Críticas á supresión da financiación polo Goberno central, e á «falla de iniciativa» da
Xunta
Os recortes decretados polo Goberno central están a levantar reaccións políticas con repercusións novidosas no eido da xestión pública. A comezos de decembro, o responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego no sur de Lugo, Ricardo Rodicio, denunciou que a continuidade do servizo de teleasistencia domiciliaria «seguía pendente» trala decisión do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de non aportar a partir do vindeiro ano o 65% do financiamento que a través do IMSERSO ía destinado a este servizo.
CRÍTICAS DO BNG Á «FALLA DE POLÍTICA SOCIAL» DO GOBERNO CENTRAL E GALEGO
Rodicio criticou tamén a «falla de iniciativa» da Xunta de Galicia ao non pronunciarse para asumir esta porcentaxe do custo do servizo. Esta situación, según Rodicio, amosa a «falla de política social dos gobernos central e galego», e esta actitude non só «repercute na calidade de vida dos cidadáns de máis idade», senón tamén incide de xeito «moi negativo no mercado laboral nunha provincia como Lugo cun elevado avellentamento da poboación».
COFINANCIACIÓN ENTRE DEPUTACIÓN E CONCELLOS
A raíz desta situación, dende a Área de Benestar Social da Deputación de Lugo, dependente da Vicepresidencia, convocaron aos alcaldes da provincia para amosar as posibles alternativas que garantiran este servizo no 2013. Como resultado, 56 dos 67 concellos da provincia adherínronse ao protocolo proposto dende a Vicepresidencia provincial, polo que se acorda cofinanciar ao 50% o servizo de teleasistencia domiciliaria. O vicepresidente Antonio Veiga destacou a «colaboración e o esforzo de concellos de todas as cores políticas en prol do benestar das persoas», e suliñou que a Deputación incrementa así a súa aportación do 35% ao 50%. No sur de Lugo, adheríronse polo de agora Monforte (con 96 usuarios), O Incio (9), Quiroga (36), Chantada (41), Bóveda (12), Ribas do Sil (11), Láncara (11), Paradela (16), Sober (36), Folgoso (2), Carballedo (7), Triacastela (3) e Pantón (15). O servizo de teleasistencia posibilita, según lembrou Rodicio, que os maiores que viven sós, cunha media de idade de 80 anos, poidan seguir vivindo na súa casa con certa autonomía e tranquilidade.
EN QUÉ CONSISTE A TELEASISTENCIA
A Teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrumpida cun equipamento de comunicacións e informática especificos. O sistema consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas situada no Centro de Atención. Permite que os usuarios e usuarias, ante calquera situación de emerxencia e con tan só premer un botón, poidan comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta a situación comunicada. Para poder ser usuario deste servizo de teleasistencia é preciso dispoñer de liña telefónica.