A pesar da baixada dun 4,73% con respecto ao presuposto total de 2012, destinarase un 63% máis a políticas de emprego, e un 12% a servizos sociais
Cun 32% máis de paro que hai tres anos, e con 14.300 habitantes menos que hai unha década, a provincia de Lugo reclama unha aposta polo emprego e os servizos sociais. Coa finalidade de atender de xeito prioritario estas demandas foron deseñados os Orzamentos que a Deputación Provincial acaba de presentar, e que incorporan unha suba importante nas partidas destinadas ao fomento do emprego e aos servizos sociais. Malia que os 89.462.179,13 euros supoñen unha baixada do 4,73% con respecto ao orzamento de 2012, o montante consignado ás políticas de fomento do emprego sube un 63%, e o de benestar aumenta un 12%. Dende o organismo provincial, defenden este modelo de xestión “fronte á actitude ‘austérica’ de Feijóo, que nos leva por un camiño sen saída”, comentou o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, durante a presentación destes Orzamentos que amosan, según o mandatario provincial, “que nós somos capaces de xerar unha alternativa política en defensa do público”. Entre outros, Besteiro suliñou como puntos fortes dos orzamentos fortalecer os sectores susceptibles de xerar riqueza, como o turismo, reforzar a cooperación cos Concellos, simplificar a administración coa disolución do INLUDES e reducir a débeda. Por outra banda, o mandatario provincial explicou que a redución nun 4,73% no presuposto total prodúcese porque “o Estado privou á provincia de Lugo de case 3 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos, actuacións que benefician a todos os concellos lucenses”. A menor cuantía dos cartos dispoñibles pola institución provincial para o vindeiro ano é tamén consecuencia, según explicou Besteiro, da distribución anual dos fondos europeos que ten fixada a Deputación.
EMPREGO E BENESTAR SOCIAL: “SOLUCIÓNS URXENTES E EFICACES A PROBLEMAS URXENTES”
A aprobación dos Orzamentos provinciais para 2013 coincide cun momento especialmente dramático para a provincia de Lugo. “Os problemas urxentes do aumento do paro e da caída demográfica necesitan solucións urxentes e eficaces”, suliñou Besteiro, que lembrou o crecemento constante no número de desempregados na provincia no último trienio, e a perda sostida de poboación que está a vivir Lugo dende hai unha década, e que, de non cambiar a tendencia, está previsto que perda outros 25.400 habitantes nos próximos dez anos. De aí que o eixo principal no deseño orzamentario se xa o reforzamento das partidas para o fomento de emprego e de servizos sociais.
MÁIS ACCIÓNS DE FOMENTO DO EMPREGO, CONTINUIDADE DO PACTO POLO EMPREGO E DOS PROGRAMAS LUG02 E INNOVA-TE
Así, o organismo provincial investirá 7,5 millóns de euros en emprego, destinando 4 millóns para accións de fomento do emprego, e 3,5 millóns de euros para o Pacto Provincial polo Emprego que, según explicaron os responsables provinciais, foi o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia do Fondo Social Europeo. Resultado do traballo de xestión cos fondos europeos, seguirá adiante o programa Lug02 para proxectos de economía medioambiental, cunha partida de 2,3 millóns de euros, e o programa Innova-TE, centrada na divulgación das novas tecnoloxías como catalizador do desenvolvemento, cunha achega de 5,3 millóns de euros. Ambos programas están financiados nun 70% pola Unión Europea. A creación de oportunidades laborais en sectores susceptibles de xerar riqueza explica tamén o aumento do 40% na área de Turismo, según explicou o vicepresidente primeiro da Deputación, Antonio Veiga. Por outra banda, o organismo provincial segue a apostar polo centro de recría na Granxa Gayoso Castro, “o primeiro centro de recría público de España”, como lembrou Gómez Besteiro. Aos 6 millóns de euros xa executados neste proxecto súmanse os 1.350.000 euros consignados nos orzamentos de 2013 para unha iniciativa «que aforrará custes aos gandeiros e xerará un volume de negocio anual de 3 millóns de euros».
2,2 MILLÓNS DE EUROS PARA “EVITAR O DESMANTELAMENTO DA AXUDA NO FOGAR”
Nos Orzamentos provinciais para o vindeiro ano medra nun 12% a partida destinada ao benestar social, que se sitúa nos 2,2 millóns de euros. A finalidade é, según explicou Besteiro, “evitar o desmantelamento da Axuda no Fogar que atende a 3.000 lucenses e xera 2.000 empregos, unha vez que Feijóo decidiu que non poñía máis cartos para o Servizo de Axuda no Fogar e que o tiñan que pagar as Deputacións». De aí o incremento nun millón de euros para esta área, «porque é unha preocupación, unha necesidade e un obxectivo político», indicou Besteiro. En relación a esta prioridade, o vicepresidente primeiro, Antonio Veiga, lembrou que a Deputación foi «punteira» na aposta polo emprego e o benestar, e que segue a ser un ano máis «a institución provincial que máis inviste en políticas sociais, non só de Galicia senón tamén de todo o Estado». No eido social, o orzamento provincial incorpora asimesmo 15 millóns de euros a través do SUPLUSA para a execución de residencias da terceira idade e centros de día, «malia a falta de compromiso da Xunta que podería ralentizar este proxecto vital para o futuro de Lugo», suliñou o mandatario provincial.
DINAMIZACIÓN DO RURAL APOIANDO AO TECIDO ASOCIATIVO
Na procura de fixar poboación e de garantir a calidade de vida nos núcleos poboacionais, a xestión pública contempla actuacións de dinamización social, e de realización de pequenas obras que facilitan a vida cotiá da veciñanza. En canto á dinamización local, o vicepresidente primeiro da Deputación, Antonio Veiga, explicou a importancia de apostar polo tecido asociativo da provincia “mantendo o groso das partidas de Cultura e Deporte”, nunha área que ten sufrido «os recortes aplicados pola Xunta, e que debido a isto mantense polo voluntarismo da xente que forma parte del», lamentou Veiga na súa intervención. Asimesmo, dentro das actuacións de cooperación cos Concellos, o organismo provincial destinará un 24% máis que en 2012 para colaborar cos Concellos e entidades sen ánimo de lucro para a realización de obras e actividades sociais, cunha partida total de 600.000 euros.
MÁIS COOPERACIÓN COS CONCELLOS E COMUNIDADES VECIÑAIS
Por outra banda, no tocante ás pequenas obras que cubren as necesidades dos veciños de parroquias e municipios, a Deputación reforzou para o vindeiro ano a área de Cooperación cos Concellos, tanto por transferencia de persoal como polo aumento dos recursos económicos. Os responsables provinciais explicaron que, a maiores dos programas europeos dos que se benefician os Concellos, o montante para esta área acada os 5,6 millóns de euros, distribuidos en varias liñas de actuación. Por unha banda, o Plan de Obras e Servizos (POS) contará con 3 millóns de euros que a Deputación asume en solitario coa colaboración dos Concellos «despois de que Rajoy reducise a cero a achega estatal»; e por outro lado, o Plan de Comunidades Veciñais contará con 2 millóns de euros. En canto aos servizos, a Deputación destinará en 2013 unha partida de 2.307.809 euros para o Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros, cuxa titularidade e financiamento comparte ao 50% coa Xunta de Galicia.
POLÍTICAS SOCIAIS COMPATIBLES COA REDUCIÓN DE DÉBEDA
Xunto coa aposta polo emprego e o benestar, o outro fito dos Orzamentos provinciais está centrado na xestión financieira e da estructura administrativa. Besteiro explicou que os presupostos da Deputación para 2013 «demostran que defender e manter as políticas sociais non é incompatible cunha xestión económica boa e eficaz», en referencia á redución da débeda financieira en 10 millóns de euros para 2013, o que suporía unha amortización de 48,7 millóns de euros dende o primeiro mandato deste equipo de goberno.
SIMPLIFICACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PARA GAÑAR EN EFICIENCIA
Por último, outro dos fitos destes Orzamentos provinciais está na disolución do INLUDES, que será efectiva en 2013. Besteiro lembrou que esta decisión ven a cumprir «a palabra dada no discurso de investidura do segundo mandato». Esta medida súmase á disolución da Fundación Tor e á transferencia dos hospitais ao Sergas, «co que se simplifica a estrutura administrativa da Deputación, gañando eficacia e eficiencia», indicou o titular provincial. Esta medida implica que a Deputación asume xa directamente os gastos e ingresos actuais do INLUDES, e o groso do seu persoal pasará a reforzar a cooperación e asistencia aos Concellos, «a función principal da Deputación». Asimesmo, según explicou a deputada de Economía, Pilar García Porto, esta medida posibilita a optimización dos recursos humanos, e tamén aforra custes. García Porto suliñou que en 2013 a Deputación baixará un 12% o gasto en Órganos de Goberno, e 1,4 millóns de euros en gastos correntes coa supresión desta entidade.