•Este colectivo está a preparar unha segunda edición deste Foro “dado o interés suscitado na cidadanía” •En breve convocarán a todos os axentes sociais de Monforte para trasladarlles as conclusións destas xornadas
Os portavoces de PLADESAPU valoraron “moi positivamente” a participación da cidadanía no Foro Saúde organizado en Monforte na primeira quincena de decembro. “Os cidadáns amosáronnos a súa satisfacción con este evento, e queren que se repita”, indicou Maribel García, portavoz deste colectivo. O Foro Saúde congregou a especialistas sanitarios e xestores públicos en torno a temas de interés xeral, como os medicamentos xenéricos e a sustentabilidade do sistema público de saúde. Dada a importancia para a cidadanía das afirmacións verquidas durante estas xornadas polos responsables de Sanidade e por expertos do eido sanitario, dende PLADESAPU teñen previsto convocar en breve unha reunión con todos os sectores sociais de Monforte para transmitirlles as conclusións deste Foro Saúde. En vista dos bos resultados deste evento, os portavoces de PLADESAPU anunciaron que están a preparar unha segunda edición do Foro Saúde.