Dentro da celebración do bicentenario do Dr. Casares
O salón de actos da Casa da Cultura de Monforte acolleu o sábado 24 unha mesa redonda sobre a actualidade dos balnearios galegos. Esta actividade, organizada pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia en colaboración con Balnearios de Galicia e o Concello de Monforte, enmárcase no ano de celebración do bicentenario do nacemento de Antonio Casares, sabio e químico monfortino, estudioso e impulsor das augas mineromedicinais de Galicia. Preto de medio centenar de asistentes escoitaron as intervencións de destacados profesionais do termalismo, como José Ramón Fernández, director xerente do balneario de Carballo, Ascensión Sánchez, directora médica do balneario Termas Romanas de Lugo, e Javier Soto, xerente de Caldaria Balnearios, que explicaron as características de cada centro e os servizos que ofrecen.