O outono encheu o Mercado de Monforte

En decembro e xaneiro celebraranse tres Mercados, sobre decoración, gastronomía e regalo de Nadal, con horarios máis amplos e abrindo os domingos pola tarde

Os Mercados de Monforte adicaron a súa edición de novembro aos produtos de outono, onde houbo espazo para a decoración e o aproveitamento estético dos produtos deste tempo. EC.

A Praza de Abastos segue a manter o tirón de público e vendas na cuarta cita coa calidade e a gastronomía dos Mercados de Monforte, co protagonismo, nesta ocasión, dos produtos de outono.

ESPAZO LARPEIRO

Durante a fin de semana do 17 a o 18 de novembro, as castañas, os cogumelos, as diversas variedades de setas e produtos da horta, os marmelos, as esencias para repostería, as conservas, e unha ampla gama de combinacións doces sobre os froitos desta temporada convertiron o novo espazo expositivo da Praza de Abastos nun entorno colorista, atractivo e, por suposto, larpeiro. Os sabores do outono dinamizaron o centro urbán en torno a este espazo, onde preto de 3.000 persoas se achegaron ao Mercado para mercar e disfrutar con esta selección gastronómica.

Os doces tradicionais estiveron tamén presentes no Mercado de Monforte adicado aos produtos de outono. EC.

SATISFACCIÓN ENTRE OS EXPOSITORES PARTICIPANTES

A ducia de produtores e comerciantes que participaron nesta edición dos Mercados de Monforte amosáronse satisfeitos polos resultados desta edición, na que a facturación total situouse preto dos 6.000 euros, oscilando entre os 200 e os 600 euros por posto. Todos os expositores manifestaron a súa disposición para tomar parte nas vindeiras edicións desta iniciativa.

Os expositores amosaron a súa satisfacción polos resultados nas ventas do Mercado de Monforte adicado aos produtos de outono. EC.

UN 75% DOS QUE ACUDEN AO MERCADO SON DE MONFORTE

A notable afluencia de público foi aproveitada dende o Concello, organizador da iniciativa dos Mercados de Monforte, para coñecer a opinión dos visitantes e compradores. Na enquisa realizada sobre unha mostra aleatoria de 100 persoas, un 75% declararon ser veciños de Monforte, e nun 40% suxerían que os Mercados foran quincenais. A nota para os Mercados de Monforte foi de oito puntos sobre dez.

MERCADOS TEMÁTICOS SOBRE NADAL EN DECEMBRO E XANEIRO

Dende o Concello de Monforte informaron da próxima celebración, tamén no espazo expositivo da Praza de Abastos, de tres Mercados en torno ao tempo de Nadal. Co gallo desta celebración, os Mercados que terán lugar entre decembro e xaneiro abrirán cun horario máis amplo que os anteriores. Os visitantes poderán realizar as súas compras durante máis días, dende as 10 da mañá ata as 14,30, e pola tarde de catro a oito, coa novidade de que os domingos pola tarde tamén abrirán estes Mercados.

DATAS DE CELEBRACIÓN

A decoración de Nadal protagonizará o primeiro dos mercados, que se celebrará do 7 ao 9 de decembro. Destinado a particulares e a comerciantes, o Mercado de Decoración de Nadal ofrecerá unha ampla variedade de elementos decorativos para facer máis festivas estas datas en fogares e tamén nos escaparates da cidade. Os diversos expositores amosarán orixinais deseños de árbores naturais e artificiais, bolas e pequenos elementos decorativos, centros de mesa, coroas, guirnaldas e moitas propostas que nos sorprenderán. Do día 21 ao 24 de decembro o Mercado estará adicado á Gastronomía do Nadal, cun amplo surtido de produtos para confeccionar o menú navideño, xa que o Mercado temático completará a oferta da Praza de Abastos, que ofrece todo tipo de carnes e peixes en fresco, mentres que no temático estarán á venda produtos como viños, cava, turróns artesanais e delicatessen. Por último, o Regalo de Nadal será o protagonista do último destes tres Mercados, que terá lugar do 2 ao 5 de xaneiro. Este Mercado estará centrado no pequeno regalo, con especial atención á artesanía local, un lugar perfecto para atopar regalos diferentes e exclusivos a bo prezo.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria mobilízase en defensa do seu futuro

Seguinte Nova

Orzamentos 2013 da Deputación de Lugo: As contas provinciais priorizan o fomento do emprego e o benestar social para o próximo ano

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: