Dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo están a desenvolver unha serie de actuacións en defensa das festividades máis singulares e con máis tradición do sur de Lugo. A comezos do mes de novembro, o ente provincial firmou un convenio cos responsables da asociación Souto do Val de Quiroga por importe de 4.000 euros destinados a sufragar os gastos da celebración da saída do Meco e as Pampórnigas na parroquia quiroguesa da Ermida. Esta tradición ancestral ten lugar durante a romaría dos Remedios, do 8 ao 9 de setembro, e polas características do personaxe do Meco garda relación con outras romarías galegas, como a dos Remedios de Castro Caldelas.
“INXENTE” VALOR CULTURAL, ETNOGRÁFICO E TURÍSTICO
O patrimonio inmaterial galego, integrado por todas aquelas celebracións de gran tradición que singularizan o folclore e o calendario festivo da nosa terra, como no sur lucense o Oso de Salcedo en Brollón, o chantadino Entroido Ribeirao na parroquia de Santiago de Arriba, ou a saída do Meco e as Pampórnigas en Quiroga, “representa unha inxente riqueza de alto valor cultural, etnográfico e tamén turístico”, según suliñou o delegado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro.
BOLSA DE INVESTIGACIÓN EN PATRIMONIO INMATERIAL LUCENSE
Nesta liña de traballo, o organismo provincial aprobou nestes días a convocatoria dunha bolsa de formación no eido do patrimonio inmaterial que, segundo sinalou o delegado de Cultura e Turismo, ten unha dobre finalidade, tanto cultural como económica. Con esta actuación, “trátase de recompilar o traballo de recuperación do patrimonio cultural inmaterial realizado nos últimos anos e, tamén, ofrecer unha nova oportunidade laboral a mozos e mozas en paro”, explicou Outeiro.
TRABALLO CONXUNTO CON ASOCIACIÓNS, E TAMÉN NOS COLEXIOS
A bolsa de investigación forma parte do “arduo traballo de recuperación do patrimonio inmaterial do sur lucense” que, según comentou o responsable provincial, ven desenvolvendo a Área de Cultura e Turismo a través de convenios con asociacións culturais, aínda que agora se trata de “ir máis aló” e plasmar todo ese traballo en libros ou en soportes audiovisuais. Asimesmo, Mario Outeiro destacou que outra fórmula para dar a coñecer o noso patrimonio inmaterial é a edición de unidades didácticas para o alumnado de primaria e secundaria, como ferramentas para o traballo do profesorado nas aulas. “Temos un inxente patrimonio cultural inmaterial que non só temos a obriga de recuperar, coidar e protexer senón tamén de divulgar e coñecer para que actúe como polo de atracción turística, e consideramos que un primeiro paso para lograr estes obxectivos é que sexa obxecto de traballo nos colexios”, destacou Outeiro. Na romaría dos Remedios da da Ermida aparece o Meco quen, según a tradición, acompaña á procesión vestido de vermello, enmascarado e cunha vasoira de toxos coa que abre paso á comitiva coas Pampórnigas, dous xigantes de rechamantes vestiduras. Ao chegaren diante da igrexa, as Pampórnigas descansan e o Meco loita cos asistentes para que non entren á misa, mentres os veciños tratan de enganalo botándolle moedas. Documentada dende o século XIX, esta festa esmoreceu nos anos 70 para recuperarse con forza nas últimas décadas.