A Cabalgata de Reis de Bóveda, unha tradición con historia

A comitiva real rematou o seu itinerario na Casa da Cultura de Bóveda, logo dunha tarde de maxia e agasallos. (Foto cedida).

Aínda que a figura dos Reis Magos de Oriente resulta indiscutible no noso Nadal, Bóveda foi pioneira na implantación da cabalgata como evento festivo, cando aínda nin en Monforte saían os nenos ás rúas a ver pasar a comitiva rexia. Así o refiren as escolmas recollidas entre os veciños dende o departamento de Cultura do concello de Bóveda, e que dan testemuña dunha tradición recente pero novidosa nas nosas terras.

DON MODESTO, UN CURA DINAMIZADOR DA PARROQUIA

Según explica Dona Lolita, unha das persoas que aportou datos para debuxar a pequena e fermosa historia da Cabalgata de Reis de Bóveda, esta tradición remóntase aos anos 60, cando Don Modesto, un cura que veu destinado a Bóveda dende a monfortina igrexa da Régoa, decidiu aproveitar os relatos vinculados ao nacemento do neno Xesús para darlle un pouco de actividade á súa nova parroquia. O seu impulso dinamizador no eido sociocultural fixo poñer en marcha a todo o vecindario na organización da primeira Cabalgata que se viu por esta zona; ademais de ánimo e ideas, Don Modesto aportaba tamén o atrezzo necesario para a recreación bíblica, conseguindo tanto as roupas como as pinturas e barbas da tríada de Maxestades e da súa comitiva rexia.

Neste Nadal, os Reis Magos visitaron en Bóveda aos novos veciños e veciñas da residencia para persoas con discapacidade, acompañados da Banda de Gaitas e por personaxes inesquecibles como Bob Esponja o Pocoyó. (Foto cedida).

UNHA COMITIVA BEN ORGANIZADA, E CON AGASALLOS PERSONALIZADOS

Según conta Dona Lolita, nos primeiros anos as Súas Maxestades de Oriente facían dacabalo o percorrido polas rúas de Bóveda, pero o progreso dos tempos e o maxín creativo de Don Modesto acabaron por mecanizar o real itinerario, primeiro con carrozas instaladas en carros de labor e despois en tratores. A disposición dos participantes non era ao chou, senón que respondía a todo un protocolo que situaba sempre aos tres Reis Magos nas primeiras carrozas seguidos pola súa comitiva, e reservando a última delas para carretar os agasallos, xa etiquetados co nome de cada neno e nena.

CABALGATA DENDE O VIVERO ATA A IGREXA PARA A ENTREGA DE AGASALLOS

Este novidoso evento estaba protagonizado polos tres Reis, os Pajes e Papá Noel, según refire Dona Lolita. En torno a estes persoeiros discurría o desenvolvemento da cabalgata, que partía do Vivero en Ver e desfilaba ata a Igrexa, escoltados por homes que portaban antorchas. Este formato de cabalgata mantívose ata os anos noventa, e fixaba a igrexa como o punto de entrega de agasallos aos cativos. Agora, a gala dos regalos se ven realizando no Centro Sociocultural, pero mantendo o mesmo protocolo que naqueles tempos: Papá Noel chamaba aos rapaces un por un, o Paje encargábase de buscar o agasallo correspondente e entregarllo ao Rei, quen o daba en man a cada neno e nena.

ANÉCDOTAS INFANTÍS NAQUELAS CABALGATAS

Aínda que se coidaban todos os detalles, din os máis vellos que algún rapaz estivo a punto de destripar este teatro benintencionado. Disque nunha ocasión, un neno recoñeceu ao cabalo do Calderilla, famoso na parroquia, e non se explicaba como era posible que viñera cos Reis de Oriente. Outros din que unha nena recoñeceu na voz do Papá Noel o ton do que foi ATS en Bóveda: “Esa é a voz do meu pai”, e case rompe o feitizo… •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Basilio Losada trae ao sur de Lugo o premio Otero Pedrayo

Seguinte Nova

Sarria incorporouse á rede de compostaxe doméstica

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: