Compromiso para poñer en valor o leite galego

Xunta e axentes do sector lácteo comprométense a traballar para acadar unha distribución “máis equilibrada” do valor económico na cadea do leite

O pasado 7 de decembro, a Xunta e os axentes do sector lácteo asinaron un acordo que ratifica o compromiso para acadar os mecanismos que permitan unha distribución máis equilibrada do valor económico xerado na cadea de valor do leite. O obxecto desta suma de esforzos entre a Administración galega, representantes da Interprofesional Láctea (INLAC) e dos tres sindicatos galegos (Unión Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores) é permitir “o desenvolvemento dun sector produtivo estratéxico para a economía galega”.

GRUPOS DE TRABALLO PARA COÑECER OS CUSTOS REAIS DE PRODUCIÓN

A raíz deste compromiso, constituíronse varios grupos de traballo co fin de acadar unha revalorización do produto a través dunha ferramenta que permita aos produtores coñecer os custos reais de produción.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a reunión mantida a comezos de decembro cos responsables dos tres sindicatos agrarios galegos (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores) e o presidente da Interprofesional Láctea (INLAC). GPMR

“INDEFENSIÓN” DOS PRODUTORES FRONTE A TRANSFORMADORES E DISTRIBUIDORES

Según explicaron os responsables da Consellería de Medio Rural e do Mar, este acordo establécese ante a “difícil situación que están a atravesar os produtores galegos, derivada dos encarecemento dos insumos e do baixo prezo que perciben polo leite, que non é quen de remunerar os custos de produción”. Esta situación evidenciou, según indican dende Medio Rural, a “indefensión do sector produtor fronte á industria da transformación e da distribución” e que desencadeou nunha folga de entregas de tres días.

“REFORMULACIÓN” DA POLÍTICA COMERCIAL DO LEITE PARA NON “BANALIZAR” O PRODUTO

O acordo firmado o día 7 implica tanto á industria como á Administración e produtores. Así, a industria comprométese a impulsar as medidas que permitan valorizar axeitadamente o leite recollido aos produtores, de xeito que se poida acadar un prezo que cubra os custos de produción. A distribución alimentaria de Galicia anunciou a súa intención de reformular a política comercial en relación co leite, para evitar a “banalización do produto”.

OS PRODUTORES FORTALECERÁN A NEGOCIACIÓN SEGÚN AS POSIBILIDADES DO PAQUETE LÁCTEO

Pola súa parte, os representantes do sector produtor comprométense a fortalecer a negociación utilizando as capacidades que lles ofrece o “paquete lácteo”, para o que contará co apoio da Xunta de Galicia.

A XUNTA REFORMULARÁ O ACORDO CO SECTOR LÁCTEO

Pola súa parte, a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, comprométese de xeito inmediato a xestionar co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente unha reformulación do acordo de colaboración co sector lácteo coa vocación de estender os compromisos acadados en Galicia ao resto do territorio nacional. Asimesmo, intensificará a súa capacidade inspectora para evidenciar a situación de dependencia económica do sector produtor con respecto á industria de transformación.

MEDIDAS DA XUNTA PARA MELLORAR A ESTRUTURA TERRITORIAL DAS COMARCAS CON PRODUCIÓN LÁCTEA

A reunión cos axentes do sector estivo presidida por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, acompañado pola Conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Os responsables deste departamento explicaron que ao longo desta lexislatura, o Goberno galego pretende levar a cabo medidas “eficaces e áxiles” que permitan “unha mellora da estrutura territorial,” particularmente nas comarcas onde a produción láctea é o motor principal da súa economía.

HABILITAR MÁIS SUPERFICIE PARA PRODUCIR ALIMENTO DO GANDO

O obxectivo destas medidas é, según indicaron os responsables de Medio Rural, permitir a “dispoñibilidade real de superficies destinadas á produción de alimentos para o gando”, diminuíndo deste xeito os seus custes de produción e mellorando a súa competitividade.

MELLORA DA FINANCIACIÓN PARA AS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS

Dende a Xunta de Galicia, tamén se pretende dar apoio institucional coas entidades financeiras e estudar as fórmulas axeitadas para xerar liñas de bonificación de intereses para pequenos préstamos de circulante aos produtores, que palíen a situación actual.

IMPULSO DENDE A XUNTA DO PROXECTO DE LEI DO MINISTERIO PARA GARANTIR A SOSTIBILIDADE ECONÓMICA DA CADEA DO LEITE

Finalmente, a Xunta de Galicia intensificará os labores para “coliderar e axilizar” o Proxecto de Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria que está a elaborar o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Deste xeito, preténdese garantir que todas as partes da cadea do leite obteñan un beneficio que cubra os seus custes de produción. Dende Medio Rural suliñaron que, para acadar este último obxectivo, é preciso crear un Observatorio público que estude e difunda estes custes en toda a cadea de valor, evitando en particular a descapitalización dos sectores produtivos pola percepción de prezos baixos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Obradoiros, teatro e concertos de Nadal a gusto de todos

Seguinte Nova

As axencias de viaxes súmanse ao programa Km0

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: