•Dende o CEIP Rosalía de Castro levaron a cabo un intenso programa de visitas no primeiro trimestre •A implicación dos rapaces é “moi boa”, e as excursións lles permiten acceder a novos entornos do sur de Lugo
“O ambiente e a participación nas visitas extraescolares é xenial”, explica Mercedes López, directora do Colexio de Educación Infantil e Primaria Rosalía de Castro, de Bóveda. “Os nenos e nenas son moi receptivos, participan moito, sempre veñen todos ás excursións, polo que resulta unha actividade moi interesante”.
VANTAXES DAS VISITAS DIDÁCTICAS PARA O ALUMNADO
Aprender fóra das aulas constitúe unha experiencia moi ben acollida polo alumnado de todas as idades, e permite aos docentes transmitir coñecementos e impresións con materiais, instalacións e, sobre todo, en entornos que dentro da aula non son posibles. De aí que tanto ao entorno máis próximo do municipio de Bóveda como outros máis afastados como Monforte de Lemos ou Sober sexan opcións viables e interesantes para levar aos rapaces e rapazas a unha visita didáctica. Este foi o caso da saída realizada o pasado 8 de outubro polo alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, para visitar os viñedos de Doade no Tren Turístico, e pola tarde a base de helicópteros que a Xunta de Galicia ten no Marroxo, na parroquia monfortina de Marcelle. “Aínda que non estamos tan lexos, a paisaxe e a vexetación que temos aquí en Bóveda é moi diferente da paisaxe vitícola de zonas da Ribeira Sacra como Amandi”, explica a directora do colexio Rosalía de Castro, “así que para moitos nenos esta viaxe foi a primeira oportunidade para ver os viñedos, ademais de disfrutar enormemente coa viaxe no Tren Turístico”.
EXPOSICIÓNS VISITADAS NO ENTORNO DE BÓVEDA
As saídas que o alumnado realizou dentro do municipio tiveron como destino a Casa da Cultura, onde o 26 de setembro visitaron a exposición itinerante sobre Biodiversidade, e tamén o Centro Sociocultural de Bóveda, onde o 5 de novembro os alumnos e alumnas do colexio visitaron unha exposición de cogumelos, invitados pola asociación Horticelos.
VINDEIRO TRIMESTRE
No colexio de Bóveda están a preparar xa diversos eventos para o vindeiro trimestre. Así, o Día da Paz celebrarase no centro cunha solta de palomas pola tarde, acompañado de dedicatorias elaboradas polo alumnado. A tan desexada cita do Entroido terá a súa festa con chocolatada, e a xa tradicional convivencia deportiva co CEIP de Brollón incluirá unha comida de confraternidade.