A Xunta investirá máis de 11 millóns de euros en Monforte, dos que 4 irán ao Porto Seco

•Raquel Arias explicou que 1,25 millóns de euros serán para rematar a urbanización da primeira fase, e este ano comezarán as obras de conexión coa N-120 cun investimento de 4,15 millóns •A nova potabilizadora de Ribasaltas contará con 740.000 euros de inversión en 2013 • Ademais, as obras do corredor Sarria-Monforte teñen asignada unha partida de 5,4 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada da diputada autonómica monfortina Julia Rodríguez, reuniuse na sede da CEL en Monforte con membros da Plataforma Cidadá en Defensa da Comarca de Lemos e representantes dos empresarios da zona, para presentarlles os investimentos da Xunta en Monforte para 2013. GPDT.

Os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2013 referidos ás grandes infraestruturas están directamente vinculados a Monforte e ao sur de Lugo. Así o explicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na xuntanza que mantivo na vila do Cabe con membros da Plataforma Cidadá en Defensa da Comarca de Lemos e con representantes do empresariado local.

OS MAIORES INVESTIMENTOS EN INFRAESTRUTURAS ESTARÁN NO SUR DE LUGO

A representante da Xunta en Lugo precisou que a segunda gran partida en infraestruturas de todos os Orzamentos 2013 está destinada á Vía de Alta Capacidade Sarria-Monforte, que conta cun investimento de 5,44 millóns de euros para este ano, e que no apartado de solo empresarial, o remate da urbanización da primeira fase do Porto Seco de Monforte ocupan o terceiro posto no ranking de investimentos da Xunta para 2013, con 1,25 millóns de euros. A esta partida habería que engadir, según explicou Arias, os 4,15 millóns de euros que dende a Dirección Xeral de Mobilidade están consignados para o inicio das obras de conexión do Porto Seco coa N-120. A maiores, Monforte disporá tamén de 740.000 euros de investimento para a mellora e ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable de Ribasaltas, dentro dun convenio suscrito entre Acuanorte, Augas de Galicia (dependente da Xunta) e o Concello de Monforte. Asimesmo, dentro das inversións en infraestruturas de servizos, os Orzamentos autonómicos destinan unha importante partida, 810.000 euros, para actuacións de saneamento no Concello de Pantón.

A XUNTA APOSTA POLO PORTO SECO COMO “PROXECTO COMPETITIVO”

Raquel Arias cualificou estes Orzamentos da Xunta de “realistas e eficientes”, e que servirán para “asentar un crecemento económico firme, baseado nun proxecto competitivo”, en alusión ao Porto Seco, “e acompañado de modernas infraestruturas de comunicación”, en referencia ao enlace coa N-120 e ao corredor Sarria-Monforte. Arias suliñou que “a Xunta vai a impulsar o Porto Seco co fin de atopar empresas interesadas en instalarse na plataforma loxística de Monforte”, e precisou que as tarefas de promoción estarán coordinadas pola Dirección Xeral de Mobilidade. A delegada da Xunta en Lugo destacou que, á vista destas cifras, “en materia de infraestruturas Monforte vese claramente beneficiada por estes Orzamentos”.

ARIAS: “OS ORZAMENTOS DESTE ANO MULTIPLICAN POR DOUS O INVESTIMENTO PER CÁPITA EN LUGO DO ÚLTIMO PRESUPOSTO DO BIPARTITO”

En valores absolutos, a análise dos Orzamentos presentada por Raquel Arias na xuntanza celebrada en Monforte extrae como conclusión que “o Executivo de Feijóo para 2013 multiplica por dous o investimento per cápita na provincia de Lugo con relación ás contas do bipartito no 2009, en plena bonanza económica”, xa que, según Arias, os Orzamentos de 2013 supoñen un investimento de 767 euros por lucense, mentres que os do 2009 do bipartito achegaban 374 euros por habitante. No apartado de infraestruturas, Raquel Arias lembrou que Lugo é a provincia na que a Xunta investirá máis diñeiro por habitante, cun total de 170 euros por cada lucense.

MEDIO RURAL INVESTIRÁ 77 MILLÓNS EN LUGO

Raquel Arias destacou tamén “o peso específico” dos investimentos da Consellería de Medio Rural e Mar na provincia de Lugo, que destinará máis de 77 millóns de euros nas diversas áreas da súa competencia. Así, a Consellería de Medior Rural e Mar desenvolverá programas de impulso á industrialización e comercialización no sector agrogandeiro e pesqueiro e promoverá accións de xestión dos recursos mariños, á vez que levará a cabo plans de axudas ás explotacións agrarias e de posta en valor do sector forestal. Dentro do impulso ao medio rural, a Xunta de Galicia destina nos Orzamentos para este ano unha partida de 4,7 millóns de euros para o desenvolvemento na nosa provincia do plan de incorporación de mozos á actividade agrogandeira.

ARIAS: «NUNCA O GASTO SOCIAL TIVO TANTO PESO NUNS ORZAMENTOS AUTONÓMICOS»

En canto aos servizos públicos esenciais, Raquel Arias destacou que «nunca o gasto social tivo tanto peso nuns Orzamentos da Xunta», e precisou que o 77% da totalidade do gasto vai dirixido a «blindar a sanidade, a educación e os servizos sociais para garantir os piares do Estado do Benestar».

NOVIDADE NOS ORZAMENTOS: CREACIÓN DO FONDO DE CRECEMENTO

Ademais de cumprir co obxectivo de apuntalar estes servizos básicos, os Orzamentos autonómicos «apostan por impulsar o progreso económico», explicou Arias. Con este fin, habilítase por vez primeira un Fondo para o Crecemento destinado a emprendedores, dotado con 386 millóns de euros, dos que ata 113 poderían ir dirixidos á provincia de Lugo. Este Fondo terá como obxectivos, entre outros, reter e atraer talento, aproveitar as potencialidades da comunidade, desenvolver novos produtos e servizos, favorecer a creación de empresas e o seu acceso ao mercado e ao financiamento, reforzar a internacionalización das empresas galegas, modernizar o tecido industrial e axudar ao reequilibrio territorial. Os beneficios práticos deste Fondo de Crecemento serán, entre outros, a rebaixa selectiva de impostos, co fin de favorecer os proxectos dos emprendedores galegos. Así, haberá unha dedución do 20% do IRPF para a creación de novas empresas ou ampliación da actividade de empresas de recente creación, e duplicarase a dedución xa existente para investimento en accións ou participación de novas empresas.

IMPULSA LUGO

Nesta liña de fomento da actividade económica, o Fondo de Crecemento supón un complemento ao Plan Impulsa Lugo que, según os responsables autonómicos, mantén todo o seu potencial de apoio aos emprendedores que inicien ou amplíen o seu negocio na nosa provincia.•

Os socialistas consideran «insuficientes» as partidas orzamentarias da Xunta para o sur de Lugo, o que «atrasa aínda máis» as grandes infraestruturas

•O deputado monfortino Vicente Docasar reprochou ao Conselleiro de Educación os recortes en materia universitaria, ensino non universitario e política lingüística, e esixiu «máis respecto ao profesorado»

O deputado autonómico Vicente Docasar, acompañado do responsable comarcal socialista Roberto Castro, mantivo unha xuntanza coa Plataforma Cidadá en Defensa da Comarca de Lemos. EC.

• Na reunión mantida en Monforte con membros da Plataforma Cidadá en Defensa da Comarca de Lemos, o deputado autonómico Vicente Docasar tomou o compromiso de impulsar varias iniciativas parlamentarias «para garantir os investimentos do Goberno galego». Así, os socialistas rexistraron varias preguntas en comisión parlamentaria e en pleno, así como unha proposición non de lei, para que a Xunta explique cal é o seu compromiso e os seus prazos para a posta en marcha do Porto Seco de Monforte. Os socialistas instan á Xunta a “poñer en funcionamento a plataforma loxística no primeiro semestre do ano 2014”, e a “deseñar unha oferta de solo que contemple diferentes opcións que faciliten a implantación empresarial nun contexto de grave crise económica, como o alleamento con período de carencia ou o aluguer con opción de adquisición”. En canto ás partidas orzamentarias para os accesos ao Porto Seco, Docasar criticou que o maior investimento queda aprazado para 2014, e a plataforma «está condenada a un atraso que a economía da provincia non se pode permitir». Docasar insistiu nun dato «moi significativo», xa que tan só 100.000 dos 4,1 millóns de euros aportados no 2013 pertencen a fondos propios da Xunta, e o resto son fondos Feder, «o que amosa que non hai interés por facer un esforzo en rematar canto antes» unha obra que a Unión Europea considera «estratéxica, mentres que o Goberno autonómico a ignora».

RETRASOS TAMÉN NA FINALIZACIÓN DO CORREDOR SARRIA-MONFORTE

Vicente Docasar lamentou tamén que «a Xunta volve a atrasar como mínimo dous anos máis» a finalización das obras do corredor Sarria-Monforte. O deputado monfortino critica que a partida que nos Orzamentos do ano pasado se estimaba executar en 2013 queda agora reducida á metade, e o resto do investimento queda para 2014 e 2015, «co que ata 2016 non haberá nada, e iso no mellor dos casos, se realmente executan o previsto». Asimesmo, Docasar criticou que nos Orzamentos da Xunta non haxa «nin rastro» das promesas do PP en canto á gardería municipal ou o campo de fútbol de Láncara. Aludiu tamén á ausencia de partidas destinadas a Sarria, como o novo xulgado, o centro de día, os vestiarios do campo de fútbol, ou a adquisición da torre do Batallón. Docasar insistiu en que tampouco aparece especificado o convenio para arranxar a travesía Diego Pazos, unha «importante» promesa electoral do Conselleiro de Medio Ambiente.

CRÍTICA AOS RECORTES EN INVESTIMENTOS PARA EDUCACIÓN

En canto á educación, Vicente Docasar realizou unha intervención no Parlamento de Galicia na que reprochou ao Presidente da Xunta que “estes non son uns orzamentos para un tempo de crise”, senón que os populares “se aproveitan dela para facer un cambio de modelo nos servizos públicos esenciais”. Docasar criticou o recorte en 22 millóns na partida para universidades, o que «provocará un incremento brutal das taxas universitarias no vindeiro curso». O socialista lamentou a baixada en 132 millóns nos orzamentos para Infantil e Primaria nos últimos catro anos, e a de 118 millóns para Bachillerato e FP. Docasar esixiu volver ao sistema de gratuidade dos libros de texto porque o modelo de gratuidade solidaria dos populares «é máis beneficioso para as editoriais e librarías, pero está deixando tiradas a moitas familias”. Lamentou asimesmo que o orzamento para Política Lingüística sexa un 66% menor que no ano 93, «con Fraga no Goberno». Por último, Docasar lembrou que “ningún sistema educativo pode avanzar sen a implicación do seu profesorado, e para iso cómpre respectalo”.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Unha amable transición

Seguinte Nova

Plan Estratéxico de Subvencións provincial: máis apoio aos concellos en servizos e fomento do emprego

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio