Sarria mobilízase en defensa do seu futuro

Preto de 2.000 persoas manifestaron o seu apoio ao mantemento da planta de Cementos Cosmos no Oural

•Os traballadores do Oural contaron co apoio da Corporación municipal, Deputación provincial, alcaldes da comarca, partidos políticos da provincia e diversas asociacións culturais e deportivas •O comercio local tomou parte na reivindicación cun peche dende as seis e media •Sarria apagou o alumeado público para dar luz ás velas que portaban os manifestantes •Os participantes na marcha coincidían en que o peche de Cementos Cosmos vai máis aló da repercusión na plantilla, e que sería unha ferida de morte para o todo o tecido económico local

Un grupo de rapaces e rapazas, fillos de empregados de Cementos Cosmos, abrían a marcha do día 24 portando unha pancarta coa pregunta que flotaba na atmósfera de toda a vila: “Que vai ser do noso futuro?”. EC.

“O peche de Cosmos aféctanos a todos en Sarria” é a análise coa que Elena Rodríguez, funcionaria filla de xubilado de Cementos Cosmos, resumiu o sentir xeral dos preto de 2.000 participantes na manifestación que percorreu o centro de Sarria na tardiña do sábado 24 de novembro. Nacida en Oural, enclave da planta cementeira que dá emprego a preto de catrocentas persoas entre directos e indirectos, Elena visualiza unha Sarria sen esta fábrica: “Se finalmente pecha, os bares, farmacia e tendas do Oural poden desaparecer, e a repercusión no comercio de Sarria sería moi grave”. “Vimos apoiar á xente e ao pobo, e a reclamar dos gobernantes que busquen solucións ao peche de empresas”, explica Elena.

Elena Rodríguez, funcionaria nacida en Oural, acudiu á manifestación coa súa filla: “O peche da fábrica aféctanos a todos”

A PLANTA DO OURAL, UNHA EMPRESA EMBLEMÁTICA EN GALICIA

Solidaridade e reivindicación mobilizaron aos sarriáns, para apoiar a continuidade dunha fábrica emblemática non só en Lugo senón tamén en Galicia.Manuel Bellas Lamela, xubilado de Cementos Cosmos despois de 35 anos de traballo, suliña que a planta do Oural “é historia viva de Galicia, un modelo de empresa que xa non queda”. Manuel lembra que nos seus tempos “aínda o dono da empresa viña a saudar aos empregados, e os chamaba polo seu nome; pero isto acabouse”, e amosa a súa incredulidade ante o futuro que se cerne sobre a cementeira do Oural. “Non entendo por qué se está así, se esta empresa sempre foi moi rentable”, explica. “Dende logo, para Sarria o peche de Cosmos sería un pau bastante forte, tanto nos empregados como en camioneiros, técnicos, etc, xa que hai unha gran cantidade de pequenas empresas e autónomos que o seu traballo é dar servizos á planta, e todo iso se perdería”, lamenta Manuel Bellas, “por non falar dos comercios e hostelería, xa que todos eles fan gasto ao vir á planta, e sería un dano grande que desapareceran”.

Marta Fernández, copropietaria do bar Sardiña do Oural: “Se pecha a fábrica, temos que pechar o bar; o 80% da nosa clientela depende da cementeira”

PECHE EN CADEA DE PEQUENOS NEGOCIOS, BASE DA ECONOMÍA LOCAL

As consecuencias dun peche ou dunha importante redución de actividade (dúas opcións que dende os sindicatos parecen debuxarse no horizonte da cementeira) levarían por diante unha importante rede de pequenos negocios, base da economía local. Marta Fernández Somoza, propietaria do bar Sardiña, en Oural, é contundente: “Se pecha a fábrica pechamos o bar, o oitenta por cen da nosa clientela está vinculada á cementeira”. Marta está segura de que “o cemento que se fai en Oural se vendería, a pesares da crise, pero están a tirar máis pola planta de Toral dos Vados”. De confirmarse esta opción, tanto Marta como o seu marido quedarían sen emprego, “os dous traballamos no bar”. Por iso, non dubidaron en participar na manifestación de Sarria para reclamar “que o cemento de Galicia se faga no Oural, así sería viable, aínda que ata agora a fábrica non deu pérdidas”.

UNHA SÓLIDA EMPRESA DE TODA A VIDA

A solidez da cementeira de Oural está escrita nos rostros dos traballadores. Manuel, nome ficticio dun transportista autónomo que prefire quedar no anonimato, fala con gran preocupación do que lle queda se pecha a planta do Oural: “Son 20 anos os que levo traballando para Cementos Cosmos, con frecuencia diaria”, indica. Con xesto grave, Manuel resume contundente: “Se pecha, non me queda nada. Cosmos é o meu cliente case único, un 95% do meu traballo é para esta fábrica, non sei que vou facer”.

Eloy Fernández (á esquerda), traballador da planta do Oural, prende a súa vela no inicio da manifestación: “Non é fácil buscar traballo fóra para os que temos máis de 50 anos”

FUTURO INCERTO PARA UNHA PLANTILLA DE MÁIS DE 5O ANOS DE IDADE

Despois de 37 anos como empregado de Cementos Cosmos, Eloy Fernández López axuda aos compañeiros do comité de empresa a portar a pancarta na que se pode ler: “En defensa dos postos de traballo. Non ao peche de Cementos Cosmos”. “Como os demais compañeiros, a miña familia depende do meu soldo”, lamenta Eloy con xesto serio. “Buscar traballo fóra cando tes máis de 50 anos, como nos pasa á maioría da plantilla do Oural, non é nada fácil”, recoñece Eloy, “nin aquí en España nin menos marchar a outro país”. Unido cos compañeiros, son unha soa voz que berra “Queremos traballar”, reclamando “Postos de traballo na nosa terra”, e ofrecendo como unha das solucións “Na Galiza, cemento galego”. Consignas que encheron o ceo da prematura noite de Sarria, unha tardiña de sábado oscurecida polo peche do comercio en solidaridade cos traballadores da planta do Oural, e coalumeado público apagado para dar protagonismo ás velas que portaban os manifestantes.

“En defensa dos postos de traballo, non ao peche de Cementos Cosmos” rezaba a pancarta que portaban os representantes dos traballadores da planta do Oural. EC.

UNHA RESPOSTA PARA O FUTURO DA PLANTA DO OURAL

Unha marcha solemne e serena, onde vellos e mozos, xubilados de Cosmos e fillos de traballadores xuntáronse á luz de esperanza que portaban nas mans para defender o seu futuro. Este foi o espíritu da marcha, así se lía na pancarta que abría a manifestación, e na que un grupo de rapaces e rapazas lanzaba unha pregunta ao aire, unha reflexión para todos: “Qué vai ser do noso futuro?” Un panorama que aínda está por definir, como apunta José Luis, traballador de Cementos Cosmos que prefire non dar o seu apelido. “A cousa está complicada porque non se vende cemento, está claro, pero aínda así esperamos que a fábrica non peche, é a única de Galicia, e esperamos que o cemento que se venda sexa galego de verdade, e non como se está a facer por determinadas empresas”, indica José Luis, confiado en que se resolva a situación da empresa que lle dá de comer ao seu fillo e aos seus pais.

Teresa Pérez, filla e sobriña de traballadores de Cementos Cosmos, portando unha vela na manifestación, símbolo de esperanza: “Co peche, esta comarca non pode sobrevivir, nin as familias dos empregados nin tampouco os negocios da zona”

O PLENO DE SARRIA APOIA A CONTINUIDADE DA FÁBRICA

En resposta á demanda da sociedade, os apoios políticos e institucionais non faltaron na manifestación do sábado polas rúas de Sarria. José Antonio García, alcalde de Sarria, presente na marcha xunto con outros alcaldes da comarca, suliñou en que “o Concello de Sarria é plenamente consciente da importancia de Cosmos para esta comarca, como motor industrial durante moitos anos”. Neste sentido, José Antonio García lembrou que na víspera o Pleno aprobou por unanimidade unha moción en apoio á continuidade de Cementos Cosmos, e amosou a súa esperanza en que “co apoio de todas as administracións e coa concienciación da cidadanía se poida chegar a un acordo entre a empresa e os traballadores”.

A reivindicación dos traballadores de Cementos Cosmos contou co apoio dos partidos políticos, como o PSdeG-PSOE. O secretario provincial do PSOE lucense e presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, portou unha das pancartas contra o peche da factoría, acompañado, entre outros, polos deputados autonómicos socialistas Concepción Burgo e Vicente Docasar. EC.

BESTEIRO: “HAI QUE EMPUXAR EN GALICIA ONDE TEMOS PROXECTOS VIABLES”

Esta reivindicación foi apoiada polo goberno provincial, coa presenza na manifestación do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que expresou así o seu apoio ás 400 familias que dependen de Cosmos. Besteiro defendeu que a distribución dos produtos de Cosmos se faga en Galicia tendo en conta os prezos (ó producirse na Comunidade o custe é menor) e a calidade do material, extraído das canteiras de Triacastela, consideradas unhas das mellores en Europa. O mandatario provincial mantivo unha reunión previa co comité de empresa e os responsables sindicais de Cosmos para coñecer a situación, e lembrou que “estamos de acordo con que Feijóo busque en Brasil mercado exterior para o naval, pero tendo en conta que a empresa matriz de Cosmos tamén é brasileña, igual de importante é que o Presidente da Xunta defenda fóra o noso mercado, porque hai que empuxar fóra pero tamén no interior da nosa Comunidade onde temos proxectos viables”. O Pleno provincial aprobou posteriormente unha moción “para instar á Xunta, administración galega con plenas competencias na materia, a que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade de Cosmos en Sarria”.

O BNG participou na manifestación portando unha pancarta co lema “Na defensa dos nosos sectores produtivos”, coa presencia do coordinador comarcal e delegado de Cultura e Deportes na Deputación, Mario Outeiro, o deputado autonómico por Lugo, Cosme Pombo, e o edil sarrián Xermán Arias. FC.

CRÍTICAS Á XUNTA

Pola súa parte, o deputado autonómico do BNG por Lugo, Cosme Pombo, participou na manifestación, e suliñou que “Cosmos é a única cementeira galega, é viábel, ten mercado, polo que é incomprensible que a Xunta permita que bote o peche e se perdan estes empregos”, polo que o BNG xa presentou iniciativas parlamentarias para reclamar unha implicación da Xunta no mantemento da fábrica de Oural. Asimesmo, o deputado autonómico de AGE por Lugo, Ramón Vázquez, dixo que “hai que defender con unllas e dentes unha empresa con mercado e viabilidade como é Cosmos”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

25 N: O sur de Lugo celebrou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Seguinte Nova

O outono encheu o Mercado de Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio