Pulo para a agricultura ecolóxica e o forestal

Sostibilidade promovida polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia

Grazas ás axudas do PDR, Bóveda conta cunha planta de extracción e envasado de mel e polen ecolóxico, e as Mancomunidades de Montes en Man Común están a mellorar a calidade da produción forestal e o mantemento do monte

En Pazo de Lusío (Bóveda) apostaron pola innovación na planta de extracción automatizada de mel e polen ecolóxicos, grazas á axuda aportada a través do FEADER dentro do Programa de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia. EC.

O desenvolvemento rural sostible constitúe o xeito de poñer en valor os recursos naturais, e de configurar unha estructura produtiva e social que garanta un rural vivo e con futuro. Con este obxectivo, no periodo 2007-2013 desenvólvense diversos proxectos vinculados a eidos como o forestal ou a agricultura ecolóxica, a través das axudas que dende a Unión Europea e procedentes do FEADER integran o Programa de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia. O crecemento, a creación de emprego e o desenvolvemento sostible a través da mellora no coñecemento e a innovación son os eixos destas axudas, que empezan a dar os seus froitos no sur de Lugo.

AUMENTO DO VALOR ENGADIDO DOS PRODUTOS AGRÍCOLAS POLA INNOVACIÓN

A empresa Pazo de Lusío, filial de Mel da Anta, botou a andar no polígono industrial de Bóveda cun investimento de 1.641.254€, e grazas á subvención do Programa de Desenvolvemento Rural de 571.212€, xa cumpliu o seu primeiro ano de ciclo produtivo. Proxectada para a extracción de mel e polen ecolóxicos dende as súas colmeas de Samos, Brollón e O Incio, e posterior envasado na planta de Bóveda, Pazo de Lusío apostou pola innovación implementando un procesado automatizado da extracción, unha centrifugadora automatizada de cera para separala da mel, e un procesado para conxelación de polen, “algo non frecuente pero que evita que haxa que tratar o polen”, explica o xerente David Corral. Cunha produción anual de 40 toneladas de mel e 30 de polen ecolóxicos, a planta de Bóveda leva creados 5 postos de traballo, “e iremos incorporando xente según as necesidades”, explica Corral, que valora as posibilidades da agricultura ecolóxica no rural. “Dende aquí producimos e envasamos para vender sobre todo fóra, en Francia, Alemaña, Arabia Saudí, e este ano tamén en Estados Unidos”, explica Corral, “polo que este sector está xa creando riqueza e empregos no rural”.

O FEADER, a través do Programa de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia, apoia ao sector forestal con axudas específicas para favorecer a realización de tarefas de silvicultura e mellora de densidades (foto: resultado dunha clara no monte en man común de Marexe, en Monforte de Lemos). EC.
A reforestación conta tamén con axudas específicas do FEADER a través do PDR (repoboación no monte en man común de A Parte, en Monforte de Lemos). EC.

O MONTE, CLAVE NA NOSA PROVINCIA

Xerar riqueza dende os recursos forestais a través do mantemento medioambiental do monte lucense e da mellora na calidade das madeiras son os obxectivos das axudas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia destinados, entre outros beneficiarios, ás Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común, propietarias de algo máis de 200.000 hectáreas na provincia de Lugo. Estas subvencións favorecen a realización de “claras” (mellora de densidades forestais a través de talas que favorezan o adecuado crecemento da masa arbórea), imprescindibles tanto para obter unha madeira de maior calidade como para prevención de lumes. As axudas para a maquinaria, imprescindible nestas tarefas, dan pulo ás empresas forestais e xeran todo un tecido económico vinculado ao monte. Pola súa parte, as repoboacións manteñen a masa arbórea e frean os incendios, accións fundamentais para o aproveitamento sostible das máis de 650.000 hectáreas forestais da provincia de Lugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

95 millóns de euros para pagar varias axudas do PAC

Seguinte Nova

O parlamentario monfortino Vicente Docasar estréase como voceiro socialista de Educación reclamando a recuperación do programa Preescolar na Casa

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: