As medidas do Goberno central farán que 120.000 xubilados lucenses perdan o vindeiro ano 20 millóns de euros, según denuncian dende o Goberno provincial
“O tema de non subir as pensións é algo moi dificil, o que sei é que non podemos facer nada”, expresa con resignación José Luis Pardo, pensionista de Monforte que manifesta a súa frustración cando bota a vista adiante, ao ano que ven: “a pensión non subirá nada, e estaremos aínda peor”.
ALERTA ANTE O COPAGO SANITARIO E A PERDA DE PODER ADQUISITIVO A MEDIO PRAZO
Unha atmósfera de disgusto planea nestas datas sobre este colectivo, afectado gravemente polo copago sanitario, e que coa non revalorización das pensións decretada polo Goberno central está a sufrir unha nova merma do seu poder adquisitivo. María Arias, xubilada que “vai tirando” gracias á súa pensión e á situación de prexubilado do seu marido, considera “mala” esta medida do Goberno de Mariano Rajoy. “Moitas pensións son moi baixas, a xente que teña que pagar ademais tratamentos especiais non sei como vai facer”. O panorama para o ano que ven é preocupante, “xa que se este ano non suben a pensión nos está repercutindo para cando haxa subida, xa que a base será menor”. María asume que “un esforzo se pode facer sempre e cando sexa momentáneo, pero non se sabe canto vai durar isto”, alerta con preocupación.
REPERCUSIÓN EN TERCEIROS: OS PENSIONISTAS COMO SOPORTE DA ECONOMÍA FAMILIAR POLA CRISE
Disgusto e malestar que se contaxian incluso a aqueles que non son pensionistas; a Carlos Barreiro, actualmente en situación de desemprego, non lle parece ben que “os recortes sempre lles caian aos mesmos, aos que menos teñen”. Aínda que non vive en carne propia esta situación, Carlos recoñece que “non subir as pensións como había que facer afectará a todo, non hai cartos e isto é unha cadea”, aínda que a peor parte levarana “aqueles pensionistas que teñen que soster á familia”. Reflexión na que coincide José Luis Pardo, cando explica con xesto de resignación que “indiscutiblemente, esta medida vai repercutir en todo, porque dos pensionistas agora está vivindo moita xente debido á crise que hai e ao paro”.
OS XUBILADOS LUCENSES “PERDEN MÁIS DE 40 MILLÓNS DE EUROS” COAS “POLÍTICAS DE REGRESIÓN DO PP”
Dende que se coñeceu a decisión do Goberno central de non revalorizar as pensións sucedéronse as críticas de diversos sectores polas consecuencias desta medida. Así, o Goberno provincial a través do voceiro socialista, Manuel Martínez, denunciou que os 120.000 xubilados lucenses, “que representan un tercio da poboación da provincia”, perden máis de 40 millóns de euros “coas mentiras e políticas de regresión social do Partido Popular”. O voceiro socialista lembrou que Lugo é, xunto con Ourense, a provincia coa pensión media máis baixa de Galicia (622 euros en Lugo e 610 euros en Ourense), ambas a distancia dos 700,9 euros da pensión media do conxunto de España. Martínez indicou que mentres o IPC deste ano acabou nun 2,9%, “as pensións só se incrementaron nun 1%, o que supón que os xubilados lucenses deixaron de cobrar este ano 20 millóns de euros”, cando a súa paga media debería ser de 633,82 euros. Asimesmo, o voceiro socialista na Deputación de Lugo criticou que “a imposición” do Goberno central de non compensar este 1,9% pendente nas pensións do vindeiro ano, e de incrementalas só un 2% para as pensións de menos de 1.000 euros, supón que “os xubilados lucenses perderán en 2013 outros 20 millóns de euros”. A todo isto, según Manuel Martínez, hai que engadir o gasto de 12 millóns de euros anuais que supón para os pensionistas lucenses o pago polas súas menciñas, “ademais do desmantelamento da Lei de Dependencia”. O voceiro provincial denunciou que “así é como defende o Partido Popular aos xubilados, mentindo cando veñen as eleccións.”