•A plantilla de Monforte mantivo a súa actividade e optou por convocar concentracións • As mobilizacións contarons co apoio do equipo de Goberno municipal, sindicatos, Partido Socialista e Alternativa Galega de Esquerdas, así como de diversos colectivos profesionais e cidadáns • A senadora Julia Rodríguez destacou a “receptividade e boa disposición” da presidenta de Paradores de España trala reunión mantida en Madrid
A finais de novembro, Paradores de España anunciaba un plan de reestructuración “para garantir a supervivencia da compañía”, que implicaría a extinción de 644 postos de traballo en toda a Rede, e que suporía o peche durante 5 meses do Parador de Monforte. Ante esta situación, a plantilla do establecemento monfortino convocou dúas concentracións en San Vicente os días 7 e 8 de decembro, que contaron co apoio dos sindicatos CCOO e UGT-Lemos, o equipo de Goberno municipal, o Partido Socialista de Monforte, Alternativa Galega de Esquerdas, e diversos colectivos locais como o CCU, a CEL E A APEC. Chus Izquierdo, delegada de personal de CCOO, calificou de “desastre” un peche estacional de 5 meses, “tanto para a plantilla como para toda a zona”. “En principio, non se contemplan despidos para Monforte, pero sí cambiaría o tipo de contratación, con toda a perda de dereitos que conleva”, explica Izquierdo, que agradeceu os apoios recibidos, “porque isto nos vai afectar a todos na comarca”. Para fin de ano está previsto realizar outras dúas concentracións, “según vaian as negociacións no comité intercentros”. Pola súa parte, o secretario xeral de UGT-Lemos, Mario Docasar, defendeu “a dignidade das 31 familias” vinculadas ao Parador fronte á “mala xestión da directiva de Paradores, responsable desta situación”.
VALORACIÓNS POLÍTICAS NO SUR DE LUGO
Asimesmo, a raíz do anuncio de Paradores, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, mantivo unha reunión co director do Parador, Santiago Carrera, para coñecer “de primeira man” a repercusión deste anuncio no establecemento monfortino. Posteriormente, solicitou unha reunión coa presidenta de Paradores, Ángeles Alarcó, e mantivo unha reunión coa deputada en Cortes do BNG Rosana Pérez, ao tempo que solicitou tamén unha xuntanza cos deputados por Lugo do PP e Psoe. No eido local, Severino Rodríguez reuniuse cos voceiros dos tres grupos políticos municipais, o socialista José Tomé, a nacionalista MªXosé Vega, e o popular José Manuel Puga, para remitir unha carta conxunta ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo solicitando que o Parador de San Vicente do Pino siga abrindo once meses ao ano, e se manteñan os 31 postos de traballo actuais. O PP descolgouse desta iniciativa, e presentou unha moción para o Pleno. Pola súa parte, o voceiro socialista, José Tomé, presentou tamén unha moción esixindo a retirada do ERE de Paradores, e pola defensa dos postos de traballo e do carácter de empresa pública desta institución.
O deputado por Lugo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Ramón Vázquez, considerou “demencial” o peche de 5 meses no Parador de Monforte polas súas consecuencias para o comercio e proveedores locais. Tanto dende o Consistorio como dende o Psoe e AGE, destacaron o valor indiscutible do Parador como referencia turística para toda a Ribeira Sacra, e suliñaron a súa importancia monumental e simbólica para a cidade e a comarca.
Pola súa banda, Julia Rodríguez mantivo unha reunión en Madrid coa presidenta de Paradores, para transmitirlle “o compromiso e a responsabilidade” dos traballadores da cadea en Monforte. Trala xuntanza, Rodríguez manifestou a súa “confianza en que as medidas anunciadas se reduzan e os efectos sexan os mínimos”.