comercio local e concellos do sur de Lugo implicáronse na celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Os concellos do sur de Lugo celebraron o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha serie de actividades para sensibilizar á cidadanía contra esta lacra social, e para manifestar a súa solidaridade coas vítimas da violencia de xénero. Centros de ensino, rúas e edificios públicos foron os espazos elixidos para desenvolver estes actos, baixo a simbólica presencia do lazo branco que lembra ás vítimas e recorda á sociedade a obriga de estar alerta contra este tipo de situacións. Os concellos procederon a colocar un “libro branco contra a violencia de xénero”, iniciativa promovida dende a Comisión Provincial de Muller do Partido Popular baixo o lema “Exprésate en contra da Violencia de Xénero”, onde a cidadanía puido expresar a súa sensibilidade fronte a este problema.
SENSIBILIZACIÓN DENDE A ESCOLA
Os centros de ensino tamén acolleron celebracións diversas en torno a este día. Así, no CEIP de Quiroga foron distribuidos trípticos explicativos sobre o problema da violencia de xénero, mentres que os CEIP de Monforte acolleron o obradoiro “Camisetas Comprometidas”, unha das actividades promovidas dende o CIM de Monforte. Neste obradoiro, o alumnado de 5º curso adquiriu coñecementos básicos sobre a igualdade de xénero e plasmáronnos a través de debuxos e eslóganes en camisetas. En Monforte, os centros de Educación Secundaria desenvolveron, tamén por iniciativa da Concellería de Igualdade, diversos obradoiros de sensibilización en materia de violencia de xenéro, un deles baixo o título “¿Enredámonos?”, que se desenvolveu na Casa da Cultura e foi dirixido por Ianire Estébanez, psicólogo especializada na análise da violencia de xénero na xuventude. En Sarria, a III edición do concurso escolar de murais “Xuntos podemos. Non máis violencia” contou coa participación de 114 alumnos e alumnas de ESO, que presentaron 39 traballos nesta iniciativa promovida polo Centro de Información da Muller de Sarria co obxectivo de continuar impulsando a implicación da comunidade educativa na eliminación desta dramática problemática social. A exposición cos traballos deste concurso permanecerá na Casa da Cultura ata o 1 de decembro. Asimesmo, o IES Gregorio Fernández acolleu unha charla de sensibilización para o alumnado de cuarto curso de ESO, e a Casa da Cultura foi o escenario para a representación da obra teatral “Malena chea eres de Gracia”, a cargo da Compañía das Marías.
TEATRO NO ESCAPARATE PARA SENSIBILIZAR SOBRE A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
Coa colaboración do Centro Comercial Urbano de Monforte, a concellería de Igualdade a través do CIM desenvolveu o espectáculo “Escapárate”, unha serie de pezas teatrais representadas pola compañía de teatro Chévere en cinco escaparates do centro urbano. Capri, Milu Ventura, Calzados Aira, Menchu e Avril foron os escearios improvisados para a representación destas pezas, que durante a mañá do sábado 24 desenvolveron situacións relacionadas coa violencia contra as mulleres, co fin de facer reflexionar sobre esta problemática social ao numeroso público que se congregou diante destes escaparates. Ao finalizar as representacións, a concelleira de Igualdade de Monforte de Lemos, Ana Casal, leu un manifesto institucional en repulsa da violencia contra as mulleres.