“O románico de Pantón conta con algúns dos exemplares máis interesantes desta arte en toda a Ribeira Sacra”, destacan Beatriz Pérez Pereira e María Abuín Fernández, responsables da empresa monfortina Máis que Románico. Como guías turísticas profesionais, coñecen a fondo o mapa artístico destas terras. “Son igrexas cunha simboloxía que chama a atención á primeira vista, están situadas moi próximas entre sí e inclúen exemplares únicos, como a de Eiré, con paisaxes excepcionais como os de Pombeiro ou Atán”, explican. O valor destas igrexas “xa é abondo por sí mesmas”, suliña pola súa parte José Luis Álvarez, alcalde de Pantón, “pero este atractivo natural hai que poñelo en valor para que a xente o coñeza, e por iso dende alcaldía fomos os primeiros na Ribeira Sacra en abrir as igrexas aos visitantes”.
ESFORZO MUNICIPAL POR PROMOVER ESTE ATRACTIVO TURÍSTICO
Esta iniciativa a prol de dar a coñecer o románico de Pantón estivo apoiada na decisión de manter aberta durante todo o ano a Oficina de Turismo, “algo que só facemos aquí en Pantón dentro de toda esta zona”, explica José Luis Álvarez, que deixa claro o “esforzo do Concello en organizar os medios persoais, porque cartos non hai, para manter este servizo a pesar do pouco apoio que recibimos tanto da Xunta como da Deputación”. “Vale a pena facer este esforzo, porque Pantón pode ter moito movemento de visitas durante todo o ano”, suliña o rexedor local. “Pantón ten dúas cousas que non teñen outros municipios, que e o románico e o campo de golf con balneario”, explica Álvarez; “xa se sabe que nas familias a un gústalles unha cousa e a outros outra, mentres uns fan turismo cultural os outros fan deporte, por exemplo, co cal as sinerxias entre as rutas culturais e o complexo do Balneario son unha fórmula de éxito”. Este esforzo promocional do Concello é recoñecido polos profesionais do sector turístico; as responsables da empresa Máis que románico destacan especialmente o papel da Oficina Municipal de Turismo na promoción a través de material publicitario, e a realización das xornadas do románico, que nesta edición consolidaron 25 anos de posta en valor deste patrimonio artístico. Beatriz Pérez e María Abuín destacan asimesmo a tarefa promocional do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra e de Turgalicia, que ven de deseñar un dos seus geodestinos tendo como protagonista a Ribeira Sacra. Sexa cal sexa o estímulo inicial, dende a Oficina de Turismo veñen de detectar un aumento “importante” nas consultas presenciais, así como nas visitas á web do Concello, que a data de 17 de decembro acadaban a cifra de 53.126 visitas.
ROTEIROS POLO ROMÁNICO DE PANTÓN
De idades entre os 30 e 60 anos e con bos coñecementos artísticos son o perfil dos consumidores dos roteiros que dende Máis que Románico realizan todos os venres pola tarde, entre maio e outubro, polos fitos románicos de Pantón, partindo do mosteiro das Bernardas de Ferreira. “Os nosos clientes son fundamentalmente nacionais, de Galicia, Madrid, Barcelona, País Vasco e sur de España, aínda que tamén temos visitantes ingleses e franceses”, suliñan Beatriz e María, que destacan a importancia do “boca-orella” na boa fama destes roteiros entre os seus clientes. Difícil non cumplir as expectativas nunha zona chea de tesouros naturais e arquitectónicos, que empezou a ser posta en valor de xeito intensivo no 2010 co proxecto Agroturismo en Terra de Lemos, promovido pola Universidade de Vigo. As visitas ás igrexas románicas de Pantón era un dos produtos incluidos no proxecto, no que Beatriz e María prestaron servizo como guías profesionais de turismo. “De aí arrincou a nosa empresa, para continuar coa realización destas visitas”, explican. Expertas en amosar a quintaesencia da zona aos visitantes, Beatriz e María ofrecen contexto histórico e artístico en cada igrexa, pero atenden tamén a aportar “atención a todas as necesidades engadidas que teñen os visitantes, que buscan organizar unha estancia coherente con itinerarios, visitas, restaurantes, etc para non perderse nada”. Algo que tamén realizan en roteiros combinados entre Pantón, Chantada, Saviñao e Sober (maisqueromanico@gmail.com).
NOVIDADES NA OFERTA TURÍSTICA DE PANTÓN
Para cubrir esa “estancia coherente” que buscan os visitantes ávidos de turismo cultural e gastronómico, dende o Concello anunciaron a próxima apertura de dous novos restaurantes, no Campo da Feira e en Maiorga, así como a recuperación do catamarán dende Belesar, e a inauguración dunha ruta de sendeirismo que unirá o Balneario co curro do Mosteiro.