Iniciativa conxunta entre os praceiros e o Concello de Monforte
Poñer en valor a compra tradicional nos postos da Praza de Abastos é un dos obxectivos da iniciativa que praceiros e Concello de Monforte están a desenvolver este mes de decembro.
SORTEO DE 15 BONOS DE DESCONTO PARA COMPRAR NA PRAZA
Aproveitando a demanda de produtos de calidade para a elaboración das ceas e comidas das festas do Nadal, os industriais da Praza e os responsables da concellería de Promoción Económica do Concello monfortino puxeron en marcha un sorteo de 15 bonos de desconto de entre o 5% e o 15%, no que poderán participar todos aqueles clientes que realicen as súas compras nos postos da Praza de Abastos ata o día 28 de decembro. Os bonos poderán canxearse a partir do día 1 de xaneiro ás 12 da mañá, hora na que terá lugar o sorteo na propia Praza de Abastos.
APROVEITAR A NOVA FUNCIONALIDADE DA PRAZA DE ABASTOS
Na presentación desta iniciativa, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, sinalou a importancia de incrementar a “interacción dos tres espazos da Praza de Abastos”, en referencia aos postos tradicionais, os Mercados temáticos e o espazo gastronómico que acaba de inaugurarse. Pola súa banda, a praceira Esther Castro destacou que este sorteo “animará á xente a mercar nos postos da Praza”.