O pasado 14 de decembro, Raquel Arias Rodríguez tomou posesión como Delegada Territorial da Xunta en Lugo, nun acto presidido polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, quen destacou «o bo funcionamento» das cinco delegacións territoriais do Goberno galego «que, catro anos despois da súa posta en marcha, teñen consolidado o seu modelo de prestación de servizos aos cidadáns», e permitido reducir os custes en máis de 20 millóns de euros. Este aforro debeuse, explicou Rueda, á redución de delegados, que pasaron de 52 provinciais aos actuais 5 delegados territoriais, así como á reordenación do parque móbil, a racionalización en alugueiros e a redución no apartado de axudas de custo e gastos de representación. Según indicou o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, «todos estes elementos de racionalidade e eficacia teñen redundado en beneficios», como que se teñan axilizado os tempos medios de tramitación de expedientes.