O Museo Xeolóxico de Quiroga está de aniversario, e cumpre o seu primeiro ano con máis de 2.000 visitas, cifra “extraordinaria para un museo tan específico e emprazado lonxe de núcleos grandes de poboación”, explica Julio Álvarez, alcalde de Quiroga.
VISITAS GUIADAS EN GRUPOS PROCEDENTES DE FÓRA DE QUIROGA
2.134 visitantes adentráronse no itinerario divulgativo que, ao longo de cinco salas, explica como se formou a orografía quiroguesa, cal era a súa fauna e flora nos momentos iniciais desta configuración, e por que a singularidade desta zona arrinca no periodo Cuaternario, hai máis de 2,5 millóns de anos. Deste xeito, o Museo Xeolóxico de Quiroga ofrece unha proposta única na Ribeira Sacra, que atrae principalmente visitantes de fóra do municipio (preto dun 90% das visitas), que na súa gran maioría solicitaron visitas guiadas en grupos para mellor aproveitar o achegamento a este museo. Ademais desta fórmula, calquer visitante pode acceder aos contidos do Museo Xeolóxico de luns a venres de 11,30 a 13 horas, e os festivos e fins de semana de 11 a 12 horas.
ABERTO Á DOCENCIA E Á INVESTIGACIÓN
Na liña do concepto de museo contemporáneo, o Xeolóxico de Quiroga “non debe ser algo estático, senón un ente vivo e abrirse á docencia e á investigación”, suliña Julio Álvarez. O rexedor local insiste na importancia deste tipo de actividades de dinamización, como as xornadas de portas abertas celebradas en Semana Santa e no verán, que ofreceron unha visita guiada para os interesados que previamente se anotaron. Asimesmo, o Museo Xeolóxico foi un dos puntos de interés na visita de campo integrada nas I Xornadas Xeolóxicas que organizou o GDR Ribeira Sacra en colaboración co Concello de Quiroga, e nas que participaron 70 persoas procedentes de toda España. O Xeolóxico congregou tamén a un total de 38 persoas no obradoiro de Arqueoloxía celebrado o pasado 24 de novembro.
RUTA XEOLÓXICA EN 2013
O Museo Xeolóxico mira tamén ao futuro, xa que será o arranque da Ruta Xeolóxica, que no Concello anuncian para 2013. “A ruta sairá do Museo Xeolóxico, para logo visitar o entorno da Seara, cos glaciares, lagoas e fervenza, e rematar no Museo Etnográfico”, explica o rexedor local. “Ver como é o medio, visitalo in situ e, finalmente, ver como vive a xente neste entorno” é o obxectivo desta ruta.