Envellecemento e servizos públicos: na procura dunha resposta axeitada ao rural

O Plan de Residencias provincial busca cubrir unha necesidade do rural lucense

O municipio de Ribas do Sil, cun 40% de poboación por riba dos 60%, espera pola residencia con centro de día que ofertará 20 prazas residenciais e 15 no réxime diurno

Á entrada do término municipal de Ribas do Sil, xusto á esquerda logo de atravesar a ponte nova na estrada que ven da N-120, sitúanse os terreos que o Concello cedeu á SUPLUSA, dependente da Deputación de Lugo, para que se constrúa a residencia para maiores con centro de día incluída no Plan de Residencias do organismo provincial. Un emplazamento ben comunicado tanto co exterior, ao estar preto da vía principal de comunicación coa comarca, como co núcleo de San Clodio, capitalidade municipal; solución que ten en conta aos usuarios de fóra, e tamén, aos residentes vencellados a Ribas do Sil. Unha residencia que ofrecería atención aos nosos maiores respetando a súa interacción cos antigos veciños e coa súa paisaxe tradicional. “Un dos principais reparos que pon a xente maior para ingresar nunha residencia é o feito de ter que marchar fóra, de romper co seu entorno”, explica o alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela, que ofrece ademais a medida da necesidade deste tipo de infraestruturas de benestar, “aínda que a residencia ten ámbito provincial, para Ribas do Sil sería moi importante, xa que o 40% da nosa poboación pasa dos 60 anos”.

VANTAXES DESTA RESIDENCIA CON CENTRO DE DÍA

O paso do tempo vai concienciando aos cidadáns de que, nalgún momento, poderá xurdirlles a necesidade deste tipo de servizos. Manuel Cao Rodríguez, recén xubilado, valora “moi positivamente” o proxecto de construcción dunha residencia para maiores con centro de día en Ribas do Sil. “A idade da poboación impón este tipo de necesidades”, explica Manuel, “eu acabo de xubilarme, o tempo pasa para todos e quizáis algún día necesitemos que alguén nos atenda”. Esta rede de residencias que a Deputación de Lugo está a promover por toda a provincia trata de favorecer non só a oferta de prazas, senón tamén a calidade do servizo. A residencia de Ribas do Sil contará con habitacións dobres para que, según explica o alcalde, Miguel Sotuela, “os matrimonios non teñan que vivir separados, xa bastante novidade é deixar a súa casa, e do que se trata é de conseguir que non extrañen as súas rutinas, e que se poidan axudar os dous membros da parella igual que facían na súa vida cotiá”. Fuxir da “idea de reclusión que suxiren algunhas residencias”, como precisa Manuel Cao, é unha das vantaxes que aporta o proxecto da residencia de Ribas do Sil, “facer que os usuarios estean case como se estivesen na súa casa”. Poder relacionarse cos veciños ao achegarse con facilidade ao núcleo de San Clodio “non rompe a situación social dos que estean tanto na residencia como no centro de día, iso me parece moi oportuno para que a xente non teña recelo en ingresar na residencia”. “Poder manter a vida normal” é unha das vantaxes que Asunción Vázquez, veciña de Ribas do Sil, atopa nas características da futura residencia de Ribas do Sil. “O feito de ter habitacións dobres para os matrimonios dá máis seguridade, porque así non están sós e axúdanse un ó outro”, suliña Asunción, que considera que a residencia con centro de día é “supernecesaria” en Ribas do Sil. “Hai moita xente maior en concellos coma o noso, e a xente nova, ao non haber moitas oportunidades laborais, marcha fóra e alguén terá que cuidar de nós cando sexamos vellos”.

OPORTUNIDADE LABORAL PARA OS NOVOS

A escasez de oportunidades laborais para as novas xeracións afecta ao rural lucense con especial forza. A perda de poboación moza fai esmorecer aos municipios do interior, que vén medrar o número de maiores sen reemprazo xeracional. “A verdade, sería moi útil que, ademais do servizo que dá aos maiores, a residencia con centro de día fora unha oportunidade de traballo para a xente nova, porque aquí non hai moitas opcións”, indica Asunción. A pesares de que “o obxectivo desta residencia non é tanto favorecer o emprego senón dar un servizo moi necesario nesta zona”, según indica o alcalde Miguel Sotuela, o feito é que o organismo provincial acaba de destinar 21 millóns de euros para a rede de centros para maiores a través do SUPLUSA co fin de “ofrecer novos servizos públicos, crear emprego e combater o despoboamento demográfico en Lugo, ante os recortes doutras administración nesta materia”. Os responsables provinciais precisan que a posta en marcha dos centros para maiores da Fonsagrada (da que xa están en marcha as obras de construcción), Monterroso (cuxo centro de día xa está rematado), Castroverde, Pol, Pedrafita do Cebreiro, Ribas do Sil e Trabada (que están á espera de que a Xunta conceda á Deputación a licencia para empezar os traballos) suporá a creación na provincia de preto de 100 postos de traballo xa que, según as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores según o número de prazas, e dispoñer de recursos humanos como médicos, ATS, administrativos, e persoal de cociña e limpeza, entre outros. “Esta residencia ofrecería postos de traballo de calidade, que agora quizáis están en precario porque a xente está a cuidar anciáns nas súas casas”, indica Manuel Cao.

DEMORA POR RETRASOS DA XUNTA NAS LICENCIAS

Atención á realidade dos nosos maiores, e empregabilidade profesional no sector sociosanitario son, por tanto, os dous obxectivos desta rede provincial de centros para maiores, e que resultan de urxente atención se temos en conta os datos do Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizos Sociais (MATIASS) do Goberno galego. Según este informe, a provincia de Lugo é a que conta con menos residencias en Galicia (un total de 49) a pesares de ser con Ourense (que conta con 97) unha das provincias máis envellecidas; incluso ten menos centros para maiores que A Coruña (82) e que Pontevedra (67). Os retrasos na posta en marcha destes proxectos está motivado, según indican os responsables provinciais, polas “trabas” que pon a Xunta de Galicia para conceder á Deputación de Lugo as licencias imprescindibles. Dende o organismo provincial están á espera, unha vez resoltas as modificacións técnicas e administrativas solicitadas pola Xunta, de que o departamento autonómico emita as licencias correspondentes. Con esta residencia e centro de día, “os maiores estarán atendidos e a xente nova estará tranquila, sabendo que os seus maiores reciben a atención que se merecen”, suliñou Sotuela.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Orzamentos 2013 da Deputación de Lugo: As contas provinciais priorizan o fomento do emprego e o benestar social para o próximo ano

Seguinte Nova

O documental sobre a viaxe de Fidel Castro a Láncara foi proxectado na última edición de Cineuropa, en Santiago de Compostela

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: