A Federación Galega de Teatro Afeccionado premiou esta iniciativa da Área de Cultura da Deputación “pola súa repercusión no eido da cultura teatral, en xeral, e do teatro afeccionado na provincia de Lugo, en particular”
O Proxecto Teatral Buxiganga, promovido pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, ven de recibir o II Premio da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) á Animación Teatral. Estes premios recoñecen o labor a prol do teatro de colectivos ou particulares, e tamén de institucións, tendo en conta o labor sociocultural que desenvolven e a súa repercusión.
LEVAR UNHA PROGRAMACIÓN ESCÉNICA POR TODOS OS RECUNCHOS DA PROVINCIA
Según explicou a presidenta de FEGATEA, Chelo Pampillón, “valórase o achegamento que se fai da cultura das artes escénicas a poboacións tradicionalmente afastadas dela”, xa que Buxiganga ten como obxectivo achegar o teatro a poboacións pequenas que acostuman quedar fóra dos círculos habituais da programación cultural. Este proxecto, que naceu no 2009 e “xa é un proxecto consolidado”, según comenta Pampillón, pretende tamén estimular a creación de novos grupos de teatro afeccionado, e fomentar a súa creatividade a través de cursos e sesións formativas a cargo de profesionais dos diversos eidos das artes escénicas. No acto de entrega do premio, celebrado o pasado 9 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, explicou “as dificultades que tiña a provincia de Lugo, como provincia de interior, de acceder a unha programación cultural completa”, e que con Buxiganga se acadaron fitos “que parecían impensables”. Veiga cualificou este proxecto de “integral, completo e saudable para un pobo que non quere perder a súa cultura”.
SESIÓNS FORMATIVAS PARA OS GRUPOS AFECCIONADOS
O Proxecto Buxiganga tenta fomentar a creatividade e a iniciativa cultural a través da formación de novos grupos de teatro afeccionado, polo que ven de poñer á disposición dos grupos participantes unha serie de sesións formativas a cargo de profesionais de reconocido prestixio. A actriz galega María Barcala impartiu diversos cursos dentro deste proxecto, “unha experiencia moi interesante”, na que destaca “a implicación total dos participantes a pesar das dificultades e o esforzo persoal que supón tratar de asimilar nun tempo tan breve unha técnica que require meses de exercicio”. Dende a súa experiencia, María Barcala valorou o “grandísimo interés” do Proxecto Buxiganga “en canto que posibilita ás persoas e á sociedade lucense compartir intereses e inquedanzas artísticas, culturais e de comunicación entre sí e co seu entorno”, e por “axudar a crear un magnífico ambiente de teatro afeccionado e uns espectadores con coñecemento e criterio para os circuítos profesionais”.
EN SARRIA, O TEATRO XA TIRA DA XENTE
O grupo Rebuldeira de Sarria “naceu” gracias a Buxiganga, e está a ser un bo exemplo dos obxectivos deste proxecto. Elvira Pallares, secretaria de Rebuldeira, agradece a Buxiganga “que nos permita facer teatro e salir a levar o noso traballo, e a coñecer o que fan outros grupos de Lugo e de fóra da provincia”, así como a posibilidade de mellorar tecnicamente “da man de profesionais da escena”. Pero os efectos de Buxiganga van máis aló: “ultimamente en Sarria temos que facer tres pases, da gran cantidade de xente que está a vir ao teatro”, explica Pallares, que suliña a importancia deste feito. “Ademais de ser un xeito de ocio, facer teatro é tamén facer país, apostando polo galego nestes tempos de controversia”.