Nas capitais de comarca o Nadal xa comezou coas primeiras actividades, e rematará o día de Reis
En Monforte xa comezou o Nadal. A decimocuarta edición do Concurso de Panxoliñas de Centros de Ensino tivo lugar o 20 de decembro no Edificio Multiusos, coa participación do grupo infantil de pandeireteiras do Concello, o Centro de Educación Infantil Caixa Galicia, o Colexio PP. Escolapios, o Colexio Infanta Elena, a Fundación Educativa Torres de Lemos e o Colexio Ferroviario.
CONCERTO DE NADAL E FESTIVAL BENÉFICO A BENEFICIO DA CRUZ VERMELLA, CÁRITAS E SERVIZOS SOCIAIS
Neste mesmo escenario terá lugar o vindeiro 22 de decembro ás 20 horas o Concerto de Nadal, coas actuacións de Cantares do Miño de Ourense, a Coral Polifónica do Concello de Monforte, e a Orquestra do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez.O 27 de decembro ás 18 horas, o Multiusos acollerá a representación teatral “Merlín”, a cargo da compañía Os Quinquilláns. As entradas para esta función, destinada ao público infantil, terán un prezo de 3€. A Sociedad Filarmónica de Monforte organiza para o día 28 ás 20 horas na Casa da Cultura o concerto da Familia Moriatov, e ao día seguinte, a partir das 18 horas no Multiusos terá lugar o II Festival Benéfico organizado pola Asociación Gramola a favor da Cruz Vermella, Cáritas e Servizos Sociais.
ABERTO O PRAZO PARA PARTICIPAR COMO PAXE NA CABALGATA, OU VIAXAR NO TREN REAL EN MONFORTE
Os Reis Magos chegarán á Estación de Ferrocarril de Monforte de Lemos o 5 de xaneiro ás 17,30 horas, e de aí arrincará a Cabalgata ata o Concello. As Súas Maxestades visitarán o día 6 os diferentes centros sociais de Monforte. Está aberto o prazo de inscrición para participar como paxes na Cabalgata de Reis; os rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria e de 1º de ESO que queiran participar deben anotarse na Oficina Municipal de Cultura, situada na casa do Concello, entre as 9 e as 14 horas. No mesmo lugar e co mesmo horario, está aberto o prazo para que os máis pequenos poidan viaxar no Tren Real.
CINE EN SARRIA
En Sarria, o cine estará presente no Nadal, coa proxección da película de animación galega “O Apóstolo”. O pase do día 29 será ás 19 horas, e o día 4 ás 18,30 horas, os dous na Casa da Cultura. A música de Nadal tamén ten o seu espazo en Sarria. O día 30 ás 20 horas na igrexa do Rosario terá lugar o Concerto da Banda, Coral e Sarricanta, e o día 6 ás 20 horas na Casa da Cultura celebrarase o Concerto de Reis de Musicantes.
DINAMIZACIÓN PARA OS NOVOS NO PAVILLÓN DO CHANTO
Dende o Concello de Sarria deseñaron un programa de actividades que, baixo a denominación Ocio no Nadal, desenvolverase do 27 ao 30 de decembro, e do 3 ao 6 de xaneiro, en horario de 16 a 20 horas. Este programa inclúe actividades como touro mecánico, castelo inchable, tirolina, rockódromo, karts pedanes, disco móbil e outros, terá lugar no Pavillón do Chanto, cun prezo de 3€ por día, excepto o 5 de xaneiro despois da cabalgata de Reis, que haberá entrada gratuíta. Durante o desenvolvemento das actividades, estará dispoñible un servizo de ambigú nas instalacións.
TALLERES DE CONCILIACIÓN NAVIDEÑA PARA NENOS, A CUSTE CERO
Na Casa da Cultura de Sarria, e durante as mañás dos días 24 de decembro e 4 de xaneiro, están organizados os Talleres de conciliación navideña para nenos. Estes talleres, de carácter gratuíto, desenvolveranse de 10 a 14 horas. Os interesados poden anotarse na OMIX e na Biblioteca Municipal de Sarria.
RECEPCIÓN Á CARROZA DE PAPÁ NOEL NA ESTACIÓN DE FERROCARRIL DE SARRIA
O día 24, Sarria recibirá a Papá Noel, que chegará na súa carroza ás 16,30 horas da Estación de Ferrocarril, e se desprazará ata a Casa da Cultura, onde ten previsto ofrecer unha recepción aos nenos e nenas de Sarria dende as 17,30 horas, e recoller as súas cartas.
NADAL MÁXICO
A maxia estará presente no Nadal de Sarria. O día 26 a partir das 18 horas, Roberto Lolo desenvolverá na Casa da Cultura o seu espectáculo Nadal Máxico, onde o mago sarrián deleitará a nenos e maiores cos seus increíbles trucos.
MILLA URBANA
Haberá tamén espazo para o deporte, coa celebración en Sarria o 31 de decembro da XI Milla Urbana. Esta carreira sairá ás 19 horas da rotonda de Samos, e rematará na Estación de Ferrocarril. Os interesados poden anotarse a través das webs www.sarria.es, e www.runningsarria.es.
CABALGATA DE REIS COMO FIN DE FESTA
Como remate destas celebracións, o día 5 sairá a Cabalgata de Reis ás 17,30 horas da Estación do Ferrocarril, ata culminar no Pavillón do Chanto.