Clube de Lectura de Sober: tardes de conversa e lecer arredor dos libros

Dende hai seis anos, o Clube de Lectura Pintor de Castinande aporta a Sober unha opción de ocio, socialización e dinamismo en torno á lectura

Dende o Clube de Lectura Pintor de Castinande, de Sober, realizan diversas actividades ao longo do curso, como a recente presentación do libro de Ramón Blanco titulado “Emily on the road”, presentado por Paula Berao e Xosé Manuel Eyré. EC

Un clube de lectura nace coa excusa de ler con outros, de compartir visións e pareceres, e acaba converténdose nunha comunidade de creación e dinamización que atravesa os andeis da biblioteca e se filtra á sociedade, co beneficioso efecto de facela máis viva e inqueda.

CLUBE DE LECTURA DE SOBER: QUINCE LECTORES E LECTORAS “ABERTOS E PARTICIPATIVOS”

Con este espíritu naceu hai seis cursos (pois funcionan con calendario escolar) o Clube de Lectura Pintor de Castinande, en Sober, da man de Julia Fernández Garza, responsable da biblioteca municipal, que coñecía o funcionamento deste tipo de iniciativas no rural doutras zonas e animouse a pór en marcha este proxecto, aglutinando a un emerxente grupo de arredor de sete persoas. “Agora somos 15, un bó número, e a verdade é que son todos moi bos lectores, e están sempre abertos á participación”, explica Julia, que dirixe este Clube integrado maioritariamente por mulleres, aínda que tamén participa nas sesións algún home, incluso un inglés residente en Pantón que se sumou á iniciativa.

A CULTURA SOBERINA, PRESENTE NO ESPÍRITU E NA DENOMINACIÓN DO CLUBE

O colectivo leva o nome do Pintor de Castinande, artista soberino do século XVIII e pintor de pazos, cun fondo significativo conservado na actualidade no pazo Molinos de Antero. Esta identidade coa cultura e a herdanza de Sober ten moito que ver coa vontade de dinamizar a vida local; “reunímonos os mércores ás sete da tarde, en torno a un libro, aínda que estas reunións teñen un efecto social moi interesante”, explica Julia Fernández. As actividades que realizan arrincan sempre da lectura, do fomento do hábito lector, pero coas miras postas en suscitar a participación social e a creatividade en todos os niveis. “Correspóndeme a min a selección dos libros que imos ler, extraídos do listado de obras dos clubes de lectura de Galicia, e despois solicito o envío dos exemplares dende as bibliotecas que teñen os fondos para clubes”, comenta Julia, “aínda que tamén traballamos con fondos propios”. Arredor do libro elixido ou da temática vinculada a el “tratamos de visualizar películas, e tamén realizamos visitas culturais”.

ALGO MÁIS QUE LIBROS

Ir do libro á sociedade, e da sociedade ao libro é o itinerario do Clube de Lectura Pintor de Castinande; “aquí en Sober visitamos todo o patrimonio cultural, e realizamos moitas saídas a Pantón, Saviñao, Monforte, ou Lugo, por exemplo”. Tamén buscan o contacto directo cos autores, unha actividade habitual nos clubes de lectura, como na recente presentación do libro “Emily on the road”, do escritor galego Ramón Blanco, onde autor e lectores poideron andar xuntos o camiño da letra impresa. Pero non todo queda en negro sobre branco: levar a emoción da lectura máis aló da biblioteca forma parte do calendario do Clube de Lectura de Sober. Con motivo do Nadal, os membros do Clube incluíron na súa axenda unha visita á residencia de maiores de Sober para recitar panxoliñas e transmitir o espíritu destas pezas a residentes e traballadores do centro. A directora do Clube de Lectura de Sober recoñece con entusiasmo que “a biblioteca foi sempre un centro de dinamización e de encontro no rural, e dende o Clube seguimos a traballar nesta liña, disfrutando moitísimo con esta estupenda experiencia”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Nadal enche Sober de dinamismo

Seguinte Nova

Preparación para o First Certificate en Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: