3.700.000 euros para o Plan de Obras e Servizos da provincia de Lugo

•O incremento en 400.000 euros do orzamento provincial “salva” as obras do Plan •Dende a Deputación critican que “o Goberno central tentara suprimir o Plan de Obras e Servizos ao recortar a cero euros a achega estatal a este proxecto que afecta a todos os municipios”

• 6 concellos rexeitaron asumir a cofinanciación, polo que con este remanente e a rebaixa nos custes das obras do Plan o organismo provincial elaborou un Plan complementario con 22 obras máis

O POS permitirá ampliar a rede de saneamento na Prolongación da rúa Goia en Sarria. EC.

As obras provinciais e municipais incluidas no Plan de Obras e Servizos 2012 quedaron garantidas tras incrementar a Deputación de Lugo o seu orzamento, que suporá 400.000 euros máis do previsto para este concepto. A razón desta medida foi a desaparición da achega que ata 2011 aportaba o Goberno central, e que no último ano sumou 2.719.060 euros para a provincia de Lugo. Dende o organismo provincial criticaron que “o Goberno de Rajoy tentara suprimir o Plan de Obras e Servizos ao recortar a cero euros, por primeira vez na historia da democracia, a achega estatal para este proxecto dirixido aos 67 municipios lucenses”.

OBRAS PROVINCIAIS ASUMIDAS AO 100% POLA DEPUTACIÓN

Con esta nova situación, a Deputación terá que asumir na súa totalidade as obras en dúas estradas da rede provincial por un importe de 1.150.700 euros, cando no pasado exercicio investíranse en 4 estradas 1,6 millóns de euros aportados ao 50% polo Goberno central e o ente provincial.

MÁIS CARGA PARA OS CONCELLOS “POLOS RECORTES DO GOBERNO CENTRAL”

En canto ás obras municipais integradas no Plan de Obras e Servizos (POS), a financiación correspondía nun 50% á Administración central, nun 25 % á Deputación e o 25% restante aos concellos. Na última anualidade, este sistema permitiu executar 70 obras de mellora cun orzamento de 3,8 millóns de euros. Coa nova situación derivada da retirada de fondos por parte do Goberno central, a carga presupuestaria recae sobre Deputación e concellos ao 50%. Aínda así, esta anualidade do POS inclúe a realización de 61 obras en noutros tantos municipios, logo do rexeitamento de Alfoz, Bóveda, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada, por un orzamento de 1.968.858 euros. O remanente que supón a negativa destes seis concellos suma uns 90.000 euros que, según manifestaron os responsables provinciais, será empregado na posta en marcha dun Plan Complementario, financiado ademais pola rebaixa nos custes das obras que prevé acadar a Deputación unha vez adxudicadas as obras. Este Plan Complementario permitirá realizar 22 obras máis, solicitadas polos concellos, por valor de 607.931 euros.

LOITA CONTRA O PARO E O DESPOBOAMENTO DEMOGRÁFICO

En total, o Plan de Obras e Servizos permitirá a realización de 84 obras cunha dotación de 3.727.479 euros. Dende o organismo provincial salientan a importancia do Plan de Obras e Servizos “para incrementar as prestacións públicas nos municipios lucenses, combatendo o paro e o despoboamento demográfico”. As obras municipais integradas neste Plan consisten na mellora de accesos a pequenas localidade, pavimentación de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamento de redes de sumidoiros, instalacións culturais e sociais, ou alumeados públicos, o que contribúe a mellorar a calidade de vida de vilas e parroquias.

PLAN DE OBRAS E SERVIZOS NO SUR DE LUGO: 490.861,28 €

Carballedo (Optimización enerxética do alumeado público en 5 núcleos: 29.921,56 €) Chantada (Desvío augas pluviais en c/Buen Jesús: 35.332 €) O Incio (Acondicionamento de acceso a Vilar da Vara ata o límite con Bóveda: 27.215,68 €) Láncara (1ª fase da rede de saneamento e abastecemento desde rede municipal a Ariz: 28.117,60 €) Monforte de Lemos (Abastecemento de auga en Gullade: 59.000 €) Paradela (Abastecemento de auga a Toimil e Cortiñas: 31.000 €) O Páramo (Acondicionamento e mellora de accesos en 4 núcleos: 25.411,76 €) A Pobra do Brollón (Acondicionamento e mellora de accesos en 9 núcleos: 25.411,76 €) Quiroga (Accesos a 3 núcleos, e pavimentación de rúas en Quiroga, Hospital, Bendilló, A Barca e Penarrubias: 28.117,64 €) Ribas do Sil (Accesos a núcleo de Pumares: 23.607,84 €) Samos (Acondicionamento e mellora de accesos a Reigosa, Estraviz e Carqueixeda: 26.313,72 €) Sarria (Ampliación da rede de saneamento en prolongación da c/Goia: 35.333,32 €) O Saviñao (Acondicionamento e mellora dos accesos a 12 núcleos: 33.529,40 €) Sober (Saneamento e depuración en Castroseiros -Neiras: 30.823,52 €) Taboada (Acondicionamento de accesos en Cerdeda e Quintá: 29.921,56 €) Triacastela (Acondicionamento do Camiño da Pena en Biduedo: 21.803,92 €)

PLAN COMPLEMENTARIO NO SUR DE LUGO: 163.745 €

Chantada (Pavimentación en Barrio Buen Jesús: 72.000 €) Láncara (2ª fase da rede de saneamento e abastecemento dende a rede municipal a Ariz: 21.000 €) Paradela (Acondicionamento e mellora do camiño local de Pereiro á parroquia de Castro de Rei: 27.215,68 €) Quiroga (Acondicionamento de accesos a 6 núcleos: 28.000 €) Taboada (Accesos a Zoas: 15.529,174 €)

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Balance “moi positivo” do Foro Saúde organizado en Monforte pola Plataforma en Defensa da Sanidade pública (PLADESAPU)

Seguinte Nova

Unha amable transición

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: