O mundo do teatro premia ao Proxecto Buxiganga

A Federación Galega de Teatro Afeccionado premiou esta iniciativa da Área de Cultura da Deputación “pola súa repercusión no eido da cultura teatral, en xeral, e do teatro afeccionado na provincia de Lugo, en particular”

O Proxecto Teatral Buxiganga, promovido pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, ven de recibir o II Premio da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) á Animación Teatral. Estes premios recoñecen o labor a prol do teatro de colectivos ou particulares, e tamén de institucións, tendo en conta o labor sociocultural que desenvolven e a súa repercusión.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o delegado de Cultura, Mario Outeiro, recollen o II Premio Fegatea para o Proxecto Teatral Buxiganga de mans de Chelo Pampillón, presidenta de FEGATEA. GPDL

LEVAR UNHA PROGRAMACIÓN ESCÉNICA POR TODOS OS RECUNCHOS DA PROVINCIA

Según explicou a presidenta de FEGATEA, Chelo Pampillón, “valórase o achegamento que se fai da cultura das artes escénicas a poboacións tradicionalmente afastadas dela”, xa que Buxiganga ten como obxectivo achegar o teatro a poboacións pequenas que acostuman quedar fóra dos círculos habituais da programación cultural. Este proxecto, que naceu no 2009 e “xa é un proxecto consolidado”, según comenta Pampillón, pretende tamén estimular a creación de novos grupos de teatro afeccionado, e fomentar a súa creatividade a través de cursos e sesións formativas a cargo de profesionais dos diversos eidos das artes escénicas. No acto de entrega do premio, celebrado o pasado 9 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, explicou “as dificultades que tiña a provincia de Lugo, como provincia de interior, de acceder a unha programación cultural completa”, e que con Buxiganga se acadaron fitos “que parecían impensables”. Veiga cualificou este proxecto de “integral, completo e saudable para un pobo que non quere perder a súa cultura”.

O grupo de teatro Rebuldeira, de Sarria, “naceu grazas a Buxiganga”, explica Elvira Pallares, “e neste ano tivemos que facer ata tres pases das obras que representamos en Sarria, dada a afluencia de público que está a ver no teatro, cada vez máis, unha opción de ocio e cultura”. F.Cedida

SESIÓNS FORMATIVAS PARA OS GRUPOS AFECCIONADOS

O Proxecto Buxiganga tenta fomentar a creatividade e a iniciativa cultural a través da formación de novos grupos de teatro afeccionado, polo que ven de poñer á disposición dos grupos participantes unha serie de sesións formativas a cargo de profesionais de reconocido prestixio. A actriz galega María Barcala impartiu diversos cursos dentro deste proxecto, “unha experiencia moi interesante”, na que destaca “a implicación total dos participantes a pesar das dificultades e o esforzo persoal que supón tratar de asimilar nun tempo tan breve unha técnica que require meses de exercicio”. Dende a súa experiencia, María Barcala valorou o “grandísimo interés” do Proxecto Buxiganga “en canto que posibilita ás persoas e á sociedade lucense compartir intereses e inquedanzas artísticas, culturais e de comunicación entre sí e co seu entorno”, e por “axudar a crear un magnífico ambiente de teatro afeccionado e uns espectadores con coñecemento e criterio para os circuítos profesionais”.

EN SARRIA, O TEATRO XA TIRA DA XENTE

O grupo Rebuldeira de Sarria “naceu” gracias a Buxiganga, e está a ser un bo exemplo dos obxectivos deste proxecto. Elvira Pallares, secretaria de Rebuldeira, agradece a Buxiganga “que nos permita facer teatro e salir a levar o noso traballo, e a coñecer o que fan outros grupos de Lugo e de fóra da provincia”, así como a posibilidade de mellorar tecnicamente “da man de profesionais da escena”. Pero os efectos de Buxiganga van máis aló: “ultimamente en Sarria temos que facer tres pases, da gran cantidade de xente que está a vir ao teatro”, explica Pallares, que suliña a importancia deste feito. “Ademais de ser un xeito de ocio, facer teatro é tamén facer país, apostando polo galego nestes tempos de controversia”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cómo aforrar un de cada seis depósitos de combustible no noso coche

Seguinte Nova

Pantón celebra o Nadal

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: